20130721

Sobre o futuro da banda de música municipal de Ribadeo

A xuntanza extraordinaria de Amadores da Música de onte comezou como estaba previsto: en segunda convocatoria, e cunha representación total rondando o 4%. Como unha típica sociedade ribadense, nista, que en tempos foi a maior asociación ribadense (segue entre as grandes) parece que os asociados pagan, no seu caso benefícianse, e esquécense de que as cousas necesitan algo máis que cartos para teren vida.
Ben, o punto único prantexado xa o deixei posto nunha entrada, 'Asamblea de Amadores da Música con punto único', e diversa documentación na entrada anterior, 'unha entrada para hoxe: Amadores e o Concello'. Antes de comezar, podíase xa observar que, quitando a directiva actual, a maioría da xente presente levaba más de vinte anos asociada de xeito activo a Amadores, en concreto, na banda dos anos 90.
A cousa comezou coa exposición dunha carta enviada por Amadores ó Concello e a resposta do alcalde á mesma (que será exposta), ambas en relación á eliminación do posto de director de banda e escola na RPT do concello. Daí, a directiva prantexou que consideraban un incumprimento do convenio por parte do concello, e que querían opinións.
Do resto de hora e media de asamblea non hai acta precisa: as intervencións erráticas duns e outros (entre eles, eu) propiciaron que houbera que poñer orde, do que se encargou o secretario, que entón non tomou as notas para confecionala. Daí que esta que pretendo pequena nota sexa unha primeira referenza, a posta non moi precisa, que haberá que contrastar con outros asistentes para obter a fiabilidade adecuada.
As primeiras intervencións centrámolas Evaristo Lombardero e eu. Evaristo quería preguntar por algúns puntos que non comprendía da exposición da directiva, e eu fixen un percorrido histórico de cousas relacionadas. Facer unha exposición en detalle das múltiples intervencións cadra fóra das miñas posibilidades de tempo e memoria a máis da xa dita intención, polo que tentarie reflectir tendencias. Boa parte do tempo consumiuse en aclaracións sobre o proceso de mantemento dunha persoa como figura de director da banda, pasando do contemplado no convenio, un director para banda e escola, ó actual profesor con cinco horas extra semanais adicadas á banda. O proceso de cambio entre directores e as circunstancias ó longo do século coido que quedou exposto na práctica totalidade, pero exposto dun xeito abondo confuso como para que quen estivera moi despistado no comezo non dera collido subtís cambios producidos coas variacións prácticas.
Quedou claro que o convenio de hai vinte anos co concello era auga mollada en realidade dende hai tempo: o convenio recolle a figura de director de escola e banda, sen efecto real dende hai anos, así como a gratuidade (rota hai aínda máis tempo) da matrícula dos músicos na escola.
Quedou claro que a situación é delicada: no programa da actual directiva estaba a recuperación desa figura única para tentar de reconverter a escola en colaboradora inmediata da banda, e ista en saída práctica daquela, como un  apoio para lograr que a banda medrara en calidade e aceptación popular, facilitando o funcionamento. Asemade, quedou claro que os tempos cambiaron e hoxe hai moitos grupos que ofrecen posibilidade de práctica musical fóra da banda, nados a partires desta ou direitamente a partires da escola. Asemade, quedou patente a conciencia de que aínda que siga sendo representativa da querencia popular, o apoio non deixa ter sufrido mermas (como manifesta mesmo a caída de socios, aínda que sexa pola crise)
Quedoume claro -e neste momento debo especificar 'a min'- que a lembranza da historia de Amadores e da banda estaba abondo limitada en xeral, con lagoas ou mesmo erros, facilitando (ou sendo facilitados por) diferentes puntos de vista e ideas preconcebidas que non son doadas de corrixir.
Ó final, aínda con diferenzas de partida, os presentes estivemos de acordo que había que manifestar ó concello que a situación actual non era o tratado no convenio, e, á vista do método de resposta da carta do alcalde (entre outras cousas, non respondía ó por que non se informara a Amadores no cambio na RPT, daba como excusa ó cambio os cartos, sen establecer unha priorización inmediata, e ofertaba unha negociación se Amadores quere facerse cargo da dirección da banda -unha vez devaluada a 5 horas semanais dun profesor-), tamén a consideración xeral do concello respecto á banda. Unha situación que se complica ademáis porque o concello mantén subvención da banda fóra do convenio, por máis que nos últimos anos ista se teña devaluado, e pola percepción dalgunha xente de que o concello querería evitar problemas desfacéndose de todo contacto con Amadores que non sexa a traverso de subvencións -algo que ven apoiado por situacións anteriores-.
Así pois, haberá que enviar un escrito de queixa ó concello, dar a nova de xeito público para informar á sociedade ribadense, e tentar facer o mesmo en xeral cos asociados, para que comprendan a situación e axuden coa colaboración que a asociación necesita, que pasa por esa primeira información básica dos que moitos carecen.
En fin, poderiase dicir moito máis despois de hora e media. Eu saín coa mesma postura coa que entrei: coido que a ratificación das variacións na RPT non afectan gran cousa ó funcionamento actual da banda, pero a variación efectiva das condicións do convenio necesita unha chamada de atención que debera ser feita hai moito tempo xa, aínda que sexa mellor tarde ca nunca.
De calquera xeito, e vista na carta do alcalde a parte de oferta de negociación en caso de disconformidade de Amadores, fixen fincapé en que os que estabamos na xuntanza estiveramos de acordo, en que estiveramos seguros de poder afrontar unha ruptura co concello (cousa que entendo como posible se se quere ter forza de negociación, e na que había xente que discrepaba comigo) e en tentar de procurar alternativas  (o que é doado de dicir e máis complicado de facer).
En fin, lembrar que isto é 'primeira referenza, a posta non moi precisa' ... Se alguén quere aportar máis información, a porta está aberta: é un tipo de colaboración, e colaboración é o que se pide.

3 comentarios:

Angel Alda dixo...

Si a los que forman parte de la sociedad musical Amadores- que bonito nombre- ya os resulta dificil entender todo este enrevesado lio, imáginate a los de afuera. Solo me quedo con lo que creo que puede ser un resumen: una sociedad civil debe tratar de obtener el máximo de autonomía con respecto a los poderes públicos. Pero claro: una banda municipal es una banda municipal y no es que deba funcionar exclusivamente como una extensión del poder público, es que forma parte del entramado público tanto como lo pueda ser cualquier institución municipal. Si el concello no puede mantener dignamente esa institución pues entonces ápaga y vamonos...Si no que no haya banda municipal. Me imagino que en este como en tantos otrso temas todo dependerá de la fuerza de la gente para mantener sus propias instituciones...Ojalá que todo se resuleva debidamente

Agremon dixo...

En esta situación, el caso es que hay una postura consolidada de dependencia de lo público, que deja a la sociedad sin fuerzas para mantener una lucha efectiva de mantenimiento de la sociedad. Algo que suena bastante de otros muchos lugares. Una de las preguntas que se hizo: 'Entonces, a banda deixaría de ser municipal ...' pues claro!

Agremon dixo...

Comentario recibido tempo despois, por outra canle e visto o apagado posterior do tema: "Xa imaxinaba que o alcalde pasaría do tema porque -e dígoo por experiencia non por prexuízo- demostrou sobradamente que ou o tema ofrece rendibilidade política ou para el non hai tema. O que para min é grave é a falta de visión de conxunto manifesta por case todos. A presidencia da Asociación pretendía cinxirse ao asunto do día como se poidese desvincularse dunha actitude máis ampla do goberno municipal. Fronte a unha actitude como a que mantén o goberno municipal sobre todo o relacionado coa música en Ribadeo presentándose como adalide da democracia interna pero negándose a calquera intento real dela (como sería a instauración dun Consello Escolar no que participaran todas as partes implicadas: país/nais, representantes en proporcionalidade de tódolos partidos, do profesorado, e por qué non tamén da asociación de Amadores tan estreitamente unida á Banda, etc.) só facemos colaborar coa a súa política de "divide e vencerás". Mantérmonos unidos e colaborar dende Amadores con todo o que ten que ver coa música; non mirar para outro lado cando o goberno afoga a outros que tamén defenden a música e teñen directa o u indirectamente que ver coa formación dos músicos da banda... loitar polo ben do pobo e respaldar a quen merece ser respaldado. É o pobo quen debe estar implicado directamente na xestión de institucións como a Escola Municipal de Música e Danza e se dende Amadores non se afean condutas como as que houbo e seguramente segue a haber na relación concello-escola (ou Fernando-MªLuz - Escola), se non se toma partido e nos limitamos ao que nos afecta a nós aquí e agora, o que acaba pasando é semellante o que contaba B. Brecht no seu poema (cando viñeron a por min xa non quedaba ninguén que puidera axudarme). Solidariedade, humanidade, compromiso... son valores indisociables de actividades tan "humanizadoras" como a música... Ou xuntos e solidarios defendendo o ben do pobo -non dos hoxe representantes dun determinado partido- ou non paga a pena."