20070514

Un artigo xa vello, publicado este ano na Comarca

Remato de atoparme por casualidade con este artigo que reproduzo a continuación, publicado na Comarca a comezos de ano pero que non viu a luz no blog por un despiste. Aí vai como segunda de hoxe.
--
2006, balance dun ano de ruído en Ribadeo
1.Os ruídos
Despois de anos de datos, 2006 en Ribadeo e en canto ó ruído, foi un ano neutro: nin se pode dicir que aumentara substancialmente nin moito menos que diminuíra o ruído nocturno en relación ó pasado ano, manténdose este cuatrienio básicamente ó mesmo nivel de intensidade, pero aumentando o número de días afectados no verán e ampliando tamén os correspondentes ás fins de semana.
Ó igual que anos pasados, cóntanse os picos invernais de ruído, incluíndo o presente, e a tendencia ó ruído continuado nas noites veraniegas. Un fenómeno que non remata de estar controlado é o control de peche, con establecementos con música non só ata despois do límite permitido, senón aínda ata despois do límite de peche, algo que comproba con frecuencia calquera veciño afectado. Esto leva de xeito natural á extensión do horario de ruído.
Por outra banda, seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar en locais.

2.As causas
Hai diversos e claros estudos sobre as consecuencias do ruído, pero abondos menos sobre as súas causas se nos centramos no ruído da movida, ou, se se quer, en por que a movida ten a compoñente de ruído que ten.
Non se pode meter todo dentro dun mesmo saco. Dende hai tempo se di nalgún medio, mesmo de xeito anónimo, que o ruído da rúa é o que molesta. Esta postura procura a imputación do ruído molesto como algo alleo a todo o mundo, como sen causa, nunha especie de manifestación 'políticamente correcta' para non ferir a ninguén. Evidentemente, é unha simplificación interesada. Do mesmo xeito que sería simplificar o dicir que só é o ruído dos locais o que molesta: ó longo da noite, en cada zona de movida, vai variando o mantemento principal da movida, e variando a importancia que para o nivel de ruído ten a xente na rúa, a apertura de portas (e polo tanto ruído de saída dos locais), a ausencia de segundas portas ou a falta do seu uso, o illamento deficiente ou nulo, a acumulación de locais nunha zona, etc. Os medios e as posibilidades de actuación dos poderes públicos en relación a cada un deles tamén son diferentes.
O ruído da rúa ten picos puntuais, ó tempo que pode manterse un amplo nivel de ruído, correspondendo por exemplo con grupos de xente que camiñan máis lentos entre dous locais. É evidente que o ruído illado nótase máis a partires de que os locais vaian cerrando, pola ausencia do ruído destes e as condicións en que se moven os transeúntes.
O ruído da rúa ten variación segundo a época, e non só correspondendo coa cantidade de xente dun día concreto. Unha posible explicación do feito de que o ruído aumente en inverno fronte ó verán, en contra da lóxica do bo tempo que parecería normal que invitara a estar máis na rúa, estaría baseada en que a noite invernal é máis longa e polo tanto comézase a beber antes, e é máis dura, co que se bebe máis que nas suaves de verán.
Por contra ó anterior, o ruído dos locais é máis continuo e parece afectar máis (dentro da percepción de ruído de cada quen) polo son grave que polo agudo, pero a diferente propagación do son polas condicións climatolóxicas non chega para explicar que a mesma música se oe uns días máis intensa que outros, ou mesmo aumenta ás veces á hora na que a xente está comezando a chegar a unha determinada zona. É dicir, a produción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado, o mesmo que as tómbolas ou os coches eléctricos chaman á xente cunha música alta que unha volta alí é desagradable. Técnicas por outra banda discutibles non só polos resultados medioambientais (é dicir, non só porque non imputan custe á degradación do medio ambiente que sofren os veciños).

3.As accións
Certamente, sería desexable unha acción maior por parte das forzas de orde pública, como é posible ler en opinións en medios locais e foi prometido a comezos de mandato no concello por medio de ampliación do horario de vixiancia nocturna, que na actualidade non cubre nin o horario oficial de apertura dos locais de movida. Pero sobre todo, desexable por parte das institucións que como o concello teñen demostrado que non queren mollarse, parece que principalmente por unha mal entendida razón económica e electoral, como foi tratado en diversas ocasións.
A nivel de normativa, fíxose unha axustada a dereito a comezos de século, deixouse o tempo de adaptación, voltouse a deixar unha ampliación, etcétera, e así chegouse á primavera 2006, cando se puxo de desculpa que non estaba actualizada para derogala e adoitar a 'normativa tipo' na súa substitución, sen chegar a cumprir a anterior. Esa nova normativa tipo, proposta pola Xunta, con anos de antigüidade, e en vixencia por omisión dende entón, díxose que ía durar só uns poucos meses para ser substituída por unha nova normativa da que se chegou a difundir un borrador. Ata hoxe non houbo tal cambio, e a vixente, o mesmo que pasara coa anterior, segue sen ser cumprida en cousas de tan pouca relevancia como a placa identificativa dos establecementos, ou de tanta como a declaración pedida polos veciños de zonas con excesivo nivel de ruído, ou aínda en actuacións do propio concello, como o aviso por altofalantes de actos diversos. Hai que dicir, que a pesares dese incumprimento, nalgún dos puntos é menos esixente que a que xa había.
A citar que no medio do ano houbo un chamamento polo concello a unha xuntanza entre concello, veciños e empresarios, que comezou sen tomar ninguén nota e polo tanto, sen ningunha perspectiva de cumprimento de acordos. Ata hoxe. con todas as faltas de plantexamento que houbo, hai que dicir, non embargantes, que propiciou un pequeno intercambio de pareceres entre empresarios e veciños.
O chamado 'noitebús', subvencionado para traer xente á movida, non parece que teña grandes consecuencias nos movementos de xente (e polo tanto no ruído) nin por desgraza nos accidentes. Si que a poidera ter a medio prazo como consecuencia da facilitación do consumo en xente que na actualidade non dispón de medio de transporte propio.
Houbo informes positivos do concello tendentes a permitir a apertura de locais durante máis tempo na noite, feitos a raíz dunha petición da ACIA e negativos da Asociación de Veciños O Tesón, do que resultou que os locais só sobrepasaron legalmente o límite horario de peche nas festas. De calquera xeito, non deixa de sorprender o informe positivo dado polo concello, que despois de todas as actuacións de petición veciñal ou requeremento legal limitouse a dar o seu placet sen explicación algunha ata o momento.
Ó xa dito hai que sumar outras cousas, como a ocultación de datos que resulta da petición de información sobre o curso das denuncias realizadas, o que se fixo en varias ocasións sen resposta ata o momento, como se as houbera comido a terra ou sinxelamente non tiveran sido tramitadas.
Do conxunto de accións despréndese que non é para mañá que quen ten a responsabilidade poña fin ó ruído. Esto ten diversas consecuencias, entre as que se atopan o que, como toda reorganización aprazada por motivos políticos, á hora de facela sexa máis traumática e en forma de reconversión, e eso despois de pasar unha degradación da situación ou a contribución ó mal ambiente e malas prácticas políticas en Ribadeo, fomentando o 'todo vale'.
O concello, que ten responsabilidades sobre o tema, non actúa e por eso foi condenado. Pero a estrutura do concello, ó igual que a de calquera outra entidade, está levada por persoas. Terán que ser condenadas as persoas?

Ningún comentario: