20190510

Estás en venda


Non nos enganemos: ninguén dá os pesos a catro pesetas. É un principo que coñecemos das transaccións comerciais. Outra cousa é coñecer o valor do peso para poder calibrar o cambio e saber se cho venden polo xusto prezo.
En eleccións pasa algo parello. Pero o que está en venda es ti. O teu futuro, o da xente que te rodea... e es ti mesmo quen o pode ou non mercar. Pero, recapitulemos. Se ti mesmo es quen está en venda e quen compra, que pintan os políticos? Nunha imaxe de mercado como a que propoño, os políticos teñen o lugar dos mercaderes, é dicir, prestar un servizo a cambio dun beneficio. E, dentro do seu negocio, hainos de todas as categorías, dende xente que só mira o beneficio, e unha vez feita a venda lávase as mans, ata aquela outra que só contempla o beneficio como medio para ofrecer o servizo. Ese beneficio, nas eleccións, é o teu voto, e o servizo, as ofertas que recibes.
Hoxe en día sábese que o mercado está distorsionado, tentando favorecer a uns e polo tanto, perxudicar a outros. Así, como un caso menor, é de supoñer que serás consciente de que no banco non te tratan igual se tes poñamos, un millón de euros, que se tes cen euros, e iso, dende as consideracións do propio trato social cando entras ata o que recibes polos teus cartos ou o que te cobran polo servizo.
De xeito electoral, tradúcese en múltiples feitos. Nas pasadas eleccións, non costou o mesmo un deputado dun partido que un doutro, nin o número de persoas por deputado era o mesmo nunha provincia que noutra, nin os cartos dos que dispuña cada partido para mercadotecnia eran proporcionais, nin gozaban do mesmo apoio nos medios (mesmo aparte das obrigas legais).
Agora estamos noutras eleccións, as locais, con diferentes características das xerais. Cambia moito? En canto ó que dixen máis arriba de estar en venda, con as consecuencias que leva consigo, non cambia nada. Varía a escala e a proximidade dos candidatos, mesmo os medios dispoñibles, pero non a esencia. En teoría, es ti quen compra ós candidatos, nun esquema claro no que a mercadoría son eles e o que representan. Pero falta unha figura clave: o mercader que fai a compravenda. Alguén diría que son os equipos de campaña, pero creo que non. Na realidade, estás a mercar o teu futuro, a ti mesmo, sendo o candidato a cabeza visible do equipo de mercaderes, que te está a vender a ti mesmo en competencia con outros equipos.

Ningún comentario: