20130522

Que hai do meu? (e III)

Anteriores:
Que hai do meu? (I)
Que hai do meu? (II)
A declaración institucional sobre as pintadas no Juanín foi aprobada de xeito unánime. Unha mexada fóra do testo así ...
Chegouse a rogos e preguntas, e houbo unha morea, dos que recollo só algúns que por algunha razón me chamaron máis a atención:
-O caso da multiplicación incontrolada de cartelería de todo tipo. Coido que non se lle deu unha resposta adecuada, pois foi do tipo de que 'hai que poñer orde, pero tamén tentamos favorecer a quen nos pide ...', e non se falou de cando a cartelería está relacionada co propio concello ou, xa que q pregunta partía do PP, a carteis de candidaturas de eleccións xa vellas que seguen colgando en varios puntos do pobo.
-O apoio a certos locales no grupo de FB realizado para Ribadeo de tapeo. Aí penso que quedou claro que había xente que sabía aproveitarse e que o fixera, mentras que outra, non, pero conforme a unhas normas mínimas e á igualdadede trato.
-Sobre os espazos publicitarios da piscina, para saber a quen corresponden, pois en principio é o concello o titular. A resposta quedou totalmente inconcreta por descoñecemento.
Outro asunto tratado corresponde ás vidrieiras, que entronco co final, as preguntas da AVV O Tesón.
Copio o enunciado das preguntas:
(...) facendo uso do acordado no pleno de 13 de setembro de 2004, formula ó sr. Alcalde e ós representantes dos grupos municipais as seguintes cuestións e solicitudes:
1.Tendo en conta que na actualidade, dous anos despois do expolio das vidrieiras, non hai novas sobre as causas, solicitamos saber o estado das xestións cara á súa recuperación, os pasos dados para evitar no futuro expolios semellantes e as pesquisas seguidas para determinar culpabilidades ou, ó menos, a trazabilidade do que pasou exactamente. Asemade, en relación ó mesmo tema, suxerimos como algo provisional a instalación xa das partes que non están destrozadas.
2.Visto a deriva que está tendo a nivel estatal o futuro dos distritos xudiciais e as súas sés, solicitamos coñecer as xestións realizadas polo concello e os grupos municipais a raíz da presentación das sinaturas da iniciativa cidadá para a recuperación do xulgado ribadense.
3.Dado o alonxamento crecente entre os servizo públicos e a cidadanía, solicitamos coñecer que medidas ten tomado o concello para evitalo; en particular, para manter viva en bó estado a que era área sanitaria da Mariña.
4.Dadas as facilidades crecentes de participación cidadá e xestión aberta que se están vendo no ámbito de internet, en particular da man dos programas libres, solicitamos coñecer as medidas tomaqdas polo concello para aproveitar ditas circunstancias e abrir o concello á participación cidadá, como xa se leva tempo facendo noutros lugares.
A resposta á primeira pregunta, sobre as vidrieiras da capela do cemiterio, foi contestada máis ben en rogos e preguntas a demanda do PP, aínda que non de xeito completo. Resulta que o 29/4 saiu a sentenza (provisional, pero polo que parece, non recurrida) do contencioso coa aseguradora, dándolle a razón á asociación Ponte dos Santos (en realidade Puente de los Santos) e reclamando á aseguradora 17164 € máis intereses e costas, o que ronda uns 21 000 €. Falouse de que había que colocar as que aínda están servibles e substituír as que están en mal estado por outras o máis emellantes posibles ó orixinal. Non se sabe onde se vai contratar, o que van valer ... e, dado que eu mesmo noutro lugar facía un cálculo unhas dez veces o previsto a pagar pola aseguradora (o reclamado polo concello en base a cálculos deles), quédanme serias dúbidas sobre o futuro das vidrieiras. En canto á culpabilidade/responsabilidade, a resposta foi que é difícil ... Si, éo. Pero se non se avanza nada nese sentido, non haberá máis garantías para a próxima (que pode ser agora mesmo, coas vidireiras da Torre dos Moreno, na actualidade retiradas).
A segunda pregunta coido que se pode esquematizar en que foi contestada en base a dúas cousas: a) 'ogallá poidera ter a chave das noces' e b) non se fixo nada porque non se podía facer máis aló de ser bandeira de tódolos grupos. Víuseme á cabeza aquelo de que quen non chora non mama, ou o de que se di que Mondoñedo non perderá xulgados (outra cousa é a dependencia administrativa, co que iso supón), senón máis ben pode aumentar un. E, non podería vir para Ribadeo?
En canto ó terceiro punto, quedou contestado coa moción.
Por último, e antes de rematar de xeito definitivo ás 23 horas (que conste que esta vez todo o mundo participante no pleno quedou ás respostas dadas polo alcalde), a base da resposta á participación cidadá foi un 'estamos nelo', como amosa a discusión previa do uso privado do facebook e web informativa Ribadeo de tapeo, e hai algunhas cousas máis que sería precipitado adiantar. Coido que a pregunta ía abondo máis aló, pois a participación por internet vai máis aló que a información, e hai outra gama de posibilidades de participación máis aló de internet, pero é o que houbo.
Por outra banda, estou seguro que pola mecánica á que están afeitos no pleno, o único que contestou foi o alcalde, a pesares de que esta volta se facían extensivas varias preguntas ós representantes dos diversos grupos municipais. Como non se pode intervir, a máis de ser contestadas fóra do pleno en si, a cousa quedou coa contestación do sr. alcalde e punto.

Ningún comentario: