20100518

Sobre os dereitos, igualdade e felicidade

Hai un par de semanas podía lerse nun titular de prensa: 'As desigualdades perxudican á felicidade'. Non é ningunha novidade, pois periodicamente estudos e novas veñen a confirmalo: as sociedades máis igualitarias e participativas tenden acadar maiores índices de felicidade, medida por diversos parámetros. De feito, o Premio Nobel de economía Amartya Sen, a quen non é a primeira vez que menciono no blog (1, 2, 3), chegou ó galardón a costa de afondar precisamente no tema.
Hoxe aparece no blog de O Tesón unha nota de prensa sobre a votación, no pleno do pasado luns, da modificación dos requisitos de entrada ó hospital asilo: a igualdade de dereitos e a posibilidade do seu exercicio, a perspectiva dun futuro cuns mínimos asegurado, son unha compoñente fundamental da felicidade actual. É dicir, o que se votou ten abondo que ver coa tranquilidade da xente que se vai achegando á idade de xubilación e os seus familiares.
Deixo a continuación a copia da nota de prensa de O Tesón sobre os requisitos de ingreso no hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo:
'Mesmos dereitos
Estes son os requisitos de ingreso no hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, segundo estaban ata o pleno de 10 de maio:
“Maior de 65 anos ou de 60 e pensionista.
Residente no concello cunha antigüidade de alomenos 2 anos.”
En xaneiro, plantexouse no pleno unha modificación do artigo do regulamento que facía variar os requisitos de ingreso. O motivo, o ser coñecedor un grupo político de dous casos de xente que quería entrar e non cumpría o requisito de antigüidade no concello, tendo sido veciño de Ribadeo.
Tivo lugar a aprobación de primeiras dunha modificación, coa apertura do periodo de alegacións. O tesón presentou as súas:
'En relación ó prazo de alegacións para a variación do Regulamento que rixe o Hospital Asilo, expón
Que a asociación considera convinte ter unha consideración cos ribadenses que tiveron que emigrar, para o que propón incorporar como requisitos nos correspondentes estatutos:
“1.Maior de 65 anos no caso xeral, ou de 60 sendo pensionista.
2.Residente no concello de Ribadeo cunha antigüidade de alomenos dous anos de empadroamento. No caso de ter emigrado, poder demostrar fehacientemente unha residencia en calquera momento da súa vida de dous anos, máis un ano por cada cinco que teña estado empadroado fóra de Ribadeo.”
A variación proposta, no punto 2, tenta favorecer ós nados ribadenses ou veciños que pasaron tempo en Ribadeo con anterioridade, de xeito que por exemplo calquera que tivera emigrado xa ós 13 anos de idade e sexa pensionista con 60 anos tería acceso a unha praza aínda que viñera direitamente de calquera outro lugar, despois de estar empadroado 47 anos consecutivos fóra de Ribadeo.'
Non tivo ningún voto a favor, sendo rexeitada polo tanto xa en comisión, e como a outra proposta de variación tampouco foi adiante (do BNG; só tivo os propios votos), quedaron variados os requisitos de entrada, de xeito que agora calquera que pasara dous anos empadroado en Ribadeo, cando fóra, ten os mesmos dereitos. Só unha pregunta: é lóxico que alguén que pasara os dous primeiros anos da súa vida en Ribadeo, aló polos corenta do século pasado, teña os mesmos dereitos de asilo que quen pasara en Ribadeo entre os 10 e os 12 anos, polos cincoenta, ou oito meses nos cincoenta, oito nos sesenta e oito nos setenta, ou quen pasara os dous últimos antes de pedir a súa entrada no asilo?
Polo dito no pleno no que se fixo a aprobación inicial, foron dúas persoas as que motivaron este cambio. A mesma semana que foi aprobado con carácter definitiva a proposta de ter dous anos de censo en calquera circunstancia, na Comarca del Eo de 15 de maio aparecían outras dúas persoas que non teñen praza e quixeran tela. Ó mellor é que dende o Tesón non explicamos a nosa postura a tempo, fiándonos nun diálogo social transparente. O caso é que non prosperou. E que os criterios de entrada no hospital deben perfeccionarse.
AVV O Tesón'
Unha nota final: por erro, non aparece que o punto terceiro das condicións tamén habería que cambialo, pois di que se favorecerá á xente coa renda máis baixa, pero a) non especifica cómo e b) non considera que a parte da renda, pode haber patrimonio.

2 comentarios:

Fer Trombón dixo...

oiche falar dos xogos de suma cero?

agremon dixo...

Si oín, si. Ben traído.