20140502

Asinada por tódolos grupos políticos do concello e o portavoz das asociacións veciñais: Ribadeo segue unido para conseguir a residencia

Corto e pego a nota de prensa do concello:


ESTÁ ASINADA POR TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS NO CONCELLO

Nova carta a Beatriz Mato

02/05/2014
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo acaba de enviarlle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar na que lle lembra que o Concello agarda desde decembro para formalizar a partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta para esa importante e necesaria infraestrutura. E pídelle que decida dunha vez por todas, "se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden". A comisión considera que hai unha clara falla de vontade política en apoiar un proxecto ao que a Deputación de Lugo destinou 1.823.000 euros.
Na carta enviada a Beatriz Mato a comisión lémbralle que "levamos desde o 20 de decembro, data en que presentamos a última documentación, á espera de que nos comunicaran o procedemento a seguir para garantir ou formalizar o finanzamento comprometido por parte da Xunta. Vímonos en consecuencia na obriga de prever nos orzamentos do Concello a achega que vostede nos prometeu con cargo a fondos propios, debido a que tiñamos que licitar a obra para poder investir, e non perder as partidas anuais consignadas pola Deputación e que, necesariamente, xa temos que empezar a xustificar nesta anualidade 2014".
Sobre o informe que hai uns días chegaba ao Concello de Ribadeo desde dúas Subdireccións Xerais da Consellería de Traballo e Benestar na carta sinalan que se trata "dun contra informe con argumentacións vagas e con pouco coñecemento do proxecto de Ribadeo; e a maior abondamento, un contra informe que ademais fai outra cousa, señora Conselleira, que non podemos permitir: atrévese a poñer en dúbida a legalidade dos procesos de contratación que o Concello de Ribadeo poida facer coa residencia unha vez construída. Procesos que, como é lóxico, nin sequera comezaron. Poucas veces se puido ver tal grao de desconfianza e falla de respecto institucional entre Administracións".
Na carta asinada polo alcalde, a concelleira de Servizos Sociais, os portavoces municipais do PP, do PSOE e de UPRI e o portavoz das asociacións veciñais din ser coñecedores de que "a outros Concellos desde a Consellería se lles finanzan na súa totalidade ou se lles cofinanzan proxectos similares, sen que exista nin a colaboración, nin a unanimidade do acordo, nin o impulso e mesmo a grave necesidade que ten o de Ribadeo. Non lle estamos a solicitar nada extraordinario. Só que colabore connosco, e que cumpra coa súa promesa".
E subliñan que "de non facelo así, poderán vostedes intentar esconder a súa falta de vontade política para apoiar este proxecto con todos os informes técnicos que consideren, que iso non nos vai facer minguar a nosa responsabilidade de executar en Ribadeo o que lle prometemos a todos os veciños e veciñas. Isto non consiste en abrir unha dialéctica técnica na que non imos entrar. O Concello de Ribadeo ten que cumprir coas súas obrigas e responsabilidades acordes á lei e así o fará, como sempre, e incluso neste caso dará resposta, unha por unha, desde ese punto de vista técnico, a todas as dúbidas que manifestan sobre a viabilidade do proxecto… E vostede, á vista do anterior, deberá decidir dunha vez por todas, se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden".
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo prégalle a Beatriz Mato que "se contamos coa súa vontade política, e esperamos e desexamos que siga sendo así, nos indique o procedemento a seguir para a sinatura do convenio ou a fórmula que decidan para formalizar a achega prometida dos 500.000 euros anteditos, co obxectivo da construción da residencia de maiores o antes posible, e poña data e hora para dita formalización".

Ningún comentario: