20190331

O que non din sobre ALCOA. Pablo Mosquera Mata

Sei de certo que o que a continuación publico é "políticamente incorrecto" pero débome á miña conciencia de profesor de Saúde Pública na UPV.
O que non din sobre ALCOA
O diario nacional de máxima tirada en España, "El País", publicaba o 17 de marzo do 2010, un artigo titulado "Un estudo confirma contaminación por flúor preto de Alcoa". Nun radio de polo menos tres quilómetros a empresa con sé en Pensilvania e factoría aluminera entre San Ciprián e Xove, emitía partículas con alto contido en flúor. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) confirmaba o resultado dos estudos levados a cabo pola Universidade Compostelana. Pero non era a primeira vez nin a última. E é que o 9 de abril de 1979, hai unha reunión no Goberno Civil de Lugo coa asistencia de Eduardo Fernández Combarro, o Secretario Xeral, Delegado de Industria, Corporación Municipal de Xove, Confraría de pescadores de San Cibrao e altos cargos de Alúmina-Alumio, para poñer en funcionamento as medidas correctoras anticontaminación. É dicir, antes da inauguración da planta en 1980 hai preocupación e compromiso en relación aos cambios sobre o medio ambiente.
O que está escrito pode lerse e queda... En outubro de 1987 hai un movemento socio político en defensa da planta transformadora de aluminio ante a noticia da posta en marcha doutra planta no País Vasco, pero non se perdan o comunicado dos axentes sociais: "si Galicia soporta industrias altamente contaminantes como Aluminio Español, etc., debe terse a cambio algunha partida dos produtos obtidos nelas".
Máis recente, o 28 de xullo do pasado 2018, Ecologistas en Acción colocaron unha das súas 43 bandeiras negras ao Complexo de ALCOA POR CONTAMINACIÓN E MALA XESTIÓN AMBIENTAL. Por certo, non era a primeira vez que gañaban tal "galardón". Pero o publicado era "aglaiante": "Alcoa desfixo por completo unha zona costera de gran valor ecolóxico". "Os verquidos de sosa caústica están afectando á saúde das persoas e á contorna mariña". Avisábannos de algo que hoxe máis que nunca debería preocuparnos tanto ou máis que os custes energéticos da empresa: "o risco medioambiental que supón a acumulación de residuos tóxicos xerados no proceso de produción, lodos vermellos que se están acumulando nunha balsa de grandes dimensións".
Hai medo para dar argumentos que faciliten a deslocalización. Así se manifesta o médico Laureano López da coordinadora ecologista de Asturias, a mesma que recibe fotos de operarios de Alcoa con denuncias de irregularidades que impactan no medio ambiente, pero esixindo que non as fagan públicas por medo a perder o posto de traballo. Mentres tanto, convén lerse o informe realizado o pasado ano 2018, por vez primeira, polo Grupo Español do Cancro de Pulmón, formado por 463 expertos, e que debuxou por vez primeira o MAPA DO CANCRO DE PULMÓN EN ESPAÑA.
E agora, logo de todo o que nos deron entre traballo e contaminación integral -terra, mar e aire- din que se van e poñen como desculpa o prezo da enerxía, esa mesma que pagamos os fogares a prezos insostibles para o poder adquisitivo das xentes.



Ningún comentario: