20131208

Mandela morreu. Viva Mandela!

Días despois da morte de Mandela, despois de que todo o mundo se apunte á súa unión espiritual, coido que cabe lembrar que Mandela era humán. A súa humanidade implica que outros humanos poideran seguir os seus pasos, algo que negaría se fora sobrehumán, e que sería moi negativo para a propia humanidade: reduciría a súa capacidade de actuación, de rebeldía, de triunfo.
Así pois, Mandela era humán, si, e tiña debilidades. El mesmo gostaba de declararse non santo, aínda de xeito pícaro, é dicir, tanto no referente á santidade abstracta, ideal, das grandes cousas, como en relación á concreta, mínima, das pequenas cousas. Isa falla de santidade era unha debilidade? Si, era humanidade, cabería responder.
Como humán, pódeselle seguir, ir ó seu carón. De ser divino, de ser un mito, poderíaselle seguir só a distancia, de xeito nebuloso. E non se trata neste caso de repetir actitudes como unha relixión, senón de actuar para conseguir unha igualdade humana desterrando a desigualdade inhumana.
Estes días hai moitas referenzas ensalzando a Mandela. Das que vin, recomendo unha, que considero que non o ensalza, senón que tenta un esbozo realista tanto en relación a Mandela como ó resultado da súa acción. E curta, esquemática, pois o tema podería levar varios libros. A partir de aí, pódese pasar a ler outras, dende as que titulan a Mandela como alguén que non renunciou á loita armada a aquelas outras que o sitúan nunha confraternización contínua, tendendo pontes co inimigo.
Coido que habería que distinguir (en Mandela e en xeral, sen distinción entre Gandhi ou Luther King) entre a idea, obxectivo a conseguir, e a estratexia, o xeito estudado para logralo, e máis aló, a persoa que está detrás das accións e dos obxectivos. E vénme á mente aquelo de 'pensa globalmente, actúa localmente', empregado como guía ecoloxista e empregable na propia ecoloxía humana que é a sociopolítica. Pensa ó grande, como humán que tes todas as posibilidades da túa humanidade, e actúa no pequeno, como humán que tes todas as constriccións da túa humanidade. Pero pensa e actúa. 'Pensa como persoa de pensamento, actúa como persoa de acción', outra das frases programáticas que se me teñen vido moitas voltas á cabeza.
Mentras, lembra que outro(s) humán(s) logrou(lograron) grandes cousas, e que ti és humán(humana).
Mandela morreu. Viva Mandela!
Por certo, para min será Mandela. Madiba coido que é para os próximos, e eu son próximo como humano, quizáis polas ideas ... pero usar de cotío ise nome familiar coido que sería como considerarme dentro dun círculo no que nin por historia/familia nin por acción/méritos chego a estar. Quizáis no futuro ...

Ningún comentario: