20110222

Participa, coño! (II)

-- enviado ós medios para a súa publicación --
-- 4ª parte; 3ª parte; 2ª parte; 1ª parte --

Coido que antes de comezar a expoñer algúns cambios desexables no regulamento de participación cidadá aprobado inicialmente no pleno de xaneiro (non todos, senón isto sería demasiado longo), é cousa de ter unha visión xeral do documento.
Saltemos cuestións menores, como os diversos formatos do texto, indicativos dun 'corta e pega' sen posterior revisión de lugares asemade diferentes. O inicio da proposta aprobada consiste nunha relación de contido:
Exposición de motivos
Titulo 1.-Información municipal
Titulo 2.-Das Entidades cidadas e do Rexistro municipal de asociacións.
Titulo 3.-Dos Consellos de participación cidadá
Titulo 4.-Dos Consellos Sectoriais ou de Area.
Titulo 5.-Da iniciativa cidadá
Titulo 6.-Da consulta popular.
Titulo 7.-Da participación nos organos de goberno municipal
Titulo 8.-Da audiencia pública
Titulo 9.-Da declaración de utilidade pública das entidades e asociacións .
Titulo 10.-Da Comisión Especial de suxerencias e reclamacións.
Disposición adicional
Disposición transitoria
Disposición derrogatoria
Disposición final
As disposicións ó final do documento son de método, aínda que unha, a transitoria, deixa precisamente un punto fundamental á disposición posterior da alcaldía: o procedemento de designación dos representantes veciñais.
En canto ó que é unha introducción, a exposición de motivos desenvolta ó longo de varias páxinas, a parte de engrosar o tamaño e a farragosidade dun texto de por si enrevesado e pesado, parece estar de máis se o que se pretende é que funcione e non o explicar que bonito é. De calquera xeito, non deixa de ser unha irrelevante exposición de bos desexos.
Do título primeiro, sobre a información municipal (que no texto aparece de xeito diferente ó índice, como 'disposicións xerais e información municipal'), destacar que inclúe os obxectivos que se prevén para o regulamento. Entre eles, o facer efectivos os dereitos dos veciños segundo a lei reguladora do réxime local, promulgada hai só 25 anos, levando pois os dereitos dos ribadenses 25 anos aprazados. Asemade tamén recolle como obxectivo a información sobre temas diversos, solicitadas polo 50% das asociacións inscritas no rexistro municipal. Non sei cántas asociacións ten inscritas nestes momentos o rexistro, pero apostaría a que son abondas, e tamén a que máis dunha xa non funciona.
Tamén recolle este título os dereitos formulados por leis superiores. Así, por exemplo, todo cidadán ten o dereito de esixir responsabilidades da Corporación Local. E establece o prazo de resposta (en forma de acta) do concello se unha proposta chega a ser tratada nun órgano colexiado: 30 días (enténdese a partires de que foi tratado)
Aínda máis: establece o dereito que temos, tódolos cidadáns, de identificar ás autoridades e ó persoal ó servicio das corporacións locais que teñan baixo a súa responsabilidade a tramitación dos procedementos.
No seu artigo 7, en troques, aparece algo que non se entende moi ben. Despois de establecer que os plenos son públicos (enténdese que só para a asistencia de público, non para a participación), con facilidades para asistencia e información, dalle un acceso preferente a eles ós medios de comunicación social. A preparación dos plenos (comisións informativas e de goberno) non é pública, aínda que 'poderán' ser públicas outras sesións.
No título segundo establécese que o concello subvencionará as asociacións, así como que lles facilitará locais, ou os dereitos das asociacións, que xa veñen rexidos por outras leis superiores e ós que non parece engadírselles ningún novo, senón máis ben restrínselles obrigando á inscrición no rexistro municipal para exercelos.
O título terceiro é ilustrativo do conxunto da estrutura de participación, na que se contemplan básicamente dúas figuras: o Consello de Relacións Veciñais e o Consello Económico e Social.
En canto ó Consello de Relacións Veciñais, de estar constituído a día de hoxe, estaría formado por 8 representantes dos partidos políticos, o secretario, unha representante do único consello sectorial establecido e … seis representantes veciñais! Iso si, estes últimos, rotatorios. Visto o anterior, coido que folga dicir que o seu funcionamento está totalmente subrogado ás instancias políticas, tendo como funcións facer propostas, emitir informes, e presentar iniciativas e suxerencias.
Outra cousa é o CES, onde non participan as asociacións veciñais. Neste caso, van por diante as funcións e logo a súa constitución. Constitución que non sabería dicir agora mesmo como sería: se ben pode haber maioría de políticos, non pon límite á participación de entidades empresariais e só limita os sindicatos ós 'máis representativos', sen indicar número ou outro criterio. En canto ás funcións, está tanto o elaborar informes, de oficio ou a instancias do concello como o ser informado, e coñecer as medidas de planificación, así como servir de canle de participación e diálogo, e por suposto propor, non só solucións, senón criterios de actuación. E emitir un informe anual.

Ningún comentario: