20131218

Calidade: o chan de Ribadeo

A calidade do chan de Ribadeo non debera ser posta en dúbida. En xeral, a terra do rural ribadense é de calidade, aínda que claro, haxa lugares onde non o sexa.
Pero o título refírese ó chan do pobo, o empedrado, asfaltado, enlousado, ó campo dos parques, ... e é que, se xa se ten queixado a xente, poñamos por caso, da irregularidade do chan da rúa San Francisco, agora no inverno voltan a xurdir os surtidores de auga (e molladuras correspondentes) en numerosos lugares con lousas móbiles. Onte mesmo, tocoume en San Roque.
Resto do tristemente célebre 'xardín de indianos' coa súa fonte con rás (unha máis das fontes non mantidas do concello, aínda que non lle quite a cabeceira ó mexadoiro de King Kong) tamén é unha beira enlousada convertida en pista de deslizamentos ou entrenamento para o equilibrio, camiño entre as catro calles e os centros de ensino de Ribadeo. O perigo da ruta os días húmidos fai que a xente cambie de itinerario...
Pero coido que a palma de 'calidade' está a ser un imprevisto que non corresponde a obra pública. As cagadas de cans sen recoller polos seus donos ou donas teñen algunhas zonas do pobo plagadas de manchas amarronadas, de pequenas esculturas abstractas da mesma cor, e de zapatos que hai que lavar ó chegar á casa. Cagadas grandes e pequenas, más sólidas ou máis fluídas, de cor máis obscura ou máis clara, están sendo un pesadelo en rúas ou parques. E é que mentras hai xente con cans que recolle os restos, a que non o fai nótase abondo máis, aínda que (poida que) sexa minoría.
Non me pareceu poñer fotos de diversas cagadas que me atopei no camiño onte, pero foi un día no que a súa variedade e cantidade déume que pensar. Nótase, non?

Ningún comentario: