20131231

A MENTIRA COMO ESTRATEXIA POLÍTICA DO PP. Artigo de José Mª Rodríguez Díaz

Aínda que resulte duro facelo, danse situacións ás veces que esixen "poñer unha pica en Flandes" en defensa da verdade. Afeitos a convivir nestes últimos tempos coa utilización da mentira como arma política - un contravalor convertido en moeda corrente por moitos dos nosos políticos - hai momentos en que se impón facer fronte a tanta manipulación e mentira, do "todo vale" con tal de enganar os cidadáns para atraer o seu voto.
É por iso que - e fágoo en defensa da verdade neste episodio no que fun protagonista - me vexo obrigado a facer as seguintes precisións ás declaracións feitas polo presidente provincial de NN.XX. do PP, Daniel Veiga, publicadas recentemente en algúns medios escritos de comunicación. Tres afirmacións que pola súa falsidade falan do curto percorrido que a este dirixente o agarda o eido da política.
Afirma nelas o mencionado persoeiro que "A Xunta foi a primeria en poñer cartos sobor da mesa para construír o futuro xeriátrico ribadense". Pero os feitos, Sr. Veiga, son irrefutables e desmenten a súa afirmación converténdoa nunha mentira. É certo que o día 13 de xaneiro de 2013 a Conselleira de Benestar accede a colaborar co noso proxecto, pero non cunha oferta de diñeiro sobor da mesa, como vostede afirma. A súa oferta nesa data cínguese unicamente a certo número de prazas concertadas, rexeitando toda colaboración económica. É a Deputación Provincial a primeira que o día 24 de abril do ano 2013 pon sobor da mesa a súa oferta económica consistente en achegar a metade do custo da construción, sempre que a Consellería poña a outra metade. A primeira oferta financeira, consistente en 500.000 euros, posta pola Consellería sobor da mesa, pero que ainda hoxe non está rubricada, tivo lugar o día 9 de setembro do ano 2013, cantidade na que a Conselleira se estanca definitivamente a pesar de ser a responsable da prestación destes servizos; mentres que a Deputación Provincial aumenta a súa oferta en máis de 1.828.000 euros. A súa alegre e lixeira afirmación, como ve, non é máis que un reclamo doloso para atraer futuros votantes ao seu bando.
Afirma deseguido que "E se o PP gobernase en Ribadeo xa estaría (o xeriátrico) feito porque non perdería o tempo en pancartas". Pois ben, como todos moi ben saben, o PP estivo a gobernar en Ribadeo durante 8 anos, dende 1995 ata 2003, sendo alcalde o Sr. Rodríguez Andina, e tendo na Xunta un goberno da mesma cor política para axudarlle economicamente. ¿Por qué non fixo daquela, xa que logo, a residencia e agora pretende facernos crer que sí a farían? E en canto ás pancartas, que vde. tanto critica, non foron outra cousa que a expresión do dereito á manifestación pública que en democracia teñen os cidadáns para reclamar os seus dereitos, como é o de ser escoitados nas súas demandas sobre todo cando os medios normales non funcionan. E conclúe o citado presidente de NN.XX. afirmando que "A xuntanza que se tivo coa Conselleira do ramo en Santiago fíxose grazas ao PP ribadense". Esta última afirmación, vendida anteriormente por outros políticos locais do PP, é sen dúbida verdade, pero tamén expresiva de cómo o PP entende o exercicio democrático do poder. Permítame, pois, facer sobor desto as seguintes matizacións: a) O día 30 de maio do ano 2011 a Plataforma de Veciños solicita á Conselleira unha entrevista para expoñerlle a necesidade dunha nova residencia en Ribadeo, solicitude apoiada por 2.225 firmas de veciños. A súa resposta foi un solemne silencio. Reitérase esta solicitude en varias ocasións posteriores e por diversos medios e persoas interpostas, como a Delegada Territorial da Consellería, Raquel Arias, logo polo voceiro do PP no concello, Sr. Valín, e mesmo por todos os voceiros dos partidos no concello conxuntamente e sempre con resultado negativo. En fin, un permanente silencio ás nosas demandas que unicamente se rompe coa mediación, ao parecer, dos responsables do PP local, uns días antes do 11 de xaneiro do ano 2013, data na que a Conselleira por fin se digna recibirnos por vez primeira, gracias polo visto a súa mediación. A interpretación deste protocolo é, pois, a seguinte: que a Conselleira accede a escoitar a nosa demanda, forzada non pola súa obriga de escoltar e servir aos administrados senón polos intereses do seu partido. Noutras palabras, que o PP goberna mirando polo seu propio beneficio antes que polo interese dos administrados. Pero, mire e non esqueza que non todo o que dí a Biblia e verdade pois hai unha afirmación na que creo que se engana: que “o número dos tontos é infinito”.

Ningún comentario: