20180402

Revisitando As Catedrais na documentación xa aprobada

Un artigo en Facendo Camiño (o blog de Iván Rodríguez Lombardero) lévame a lembrar algo semellante, moito menos elaborado e moito menos extenso, sobre As Catedrais, que fixera no blog hai xa tempo.
Non me refiro ó parágrafo "O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitats naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello" publicado en decembro en 'Perigos nas Catedrais', nin á testemuña de 'Unha volta polas catedrais', nin tampouco á evidencia de que os números previstos pola Xunto son papel mollado ('Tódolos días, agás un') ou que o descontrol é algo evidente ('Habitudes', 'Domingo nas Catedrais'), senón máis ben ás cousas sobre o deterioro  debido ás cantidades de xente (Tres fotos das Catedrais), Mirando os números das Catedrais ou 'Os turistas poden, os de Ribadeo non', precedidos de advertencias sobre os tres niveis de impacto contemplados para o cálculo de visitantes.
Agora, Facendo camiño fai unha lectura detida sobre os cálculos que levaron ó número máxico e incumprido de visitantes, e recomendo a súa lectura. Non, non explica que se caigan pedras, proceso natural incrementado despois dunha época de chuvia nunha zona agredida de diversos xeitos, pero si da unha boa idea da liviandade do tratamento xeral que se ten dado ás Catedrais.
Por certo, hai outro artigo do blog, 'Cando as as barbas do teu viciño...' que tampouco viría mal repasar, despois de constatar que trans un primeiro momento vanse superpoñendo capas de discusión que sepultan a morte debaixo dunha 'causa inicial'.
Noutra orde de cousas, despois dun primeiro momento de mangaconombro, hoxe a conselleira xa dixo pola radio que non era responsabilidade súa... e que era un proceso natural en todo o Cantábrico. coido que en ambas cousas se equivocaba: nunha, por incumbencia contractual, se non legal directamente, e noutra, porque se As Catedrais fora igual que todo o Cantábrico, non habería unha soa praia das Catedrais, senón múltiples...
--
O artigo de Facendo Camiño:

Revisión crítica do estudo da capacidade de acollida do MN As Catedrais.

O estudo da capacidade de acollida do Monumento Natural de As Catedrais, contido no Anexo III do Decreto polo que se amproba o seu Plan de Conservación, é a base que sustenta a limitación do acceso á praia en 4.812 persoas/día. O estudo, criticado xa polo xeógrafo Vidal Romaní en datas precedentes, contén un bo número de incongruencias que deben levar a desbotar a súa validez a eses efectos. Preténdese neste artigo analizalo co detemento preciso.
O estudo baséase na proposta de Cifuentes (1992) para espazos protexidos de Latinoamérica, modificada por Gómez-Limón García, J. y García Ventura, D. (2014) para adaptala ás singularidades de diferentes parques nacionais do territorio español. Trata de establecer un límite ó número de persoas que pode visitar un espazo sen prexudicar de xeito significativo o mesmo e mantendo unha experiencia turística de calidade.
O método diferencia a capacidade de acollida física (CAF) que ven a indicar a xente que colle no espazo da capacidade de acollida ecolóxica (CAE) que serve para limitar esa cantidade en función do impacto no ecosistema.
Capacidade de Acollida Física
A CAF calcúlase multiplicando as personas que collen na superficie do Monumento polas quendas que poden entrar nel nun día. Calcúlase a xente que colle medindo a superficie media do areal (estímase unha superficie media en marea baixa de 50.000 m2) e nas zonas visitables da zona superior (sendeiros internos do Monumento Natural (2.000 m2), restaurante (2.200 m2), aparcadoiro (1.750 m2) e merendeiro (1.700 m2). A superficie total visitable suma 57.600 m2.
Obsérvase que o estudo suma a superficie fóra da praia á do areal, cando a limitación de acceso está a aplicarse só para o areal.
Para definir o espazo que precisa cada persoa téñense en conta 3 posibilidades: un criterio de uso intensivo (5 m2/visitante), medio (10 m2/visitante) ou baixo (25 m2/visitante). Un espazo protexido de pequena dimensión e un enorme atractivo natural debera optarse polo estándar máis baixo (aínda que ter unha persoa a 5 metros de distancia todo o tempo tampouco semella ser un uso baixo).
O estudo opta, sen máis xustificación, por un criterio de uso medio. Obtemos dese xeito un dato de partida de 5.000 persoas na praia e 700 fóra dela, un total de 5.700 persoas simultáneamente no Monumento Natural.
A continuación o estudo calcula cantas quendas de visita collen no monumento, para o que divide as horas nas que a praia é visitable (estima 4 horas diarias) polo tempo necesario para visitala (estima 1,5 horas). Para a zona superior establécese unha dispoñibilidade de 12 horas e tamén 1,5 horas por visita a esta zona). O resultado son 2,66 quendas de visita á praia e 8 quendas de visita á zona superior.
Multiplicando a xente que colle simultáneamente polo número de quendas o autor obtén unha CAF de 19.420 visitantes diarios (13.300 na praia e 6.120 fóra dela).
De terse empregado o criterio de ocupación baixa, o resultado sería de 7.768 persoas, delas 5.320 na praia.
Capacidade de acollida ecolóxica (CAE)
A CAE tenta de determinar o número máximo de persoas por encima do cal comezan a aparecer impactos críticos e/o irreversibles ca dinámica natural dos ecosistemas non pode restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas afectados ou limiar de cambio aceptable (LCA).
A calquera persoa mínimamente formada no eido ambiental non se lle escapará a complexidade da valoración apriorística da resposta dun ecosistema á acción humana: calquera modelo que pretenda facelo suporá unha enorme simplificación. Neste caso a capacidade de acollida ecolóxica estímase multiplicando a capacidade física antes calculada por coeficientes redutores en forma de porcentaxes -os factores de correción- que consideran, din as autoras, variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo.
Os factores empregados para identificar aqueles impactos críticos que poidan supoñer restriccións totais ou parciais do uso público, así como plantexar medidas correctoras naqueles casos nos que os impactos sexan moderados e/ou reversibles, son os seguintes:
  • a) Factor de erosividade (FCero)
Estima a proporción da superficie do monumento natural que presenta riscos de erosión en función da pendente e do comportamento das visitantes. Considera que pendentes por baixo do 10% presentan risco 0, entre 10 e 20 risco 1 e superior a 20 risco 1,5, polo que multiplica eses valores pola proporción de superficie neses intervalos de pendente obtendo un coeficiente de 0,66. Este valor mutiplícase pola CAF reducindo o seu valor a un 66% do orixinal.
O cálculo do factor non está descrito nin xustificado axeitadamente no documento. Fálase de diferentes tipos de substrato que non son tidos en conta. Desbótase a erosión nas zonas de baixa pendente cando é precisamente nestas zonas sobre os cantís onde máis erosión aparece. Dáse o máximo valor ás fortes pendentes cando son rochosas e nelas non hai circulación de visitantes. En definitiva, substitúen a erosividade pola pendente do terreo.
  • b) Factor de marea (Fcmar) (só de aplicación na zona do areal)
A influencia da marea considérase como limitante do espazo na praia, considerándose no cálculo só as épocas de elevada demanda (Semana Santa e verán). Enténdese que hai 8 horas non aproveitables cada día das -segundo Meteogalicia- 14,03 horas de luz medias, obténdose unha proporción de tempo aproveitable do 0,43.
Lonxe de ser un factor ecolóxico, trátase dun axuste da superficie antes calculada para a marea baixa, reducindo a extensión media durante o horario de visitas a unha cifra inferior á metade do máximo.
  • c) Factor de precipitación (FCpre)
A precipitación considérase un factor nos casos en que a choiva é superior a 4mm diarios. A proporción de días sen eses niveis de precipitación na estación da escola Pedro Murias nos días de Semana Santa e verán, é de 0,87.
Non é tampouco un criterio ecolóxico senón un condicionante turístico.
  • d) Factor de superficie disponible (Fcsup) (só para a parte superior do Monumento)
Estímase para axustar a superficie efectiva á visitable, mediante un cociente entre a extensión das zonas de acceso público e a superficie total do Monumento fóra do areal. Ten un valor de 0,79.
Coeficiente redundante, dado que a superficie empregada nos cálculos excluía xa a zona non visitable.
  • e) Factor de vegetación (FCvex)
As autoras recoñecen a degradación actual da vexetación, pero entenden que unha vez implementado o Plan de Conservación os efectos non serán significativos sobre a vexetación protexida, e consideran que tampouco o serán sobre a que non o está. Non se calcula coeficiente reductor debido á vulnerabilidade da vexetación ó pisoteo, o que supón na práctica un coeficiente de 1 (ausencia de vulnerabilidade).
Sorprende que no mesmo apartado se comece admitindo un impacto actual importante e se remate coa insignificacia do mesmo. Enténdese polas autoras que grazas a unhas pasarelas que non existen non haberá pisoteo e tampouco impacto.
  • f) Factor de fauna (FCfau)
Análogamente ó caso da vexetación, enténdese que non é significativo o impacto sobre a fauna, polo que se aplica un coeficiente de 1.
Sorprende o desprezo das responsables do estudo pola análise da degradación da vexetación e da fauna nun espazo protexido tamén polos seus valores ecolóxicos e non só xeolóxicos, e sometido á maior presencia de visitantes de toda Galicia.
  • g) Factor de impactos derivados del comportamiento de las personas visitantes (FCvis)
Remata a lista de coeficientes empregados cun factor que valora a proporción de "días de non aplicación de limitacións pola escasa afluencia" (todo ano excepto Semana Santa máis 3 meses no verán) fronte ó total de días, obténdose unha proporción de 0,72.
Trátase dun coeficiente que propón unha redución da cantidade diaria de visitantes proporcional ós días sen limitación no ano. É dicir, que se a limitación de acceso fóse aplicada todos os días o coeficiente sería 0 e non podería pasar ninguén ó Monumento Natural.
Finalmente, a CAE estímase multiplicando ós valores iniciais de Capacidade de Acollida Física por estes coeficientes, excluíndo -de acordo co texto- para a zona do areal os de "erosión" e "superficie" e para a zona superior o "coeficiente de marea".
Dese xeito, para a zona do areal obtéñense, para o criterio de ocupación medio finalmente adoptado:
CAE areal = 13.300 visitantes/día x (0,43 x 0,87 x 0,72) = 13.300 x 0,21 = 2.792 visitantes/día
CAE zona superior = 6.120 visitantes/día x (0,66 x 0,43 x 0,87 x 0,72) = 6.120 x 0,33 = 2.020 visitantes/día
A suma desas cantidades é a que da o total de 4.812 persoas diarias que está a aplicarse na actualidade.
Conclusións
  • Sorprende saber que o modelo empregado pola Consellería establece un máximo de 2.792 visitantes diarias para a praia, admitíndose as restantes 2.020 visitantes no resto do espazo protexido. Porén, na actualidade a suma total está a empregarse como límite para o acceso ó areal, non estando implementada 3 anos despois limitación alguna ó respecto da zona superior.
  • Sorprende tamén que eses valores sexan produto dun erro, xa que a multiplicación dos tres coeficientes de aplicación á praia dá 0,27 e non 0,21. O 0,21 xorde de multiplicar ese 0,27 polo coeficiente de superficie 0,79, é dicir, débese a ter aplicado ó areal un coeficiente que o propio texto di que é de aplicación só na zona superior. De aplicarse o valor correcto de 0,27, a capacidade de carga resultante para a praia sería de 3.591 persoas diarias.
  • Finalmente, de aplicarse un criterio que priorice a conservación como é "de lei" nun espazo protexido habería que optar polo criterio de ocupación baixo, é dicir, polo CAF de 5.320 para a praia e 2.448 para o resto do Monumento Natural. Nese caso os valores obtidos para a Capacidade de Acollida Ecolóxica serían: CAE praia = 5.320 x 0,27 = 1436 visitantes/día, e CAE zona superior = 2448 x 0,33 = 800 visitantes/día*
  • En todo caso, a realidade é que os coeficientes de erosión, de superficie e de comportamento dos visitantes empregados, como pode deducirse deste somero análise, carecen de calquera rigor, servindo únicamente para reducir o valor físico inicialmente calculado a unha cifra que se considerou aceptable. Deben ser substituídos por unha análise rigorosa da capacidade de acollida e resiliencia dos ecosistemas presentes no Monumento Natural.
* De aquí xorde probablemente a cifra que propón Vidal Romaní para o acceso ós cantís.
NOTA FINAL: En definitiva, estes números non teñen en conta consideración ecolóxica algunha e non se poden considerar máis ca un axuste arbitrario dunha CAF arbitraria, e en nengún caso unha avaliación da Capacidade de Acollida Ecolóxica, xa que a ese respecto nin se analiza a degradación dos ecosistemas, nin a resiliencia das formacións, nin se aplicaron estudos sobre impactos do recreo na vexetación ou na fauna realizados noutras contornas similares a este espazo.

Ningún comentario: