20080501

1º de maio e urbanismo.

Vale, hoxe é primeiro de maio. É cousa de lembrar que a loita dos traballadores polo control das nosas vidas, e conmemoralo.
Pero pode que o mellor xeito de facelo sexa precisamente traballando nesa loita. Como os gandeiros estes días, coa manifestación en Santiago. Ou nas xuntanzas mantidas ontes sobre o plan urbanístico de Ribadeo, despois de que xurdira o tema da nave no porto (tema que non se tratou nelas).
A xuntanza de onte ás 17:30, presidida polo alcalde e levada na súa meirande parte por José Luis Galindo, enxeñeiro xefe de Eptisa, a redactora do plan, foi seguida por representantes das asociacións de veciños de O Tesón, Couxela, Rinlo, Ove, Anzas, Vilaselán e da A. de Montes de Vilela, máis algunha persoa a título particular, como o presidente dos construtores ribadenses. Abondas menos das que foron invitadas e era de esperar que foran, como soe ocorrer. A mesa completábase con Ana Bértolo e Alfonso Botana, de Eptisa, e o arquitecto municipal, Francisco Moreda. Comezou con retraso duns 10 minutos por chegar tarde a comitiva.
O alcalde comezou lembrando que o plan non era seu, senón de consenso. Pasou despois o enxeñeiro xefe a falar das directrices xerais, lexislación, previsións, agrupación lóxica maior en torno do casco urbano seguindo un modelo clásico, ó tempo que se conservan e potencian os núcleos rurais, aproveitando ata os 200m de expansión en torno a eles, o balance de volume de construcción, que se se chega ó máximo para aumentar nun sitio hai que diminuílo noutro, etc. Para min estivo claro que algún principio dos ditos tende a contradicirse con outros, polo que se trata sempre dun PXOM de mínimos e de compromiso. Non iste de Ribadeo, senón en xeral. E tamén estivo claro que non se comprometeu no que dixo, falando asépticamente como información que era a charla, e non pretendendo a participación na decisión. Algo que non obstante dixo que era modélico no caso de Ribadeo en canto á transparencia e petición de participación, estando os veciños obrigados por lei a facelo. Cousas que moitas voltas non é de estrañar que soen raras.

Logo viu o turno de preguntas, comezando pola extensión mínima requerida para construír en Vilaselán, de 1500m en zonas nas que as fincas son do orden duns 600. E comezaron as explicacións teóricas. Intervín eu a continuación preguntando polos datos empregados para facer as previsións (co xa posto en "As primeiras páxinas do PXOM"), atopando un baile de cifras como o da memoria, pero nada máis. Seguiron as intervencións e máis adiante, case ó final, voltei preguntar sobre a estrutura urbana de Ribadeo e sobre cando se fixera o traballo de campo. Deixei claro que non imputaba a indefinición do deseño de obxectivos ós técnicos, senón ós políticos, pero aínda así seguín sen contestación en ambas preguntas. O xeito de responder lembroume que aquí, no blog, para non crear unha categoría nova, estou metendo as cousas sobre o plan coa etiqueta 'arquitectura', sendo moi consciente de que arquitectura é moi diferente de urbanismo, algo que tentei que fixeran palapable na mesa vía explicacións e non houbo xeito. Houbo unhas cantas máis (a xente comezou a marchar despois de hora e media de xuntanza), destacando a polémica sobre o edificio que se ve na parte superior da imaxe da zona urbana de Ribadeo, na parte superior do triángulo central, que con cinco alturas e un parque ós seus pés, parece un lugar desexable para gañar cartos. Houbo moito que dicir sobre el, a falta de quen é o propietario do terreo. Xustificouse, ou tentouse facelo, como barreira contra o ruído da autovía (que barreira habería para os veciños do propio edificio?), dicindo que non levanta por riba da rasante da autovía (quedou claro que non facía falta tanta altura para eso, que si levanta e é un argumento que se contradí co anterior), e mesmo o arquitecto municipal tentou facer unha desafortunada semellanza dicindo que tamén estaban mal as actualmente traseiras das 'casas de pescadores' no que no futuro será a prolongación de Rosalía de Castro. A raíz dese tema, xurdiron outros temas peliagudos nas butacas (que non foron preguntados) sobre propiedades, como que na parte baixa dese triángulo hai anos botouse para atrás polos veciños o proxecto dunha estación de servizo de xente de Foz, dúas propiedades da familia Calvo Sotelo (incluído que na antiga estación do tren mineiro, foi o concello quen puxo as vallas pola perigosidade que entrana, mentras se están a reclamar por apremio rehabilitacións no casco vello), etc.
Houbo máis cousas, como a pregunta sobre o ancho das rúas novas ou a que fixo saír a colación un plano que aínda non vira, correspondente a Celeirós (Cubelas), no que se observa na parte superior o entronque da estrada que ven de Vilela coa de Reme a Vilamar, e case no mesmo centro, a baixada ás Anzas. Pode causar estrañeza que nun b'otramo unha beira da estrada sexa construíble e a outra non (pregunta que non se chegou a concretar dese xeito)
En fin, preguntas quedaron no tinteiro, moitas. Pero non se podía esperar moito máis dunha xuntanza de 'só' dúas horas e media sobre un volume de información de máis de medio Gb.
Rematou tarde, e a sesión para a xente do rural, prevista para as 20:00, dificilmente se puido comezar con menos de 20 minutos de retardo, pois ben pasadas as oito da tarde a xente da mesa estaba entrando no café.
Máis sobre o plan? Moito. E aínda un mes para velo.

Ningún comentario: