20181115

Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo, Nota de prensa

A residencia, en Google maps

Despois da celebración de pleno de 23 de outubro de 2018, vista a acta e os comentarios aparecidos con posterioridade nos medios, esta plataforma ve a conveniencia de dar publicidade a algún aspecto que consideramos importante e que non saíu á superficie ata o momento.
Con data 26 de setembro, presentamos alegacións ós documentos que se estaban a tratar sobre a Residencia de Maiores de Ribadeo (ver doc I, abaixo). Ditas alegacións foron as únicas presentadas, foron informadas e apareceron no pleno ó longo do tratamento dos diversos puntos (mostra desta afirmación, ver abaixo o correspondente á acta no punto 2, doc II).
Así, queda claro que a corporación municipal, en pleno e de xeito unánime, co alcalde á cabeza, non só aprobou as normativas que se presentaban sobre a Residencia de Maiores de Ribadeo, senón que tamén tomou o compromiso de presentar á Comisión de Seguemento no menor prazo posible diversos cambios sobre o aprobado. Se ditos cambios non se fixeron xa no pleno do pasado 23 de outubro foi sinxelamente, como aparece en acta, para non dilatar os prazos de posta en marcha da Residencia, tido en conta que non só intervén a administración do Concello, senón tamén a da Deputación, e isto nun marco de conversas nas que se puxeron de acordo outros varios concellos, e que, polo tanto, unha modificación na normativa aprobada suporía recomezar un proceso de acordos que xa foi complicado e longo de por si. E, en relación ós cambios presentados nas alegacións e que non foron recomendados polo informe, dita falta de recomendación non estaría baseada nun desacordo sobre o alegado, senón ‘na consideración de que ao se tratar dun Regulamento con carácter xeneralista para implantar e executar un sistema de servizos sociais en diferentes centros de atención a persoas maiores da provincia conforme ao convenio interadministrativo aprobado coa Deputación Provincial’ habería que ter en conta dita xeralidade.
As alegacións presentadas foron explicadas con abonda anterioridade ó pleno ós grupos políticos do concello, co entendemento unánime do que é o verdadeiramente importante. Algo que, repetimos, quedou patente na acta do pleno, reflectindo o acordo sobre esa base de mellora convinte, dando de xeito unánime tódolos grupos a aprobación despois dos comentarios anteditos sobre as alegacións.
Así pois, esperamos que nun futuro non moi lonxano os familiares dos residentes podan participar nun Consello da Residencia, así como a introdución de diversos outros axustes na normativa. Asemade, tamén esperamos, como plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo, seguir traballando para contribuír a que o día a día dos nosos maiores se desenvolva do mellor xeito posible.
Ribadeo, 14 de novembro de 2018.
---
I.-Alegacións presentadas.
Que tras analizar os documentos aprobados inicialmente no pleno de 23 de agosto sobre o centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo, observamos diversas eivas, das que decidimos expoñer como alegacións:
Que, en canto á Ordenanza reguladora do prezo público, sendo desexable o achegarse o máis posible á gratuidade, somos conscientes das limitacións económicas das que parte esta corporación e das que partirá calquera outra, por iso asumimos a ordenanza non sen recomendar unha redacción que facilite a súa comprensión ós usuarios, como un piar máis da necesaria transparencia de funcionamento.
Que, en canto ó Regulamento de réxime interno, contempla a regulación de relacións contractuais residente / residencia, obviando que na residencia desenvolverase todo un conxunto social. Somos conscientes de que non se pode especificar unha normativa para cada acto social, pero iso debera alentar a deixar clara a posibilidade de adaptación dos regulamento, incluído o xeito de facelo e a participación de residentes e familias en dito cambio.
Que, tamén en canto ó RRI, sería convinte o contemplar algún tipo de consello que permitira participar ós residentes, ós seus familiares e a algunha asociación externa (‘Asociación de amigos da ’) que teña como obxecto axudar ó bo funcionamento da residencia.
Que, en canto á Ordenanza de Acceso, se harmonicen as ordenanzas correspondentes ós servizos de atención en Ribadeo (antes de calquera reestruturación posible dos servizos subministrados polas dúas Residencias e o Centro de Día)
Que se definira con criterios claros a ‘situación de necesidade’ (art. 8.b.) para evitar elementos subxectivos e diferenzas de xuízo en casos diferentes. Ditos criterios deben ter un resultado cuantitativo, para permitir a súa baremación e con ela a obtención de resultados obxectivos. Que (art. 12.1, parágrafo final) a derivación da avaliación social ós servizos sociais da Deputación de Lugo, sendo aprezada pola descarga de traballo que pode supoñer, debe levar asociado un procedemento que facilite que non desvirtúe o control do acceso dende Ribadeo así como a homoxeneización no caso posible no que ás veces se faga a avaliación en Ribadeo e ás veces en Lugo.
Que, na modalidade excepcional de acceso (art. 12.2), e para evitar o incumprimento sistemático dos prazos previstos ou mesmo o seu uso como unha entrada traseira que se trata de evitar, sexa previsto un procedemento de desaloxo.
Que, na resolución unilateral do período de adaptación deberan aparecer algún tipo de indicacións ou método para evitar abusos en dita resolución, que podería ser, por exemplo, algún tipo de penalización de cara a un futuro intento de entrada.
Que, na resolución de servizo por falta de pagamento é necesaria a especificación dalgún tipo de prazo e/ou, no seu caso, un argumentario xustificativo de variacións.
Que, en xeral, as causas de baixas están especificadas de xeito insuficiente.
En canto ós tres documentos, solicitamos se preste maior atención ós detalles lingüísticos, incluíndo neles a unificación de nome da Residencia (centro de Atención a Persoas Maiores, Centro de Atención Residencial, ...)
---
II.-Acta do pleno 2018-0008, pp.11 e seg. (en parte, repetido noutros lugares da acta);
“2.- EXPEDIENTE NUM. 2552/2018 RELATIVO AO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO PARA O CENTRO DE ATENCIÓN A MAIORES.
Por Secretaría dase lectura ao ditame da Comisión Informativa de data 18/10/2018 que se transcribe:
“ DITAME: Dase conta da proposta da Alcaldía que se transcribe:
“ PROPOSTA
Visto expediente tramitado para aprobacion do Regulamento de réxime interno do Centro de Atención a Persoas maiores (CAM) de Ribadeo.
Vista aprobacion inicial que se produciu por anterior acordo plenario de 23 de agosto de 2018.
Vistas alegacións formuladas durante o período de exposición pública así como o informe emitidom polo Traballador social sobre este asunto, que obra no expediente.
Esta Alcaldía, no uso das atribucións que lle confire a lexislación vixente PROPÓN ao Pleno Municipal que previo ditame da Comisión Informativa correspondente se adopten os seguintes acordos:
1o.- Rexeitar, neste intre, as alegacións formuladas ao documento de aprobación provisional do Regulamento de Réxime Interno do Centro de atención a persoas maiores de Ribadeo na consideración de que ao se tratar dun Regulamento con carácter xeneralista para implantar e executar un sistema de servizos sociais en diferentes centros de atención a persoas maiores da provincia conforme ao convenio interadministrativo aprobado coa Deputación Provincial convén manter criterios e opcións harmonizadas co resto de Centros.
2o.Prestar aprobación definitiva ao Regulamento de referencia procedendo á súa exposiciòn pública aos efectos legais correspondentes.
3o.-Adquirir o compromiso de elevar as seguintes propostas á COMISIÓN ESPECÍFICA DE SEGUIMENTO DO FUNCIONAMENTO DO CENTRO, conforme aos criterios manifestados polo Traballador Social no seu informe, segundo se sinala a continuación e sen prexuízo de calquera outra que en dita Comisión se considere procedente tratar:
1.- Aceptar as alegacións numeradas cos puntos 3, 4, 8 e 11
No punto 3 . Paréceme importante contar cun Consello da Residencia. Non obstante debemos de ter en conta que se trata de por en funcionamento un centro residencial partindo de cero.
Isto supón un importantísimo desafío. Novos traballadores, nova xestión, novo edificio, novos residentes, dúas administracións ... Todo isto por sí só xa vai a supoñer ter que sortear moitos obstáculos. Incorporar, desde o principio un novo axente sería engadir máis dificultades.
Por outra banda cando o centro esté funcionando, os traballadores, os residentes, as familias, a empresa ou empresas, se coñezan sería o momento idóneo para que entre en escea este tipo de organo. Propoño, polo tanto, que nun prazo de dous anos, se cree o Consello da residencia.
No punto 4 propoño que se harmonicen as ordenanzas correspondentes ós servizos de atención de Ribadeo, na medida do posible, dadas as especiais circunstancias dos outros dous servizos. Non obstante isto non suporá variación algunha na presente Ordenanza de acceso.
No punto 8 Propoño incorporar á redacción da Ordenanza o seguinte texto : A persoa que non supere o período de adaptación non poderá presentar outra nova solicitude nun prazo de dous anos.
Con respecto ó punto 11 propoño aceptar a alegación e unificar a denominación do centro en tódolos documentos.
2.- Aceptar parcialmente as alegacións correspondentes ó punto 2 no relativo a participación dos familiares e residentes nos cambios que se poidan producir , no futuro no Regulamento de réxime interno, a través d Consello da Residencia. No resto estamos ó que xa dicimos na resposta a ese punto.
4o Facultar á Alcaldía-Presidencia para realización de cantos actos, trámites ou xestións sexan procedentes para o bo fín dos acordos adoptados.”
Tras deliberación, a Comisión Informativa por oito votos a favor (dos membros dos Grupos BNG,PP e C ́ds) e unha abstención da membro do PSG-PSOE acorda ditaminar favorablemente esta proposta modificando o apartado 3o no senso de que a Comsión para o tratamento deste asunto non é a que figura na proposta senon a que consta no Convenio Marco concretamente a Comisiòn de Seguimento xeral.”
Intervén a concelleira do Grupo Municipal Socialista Sra.González Ginzo que sinala que as alegacións que se formularon durante o período de exposición parece que son aceptadas pero en diferido pero que hai certas cuestións que, ao seu xuízo, non se deben dilatar ou aprazar polo que entende que deberían examinarse e resolverse agora.
O Concelleiro do Grupo Municipal Popular Sr. López Penabad intervén e manifesta que cre que en todo caso hai un compromiso para atender esas alegacións a lo menos en parte e que hai unha Comisión na que están representados os actores mais importantes polo que o voto do seu grupo vai ser afirmativo.
Intervén o sr.Alcalde, manifesta que suscribe integramente todo o dito polo portavoz do Grupo Popular, que están en sintonía coa Deputación Provincial e que iso leva a unha homoxeneización nos textos cos outros concellos pero que existe ese compromiso de levar á primeira reunión da Comisión polo que pensa que na votación non debería romperse a unanimidade como se mantivo ata o de agora.
A Concelleira Dona Aurora González Ginzo manifesta que, en todo caso, as cuestións que ela refire son para defender exclusivamente no concello de Ribadeo e non teñen porqué afectar ao resto
Entáblase debate entre a concelleira e o Sr.Alcalde que lle manifesta novamente a concelleira a petición de manter unha unanimidade neste asunto como en todo que poida afectar ao Centro de maiores con beneficio para Ribadeo.
Rematada a deliberación sométese a votación o ditame que resulta aprobadc por unanimidade de todos os membros da Corporación nos seus propios termos.”

Ningún comentario: