20091001

Xoves un, cousas pequenas varias


Continúa a bronca do alcalde polo tema da circunvalación. Os apoios que teña e ata onde chegará, verase aínda. Pero mentras, Ribadeo enfoca á fin de semana na que se celebra a festa da faba en Lourenzá, volve de paseo a Paco Lanza o sábado (desta, á zona de Xove, con saída ás 11.10 da estación de FEVE), ou os teatreiros poderán desfrutar o domingo de "PAN, CATRO PROPOSTAS ARREDOR DA MALLA", o pobo seguirá indiferente moitas veces a outras cousas que pasan nel. Así, outro accidente de bicicleta e coche, este na zona de O Xardín, será recollido nos xornais e nas noticias dun xeito leve (o mesmo carácter que por sorte teñen as feridas) mentras que aínda estase a esperar polo primeiro tramo para ciclistas, sen visos de que se faga realidade próximamente a pesares dos seus beneficios e mentras hai problema de aparcamento de coches, algo que diminuiría de premura se se habilitara espazo abondo para o ous das dúas rodas a tracción humana. O ferido no da bicicleta era maior, e folga preguntar se era o condutor do coche ou o ciclista...
Que era unha persoa de idade lémbrame outra novidade de hoxe: será visitable o centro de día de La Concordia, pola celebración do Día Internacional do Maior, de 11 a 14.00 e de 16.30 a 18.30 horas, incluíndo unha actuación da coral de maiores de Burela a media mañá.
E dúas notas de prensa do concello, unha protesta a fomento polo tema da conexión da circunvalación (o que lembra que as protestas sempre chegan tarde, e emprendidas só polos políticos teñen menos forza que se se busca o apoio cidadán) e unha nota de regocixo pola continuación das obras da rúa Deputación, non sen algunha finta de tipo político na mesma (xa se sabe, os políticos procuran o recoñecemento, propio e alleo as obras propias e mesmo ás alleas adxudicadas como propias).
Non abonda aínda: o telecentro xa ten programados algúns cursiños para iste mes e anúnciaos. Cursiños de iniciación, que se supón que quen visita este blog xa os ten superados...
E unha curiosidade. Xa que segue na web a convocatoria do axente local de sostibilidade, pregúntome unha vez máis se non se poderían usar de mellor xeito as páxinas web do concello, en troques de empregar unha páxina para un aviso onde aparece como información só tres veces e de xeito único 'axente local de sostibilidade', sen máis. E mentras que se van poñendo as ordenanzas pouco a pouco, e se mantén a posta dos plenos (con certo retraso e sen retroceder moito no tempo nin ampliar a outras actas), o calendario segue a ser o do ano 2008 cando xa se teñen votados os festivos do 2010, e na 'galería de novas' seguen aparecendo só novas do ano pasado (2). Parece como se quixeran que, vendo a web municipal, rexuvenecéramos dous anos.

Ningún comentario: