20171019

Bando do concello sobre incendios (e nota de prensa)

Deixo abaixo o bando e a nota de prensa correspondiente que sacou o alcalde en relación óa incendios forestais, neste caso sen máis comentario.

Incendios
 18/10/2017
A través dun Bando o alcalde, Fernando Suárez, subliña a obrigatoriedade dos propietarios de montes de manter as distancias establecidas por lei entre as plantacións e os núcleos de poboación, para así evitar a propagación dos lumes. O rexedor referiuse aos incendios rexistrados nos últimos días en Galicia, que atribúe aos que plantan lume, pero tamén á nefasta política forestal da Xunta e á errática política de prevención e extinción.
Fernando Suárez dixo: "todos estamos vendo o que está pasando no noso país aínda que afortunadamente non pasou pola nosa comarca nin polo noso concello desta volta, pero iso non quere dicir que mañá mesmo en calquera momento poidamos ter esas desgrazas, que incluso se levaron a vida de persoas".
O rexedor ribadense manifestou que "seguramente para todo isto hai moitos culpables e moitos responsables, supoño que os primeiros son os que plantan lume, pero tamén hai que falar claro e hai que dicir que hai unha nefasta política forestal por parte das autoridades autonómicas. Hai unha falta de políticas racionais e realistas para o noso envellecido e despoboado rural desde logo, tamén hai unha errática política de prevención e extinción de incendios, e hai unha falla de cortalumes eficaces ou de devasas que poderían ter actuado contra o lume".
Fernando Suárez sinalou que "máis aló de todo isto estou convencido que non podemos quedar laiándonos e pregándolle a deus que chova. Temos polo tanto que actuar, que isto non volva pasar é unha tarefa de todos, e todos temos que actuar, e no que lle competa aos concellos tamén. Polo que a partires de agora imos aplicar con todo o rigor posible o que se establece nas leis sobre as distancias que se deben manter das plantacións, especialmente dos eucaliptos e dos piñeiros, que é o que máis abunda no noso concello, a respecto dos núcleos de poboación, tanto urbanos como das parroquias así como tamén das vivendas illadas".
O alcalde admite que "seguramente isto non lle guste a todo o mundo, pero por catro eucaliptos ou catro piñeiros de máis non imos mirar para outro lado e contribuír a poñer en perigo as vidas das persoas, desde logo en Ribadeo non".
Suárez Barcia subliñou que "a partir da publicación deste Bando que imos repartir por todas as parroquias e por todos os lugares do concello, para calquera dúbida que teñan os veciños e veciñas deberán acudir á Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo ou ben que pregunten na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo a través dos teléfonos que se establecen no Bando".
O rexedor indicou que "se os propietarios dos montes non fan eses retranqueos obrigatorios a vivendas e a núcleos de poboación, iremos enviando notificacións aos seus titulares que van acabar ou ben con execución subsidiaria, é dicir da corta necesaria por parte do Concello, ou ben con expedientes sancionadores e multas cohercitivas ou ambas as dúas cousas".
Para o alcalde de Ribadeo "a vida da xente e a conservación do noso medio natural está por riba de todo o demais, polo tanto pídolle á poboación e aos propietarios de montes por favor que sexan consecuentes. Valoramos os recursos económicos que producen os montes, pero tamén valoramos o abandono no que están moitos deles, e non valoramos positivamente o descoido que moitos propietarios teñen con respecto ás distancias a plantacións, aos núcleos e ás vivendas. Habemos facer todo canto estea na nosa mao para normalizar esa situación neste concello".

Ningún comentario: