20140818

Pensamentos lixeiros para agosto: o conto de nunca (a)ca/b/var

Voltou agosto, ano tras ano, e de xeito cuasi anual, dende hai unha década, protesta polo ouro en Tapia de Casariego. Iso si, cada ano o 'conto de nunca acabar' que se resiste a ser o 'conto de nunca cavar' presenta cambios para que nada cambie, como sentenza o dito: ben é unha nova empresa que aparece no panorama, despois de mercar dereitos, absorber a anterior ou o que sexa, ben é unha cuestión administrativa, sexa que a administración salta o que faga falla para favorecer a empresa de turno ou mesmo a empresa contribúe a cambiar a administración, sexa o obscurantismo do proceso que deixa dúbidas, como esta volta. Mentres, prospeccións que dan adiante ou prezo do ouro que recúa e con el a intención da empresa, prazos caducados e renovados, campaña propagandística empresarial e promesas de traballos e 'de ouro' a quen apoie a mina de ouro...
Este ano, unha nova protesta en plenas festas de Tapia, e un informe do instituto mineiro que interpretado pola Consellería correspondente do Principado din que di que a mina será inocua respecto ó medio ambiente. Pero o informe non é público, senón só a interpretación do Principado. E, a mesma semana, unha balsa dunha mina equivalente en América racha e provoca unha catástrofe. Non é estraño que xurdan dúbidas sobre a 'interpretación' do Principado.
E, se segue a subir o ouro, coa quimera do ouro seguirá a loita; se baixa, haberá un descanso, ata que a mina se faga. Si?
*Unha nota: procura por ouro no espazo de procuras da dereita da páxina ou aquí. Alí tes abondas máis entradas que as ligadas sobre o ouro en Tapia.

Ningún comentario: