20140411

Reposición de vidrieiras. Nota de prensa do concello

Reproduzo embaixo a nota de prensa do Concello sobre as xornadas de portas abertas para contemplar as vidrieiras do cemiterio, algo en liña co pedido reiteradamente pola AVV O Tesón e neste blog. Como comentario, destacar que non é o mesmo que aparenten igual que que teñan a mesma calidade, algo que é dubidoso que se poda aprezar dende o chan  da capela ata a altura das vidrieiras. De calquera xeito, sexa benvida a apertura de portas, mesmo sen o aproveitamento ó que daría lugar unha exposición ben organizada.
'Reposición de vidreiras

 10/04/2014
 A capela do cemiterio municipal será escenario dunhas xornadas de portas abertas desde mañá, venres, ata o vindeiro mércores para que as persoas que o desexen acudan a contemplar desde o seu interior as vidreiras que foron repostas estes días. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que se trata dun patrimonio moi importante para Ribadeo e para o seu camposanto.
O rexedor sinalou que "por fin desde hai uns días estas oito vidreiras que estaban nos ocos da capela do cemiterio municipal de Ribadeo xa están colocadas, xa locen alí".  Suárez Barcia lembrou que "todo este proceso se iniciou cun desafortunado incidente ocorrido hai tres ou catro anos que se producía por unha mala información aos rapaces que daquela traballaban para un taller de emprego, do que era promotora a Asociación Puente de los Santos e da que forma parte o Concello de Ribadeo. Despois houbo que litigar coa compañía aseguradora para que asumise os custos de reconstrución, de reparación, daqueles ventanais únicos".
 O alcalde ribadense dixo que "por fin e despois de moito traballo están colocados desde hai uns días e a verdade é que non hai diferenza entre a única que quedou intacta e as que se fixeron novas". Fernando Suárez Barcia indicou que "atendendo ás peticións dalgunha asociación de aquí da vila, imos facer unhas xornadas de portas abertas, no horario no que se atope no cemiterio o peón sepultureiro, para que todas aqueles veciños que o desexen as poidas contemplar desde dentro da propia capela. De aí que desde mañá, venres, e ata o vindeiro mércores se poidan achegar ata alí todos os que o desexen para admirar estas vidreiras que ademais constatan que foi un traballo dunha cesión dos irmáns Moreno, os mesmos que mandaron construír a Torre dos Moreno e que é un patrimonio importante para Ribadeo". O rexedor engadiu que "entre todos evitamos que se perdera e logramos manter vivas unhas vidreiras moi importantes para Ribadeo e para o cemiterio municipal".'
A nova, con foto, na Voz.

Ningún comentario: