20101231

De O Tesón a Ribadeo

-Publicado hoxe na Comarca como resume das actividades da estación-
Xa chegou o fin de ano. Momentos para proxectar despois de facer revisión da memoria. Neste 2010 O Tesón ten realizado diversas actividades, comezando coas dúas asembleas realizadas e finalizando polo desvelado e presión para que as vidreiras da capela do cemiterio non sexa unha cousa máis que caia en saco roto.
Centrándonos no outono, sen querer ser exhaustivos, para a asociación comezou coa xuntanza da Mesa de Asociacións de Veciños de Ribadeo, na que foi revisada unha proposta para o regulamento de participación veciñal e a petición de xuntanza co alcalde para dar unha explicación da mesma. Como se ve, que haxa actividades non significa que as actividades den froito inmediato, pois aínda non se celebrou a xuntanza co alcalde nin tampouco se sabe nada da proposta feita, asemade deixada no seu momento no concello. Non obstante, a relación entre asociacións é algo necesario, como tamén consideramos que o é a o dispor dun canle permanente de relación co concello, unha base que non estea suxeita ós avatares das boas ou malas relacións do momento e que permita unha actuación a longo prazo. Por iso, seguiremos insistindo.
Dentro das relacións co concello atópanse tamén as preguntas ó pleno, nas que a asociación vai presentando, en practicamente tódolos plenos ordinarios, diversos temas que considera de interese. Non sempre se ten resposta, nin cando se ten sempre corresponde ó que se pretendía, pero á falta dun regulamento de participación, úsase e aprovéitase o que hai, ben escaso nos dous sentidos de ben. E así, atopamos preguntas diversas, como a realizada sobre o canón lanzacabos doado a Ribadeo pola armada norteamericana e actualmente na Cruz Vermella de Lugo. Estamos esperando o resultado da indagación do concello, como foi dito no momento correspondente, hai xa tres meses longos.
A asociación segue moi de preto os pasos dados pola plataforma se seguimento sanitario, primeiro da costa, e logo, da sanidade pública. É certo que se mantén nun segundo plano, pois é un tema que afecta a toda Galicia e quédanos moi amplo, pero alí estamos tentando que o interese de Ribadeo estea presente tamén nese foro. E Ribadeo ten intereses en que a sanidade funcione.
Fomos chamados a consultas para a realización de programas electorais. Alí estivemos, procurando non saír na foto porque temos claro que debemos ser independentes como asociación, por moito que cada persoa que estea integrada en O Tesón teña as súas ideas particulares e políticas. A parte do documento 'Base para un diálogo' que lle foi remitido ós interlocutores con posterioridade a cada xuntanza, nas entrevistas tentamos deixar claro que, a parte dun plan de redución de débeda do concello, as principais reivindicacións que propoñemos son inmateriais: trátase de que o concello funcione, políticos electos e funcionarios, cada quen dentro das súas posibilidades e responsabilidade, co cumprimento das propias normativas do concello, así como consideramos necesaria a mellora da credibilidade que candidatos e electos teñen por parte dos electores. Polo demais, o documento entregado tiña os apartados de Transparencia e participación, Sanidade, Recuperación de cousas e causas perdidas, Promoción (turística e outras), Ría e mar, Comunicacións, Obras públicas, Servizos e Industria, a parte doutros temas máis difíiciles de encadrar nun apartado concreto e dispostos baixo o epígrafe de 'outros'.
Un tema que foi escaparate da asociación durante o mes de outubro foi a realización das charlas 'Ribadeo e ...', que abrangueron os temas de o mar, o medio ambiente, a pintura de Dionisio Fierros e o tempo, en colaboración coa Casa das Letras, e impartidas respectivamente por Pancho Campos, Iván Rodríguez, Celia Castro e Luciano Zubillaga, todas persoas relacionadas con Ribadeo. Deixou un bo sabor de boca ó ver que a asistencia se mantivo e aumentou ó longo do ciclo, e mesmo que foron pedidas máis, pero sobre todo, deixou unha boa impresión que as charlas se aproveitaran. En resposta, xa se anunciou un segundo ciclo para o mes de marzo.
A principal actividade social do período levou a un grupo de xente a Meira, onde puidemos desfrutar dunha visita guiada por José Mª Rodríguez á Colexiata de Santa María, resto do antigo mosteiro, así como da man de Carlota Eiros á casa máis representativa do século XIX na vila, ir ós dous presuntos nacementos do Miño, O Pedregal de Irimia e Fonmiñá, para poder xulgar a súa preeminencia, e participar dunha comida de irmandade. Polo camiño, visitamos asemade o lugar onde antigamente se atopaba o Mosteiro de Esperautano e a reprodución do tren mineiro realizado e explicado por Luis Sanjurjo. Un verdadeiro desfrute de tempo e compañía.
Para non alongar máis, pasaremos de longo os dous principais temas que caracterizaron a actividade no último mes: as vidrieiras, tema que continuará, e a recollida de sinaturas tentando a recuperación do xulgado para Ribadeo, no que somos conscientes que o paso seguinte debe ser dado por tódalas forzas políticas de xeito unido, sen fisuras. Lograrémolo?
Estamos no Nadal, tempo que se emprega para felicitacións e bos desexos cara ó novo ano. A directiva de O Tesón fai extensivos a todo Ribadeo, non só ós socios do colectivo, estes bos desexos, pero sen perder de vista aquel vello refrán que di 'a Deus rogando, e co mazo dando'... O futuro está en boa parte nas nosas mans, e se queremos que Ribadeo sexa un mellor lugar para vivir, é algo no que todos debemos participar.

Ningún comentario: