20191229

Aquí como en Viena 2019

Ribadeo, 28 de decembro de 2019. Non é unha inocentada. É o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, da nosa banda. Con algunha inocentada polo medio, si, como cando a presentadora sae a dicir -despois dun estrondo no interior- que o concerto se suspendía por unha caída do director nas escaleiras do interior do escenario.
Unha cita clásica en Ribadeo, tradición de Nadal e base social, cun auditorio Hernán Naval a tope e ó tempo, un ambiente entrañable, familiar, con risas no entramado como corresponde ó 28 de decembro, mais tamén con ballet como representación viva nalgunhas pezas, e a ledicia da música, en todas.
O concerto, con dúas partes, como xa é clásico. Unha primeira, innovadora, e unha segunda, tradicional. Máis un extra, neste caso, No belo Danubio Azul, e un remate, como mandan as edicións pasadas de Aquí como en Viena dende o primeiro así chamado o 26 de decembro de 1993, a Marcha Radetzky.
As obras da primeira parte, todas en primeira interpretación pola banda, estiveron dominadas pola mistura de épocas e lugares. Así, sucede por exemplo, no Bolero de Noël, mistura o Bolero de Ravel co típico canto de Nadal, con resultados sorprendentes, o mesmo que ocorre coas outras pezas.
Pero para min, a segunda parte, clásica, tivo un significado especial a causa da Marcha militr nº 1, opus 51 de Franz Schubert. E é que o 31 de xaneiro de 1992, o día da presentación da banda, na igrexa parroquial de Ribadeo, era a obra que abría o programa. É dicir, a primeira obra que interpretou a formación en concerto. Supoño que non sería o único en emocionarme. Non só porque había no auditorio máis dun músico participante naquela primeira actuación, senón pola interpretación escoitada.


Vídeo do Amencer de Así falou Zarathustra:



Vídeo de O segundo Vals:

Ningún comentario: