20190611

Na Ponte de Arante, romaría das Cruces

Este luns 10 de xuño foi a romaría das Virtudes na Ponte de Arante. Xuntouse moita xente, a pesar de ser día laborable e de que houbo festa tamén o día anterior (mesmo con representación do combate cos franceses), domingo.
Había unha razón para que acudira máis xente que outros anos? Pode dicirse que si. Por unha banda, este ano a romaxe das Cruces recibiu o título de declarada de interese turístico de Galicia. Isto implica unha promoción, que máis aló de constituír unha nova de prensa en varias ocasións, se manifestou pola presencia de enviados da Xunta para destapar un cadro cunha placa, que é de esperar que quede permanente nalgures. Como apoio a esta promoción, ou máis ben como promoción alternativa, o concello sacou da manga este ano o título que abre esta entrada, unha 'crecencial do peregrino ribadense' (ás Cruces) que foi acompañada da posibilidade de baixar nun autobús pagado polo concello, a máis das participación da xente de dous obradoiros de emprego desenvoltos no concello na peregrinación.
Foi curioso observar o que se podería chamar protocolo, coa diferenciación clara de intervención entre xente da Xunta e do Concello. Tamén resultou chocante que na intervención da 'xente da Xunta' dando nota de que se concedera o interese turístico para a romaría, non se tivera en conta a outra placa xa situada na parede que indica a batalla que tivo lugar alí no 1809 e que deu lugar á representación das cruces, acto central da romaría. Tampouco se falou do estado das humidades e dunha solución duradeira para o problema.
As compoñentes que deron lugar ó que hoxe coñecemos como 'romaría das cruces' teñen unha parte relixiosa, pero tamén outra de mitoloxía histórica. Coido que habería que coidar ambas para que a festa non quede desvirtuada como unha compoñente máis do 'panem e circenses' moi típico na sociedade actual.
En fin, aparentemente, a festa seguirá a medrar a partir da potenciación que se está a facer dela. Este ano na romaría había peregrinos valencianos que gastaron un día do seu camiño a Santiago uníndose á romaría, a máis doutros que pasaban e participaban por un ratiño.
A máis de moitas outras fotos doutras entradas anteriores sobre as Virtudes/as Cruces, e a entrada correspondente na Galipedia, deixo algunha tomada onte:
Chegada dos pendóns da zona de Arante
Acto para difundir a declaración de interese turístico
Cabeza da procesión: Pendóns e cruces, e virxe
Santiago Matamoros, unha das tallas antigas do santuario.
Virxe das Virtudes
Placa conmemorativa do combate contra os franceses.
Detalle dun dos contrafortes: cruces gravadas.


Ningún comentario: