20060128

Un artigo non publicado aínda. A 2ª entrada de hoxe.

Adxunto un artigo que tiña que ter saído hoxe, pero non o vin publicado. De que vai? Lee e xa o descubres ti mesmo. e despois, outra ración dun artigo sobre Hernán. Mañá, máis. Que? ... veralo.

Un tesón, unha ría, unha vida.

Remata de chegar ás miñas mans a proposta da Plataforma para a Defensa da Ría para o establecemento dun plan de protección. E preveo que sigan a chegar boas palabras e malos actos moito tempo máis. Nembargantes, como a situación ten que cambiar (ou cambiamos nós, que é outra posibilidade), paso a leelo e póñome en situación: a fin de mes está previsto un cumio galaico-astur e a Plataforma pretende entregar ás autoridades unha versión revisada da proposta que está a difundir agora. É dicir, o leelo e criticalo é parello a unha esmola para a ría. E quero a ría, ou sexa que de esmola, nada: contribución.

Pídese a declaración de espazo protexido, e unha comisión permanente e con participación cidadá para o seguemento e control da súa conservación. É dicir, leis, pero asegurando o seu cumprimento. Claro, do anterior se desprende que se debe renunciar a calquera recheo, e máis cando parece que a beira asturiana xa está farta de que sexa a parte galega quen faga recheo tras recheo.

Como as leis necesitan unha concreción despois de promulgadas, nas propostas inclúense medidas derivadas a curto e medio prazo. Por exempl, e fronte a presión urbanística que se deixa sentir na redacción do Plan xeral de ordanación urbana, propónse a ampliación ata 500m da prohibición de cosntruír, ou o saneamento de puntos concretos que lle fai falta, ou algunha medida para poñer en valor o propio que ten como espazo natural.

Son un total de 20 medidas para facer posible unha ría mantible no tempo como unha xoia que temos, sen emporcallar e sen facela desaparecer baixo recheos ou sinxelamente, sen facela desaparecer da vista.

É certo que o borrador presentado non fala moito dos tesóns, pero na actualidade e tras as derradeiras obras, a súa capacidade de recuperación é asombrosa, como se pode ver día tras día mesmo fronte a Mirasol, o que parece dicir que non corren perigo mentras a draga pase algunha tempada fóra da ría.

Vai sendo hora de que nos decatemos que a ría ten unha vida propia, que defende con tesón das agresións que sufre, pero que como calquera ser vivo pode enfermar debido a elas. Es eso está pasando. É hora de cuidar un espazo que polo momento sirvéunos a nós e non elixir o mal camiño de tentar de crecer económicamente a costa do medio ambiente, dun xeito desordenado e sen futuro. A ría é algo parello a unha galiña dos ovos de ouro: alguén se imaxina aunha galiña así estabulada nunha granxa con outras moitas semellantes?


--

Data: 2002

Fonte: do autor. Publicado en „La Comarca del Eo“

Título: Lacrimosa dies illa

Autor: Fernando Rodríguez Raño

Descrición: En lembranza de Hernán.

Comentarios:

LACRIMOSA DIES ILLA”

por Fuji

Lacrimosa dies illa....si, foiche ben certo, tamén de dor, carraxe,sorpresa... traxedia implacábel e irreparábel...

Pois aínda me levou o seu tempo atinarlle co título, non, tranquilos; nen é un tratado sobre a gaita de fol en inglés nen a “pachanga” que soará nas orquestras o vindeiro vrao....

É un fragmento (“Lacrimosa”) do texto latino que se usaba nas misas de defuntos (“Réquiem”)... Mozart o inimitábel (Wolfang Amadeus, Salzburgo 1756 – Viena 1791) deixounos en herdanza, entre outras moitas cousas, o que coñecemos coma o seu Réquiem (Réquiem en re menor para solistas, coro e orquestra KV 626; pero solistas sen medo escénico por suposto) ; música estremecedora donde as haxa; escrita por encargo; e, que por ironías da historia ( ou da vida vaian vostés a saber), trocouse na banda sonora do seu propio funeral....

... Eu tiña un amigo (sempre foi alén da amizade: mentor, pai, profesor, guía, psicólogo, confesor, educador, músico, director, poeta, escritor....) co que compartía certa afeción polo compositor salzsburgués. Tamén compartía cervexas cando cadraba, nicotina case sempre, alguns gostos literarios, e ata coche en certas ocasions... pero iso eche outra historia...

A cuestión é que coñecín a este amigo moitísimo antes que ó señor W.Amadeus.... e a este último coñecíno gracias ó meu amigo. Coma tamén coñecín o gosto pola literatura (musical e da outra) pola historia (musical e da outra); o gosto pola música (das verbas e da outra: facéndoa, escoitándoa ou sinxelamente léndoa); pola vida e intención dos compositores ( non botan vostés de menos os textos nos programas de man da Banda?); polo cine; os cafés cos amigos (e amigas),...E por moitas outras cousas a través do seu esforzo impagábel na educación de xeracións de músicos (algúns debémoslle o noso pasado, presente e futuro); de moi variado público de tódalas idades (miña nai non soubo quenes eran Sibelius e Shostakovich ata que apareceron nos atrís da Banda, eu tampouco); dos mesmos pais e compañeiros de músicos (non sempre estudar música tivo o recoñecemento social dos últimos seis meses ).....

Sí, educación no senso mais amplo desta verba. No senso da formación global do individuo reflectida coma suma dos pequenos detalles diarios, nos que poñía toda a súa intención e coidado. Ó mesmo tempo que era plenamente conscente da súa influenza no desenrolo de cada músico, non só coma músico senón (o que é mais importante) coma persoa...

Evolucionar, medrar e aprender; iso foi o que fixemos coa nosa Banda músicos, público e director até o 17 de Maio...E cometer erros por suposto, o longo de case dez anos, pero iso é a maneira mais importante de aprender cousas importantes. Todo isto a través da música; en ocasións da súa música; en ocasións da dos grandes mestres; en ocasións da mais comercial e coñecida.(como era aquilo do heterodoxo quefacer dos seus músicos...?). E, case sempre, con mais imaxinación que medios. Contra vento e marea, ou se se quere ser menos retórico: contra institucións e sectores da opinión pública se era necesario.

Mozart estivo presente varias veces nos atrís da Banda. Os mais veteranos lembrarán a súa expresiva “Música Fúnebre Masónica”, ou o “Ave verum Corpus”, até a Banda desfilou (de vez en cando non nos queda mais remedio) ó ritmo dunha marcha que pertence a “Frauta Máxica” do compositor. Máxicas tamén as nosas frautas na primeira obra do disco, póstumo coma o Réquiem, da Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo que fai pouco saiu a rúa.

Aínda que o “Réquiem” lle pertenza en espírito e concepción ó mestre Amadeus non chegou a reflectilo na partitura por enteiro.. A morte sorprendeuno con nocturnidade e mala intención, detendo a súa pluma nos primeiros compases da “Lacrimosa”... Foi un aluno seu, (Franz Xavier Süsmayer) quen rematou a obra do seu mestre, atinadamente en opinión da crítica, aínda que os nostálxicos pensemos que Mozart só hai un. Escoiten, escoiten a Lacrimosa, ese salouco desgarrador que nace case inaudíbel e remata nun berro de profunda dor....

O feito de que non rematara a súa obra alimenta a lenda do Réquiem. Hai un romanticismo profundo nesa idea do discípulo tomando o relevo do mestre (establezan a comparación que lles pete). Pero a realidade histórica érquese aquí en asasina sen piedade dese romanticismo implícito na idea. Xusto no intre no que descubrimos os motivos que levaron a Süsmayer a tomalo relevo... Estes foron somentes económicos. O Réquiem constituiu un encargo, dun conde apenado pola morte da súa dona, feito no seu momento a Mozart...(viva o materialismo histérico!, perdón, histórico)...

...O que se nos asemella certo e inevitable, é que xamáis chegaremos a coñecer a opinión do xove Mozart sobre a súa própria obra mestra...

...Fernando Rodríguez Raño foi trombón primeiro e solista da Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo baixo a batuta de Hernán Naval, trombón terceiro con Mariano Rivas e actualmente toca o que pode ou lle deixan...

Ningún comentario: