20190318

Sexamos supersticiosos

21 de marzo, equinoccio. A partir de agora, ata finais de setembro, os días teñen máis tempo de luz que de noite. Vese máis vida. Tempo de esperanza, a primavera.
Este ano, eleccións. Por partida dobre. En plena primavera, tempo no que medra a esperanza do futuro, está programado o acto de elixir o futuro que queremos.
Mais, coa vexetación medrando, a esperanza verde e florida de mellores tempos tamén permite que medren as malas herbas. As que poden medrar ate ocultar ou escamotear e ocultarse entre as boas.
Máis luz. Hai que usala para ver mellor: tanto a luz e o medrar das malas herbas son cousas do tempo, e unha pode axudar a non perderse coas outras. Para distinguir todas esas noticias falsas, datos falsos, ideas falsas, bosque de mentiras que fan dificultoso o facerse unha idea da verdade. Para poder elixir conscientes. De xeito que á hora da colleita, non recollamos veleno, dese que parecera estar de moda sementar e que se estende mesmo coa nosa axuda se non temos tento... E é que hoxe entendemos pouco de plantas e herbas, ocupados cada quen no seu embigo.
O mirar a primavera como tempo de futuro ten que ver coa visión, mais máis aínda coas nosas crencias, con como interpretamos o que vemos a partir delas, coas nosas supersticións. E ser crentes, ser supersticiosos, tamén implica andarse con tento coa superstición, que é todo un sistema, non unha crencia puntual que pronto se desmontaría. Un punto de irracionalidade? Si, somos humanos, seguro que o temos, anclado nas nosas crencias, no conxunto das nosas supersticións. Mais ser supersticiosos de verdade implica tamén un moito de manexo da situación, ser consciente dese sistema de crencias e actuar en consecuencia.
Es persoa supersiticiosa? Neste tempo (e sempre), faite un favor: anda con tento, vixía as malas herbas e actúa en consecuencia... sobre todo como persoa.

Ningún comentario: