20180115

Asemblea de Amadores da Música

O venres tivo lugar a asemblea da Asociación Amadores da Música, sociedade titular da Banda de Música Municipal de Ribadeo.
A xuntanza corresponde á dación de contas do ano 2017, e a súa convocatoria non ofreceu novidades, como corresponde a unha xuntanza ordinaria.
O desenvolvemento tamén foi tranquilo, coa exposición de cada un dos puntos entre o total de 18 socios asistentes, que levou ó comezo á segunda convocatoria. Comezou coa letura e aprobación da acta anterior e seguiu desenvolvendo un estado de contas saneado, no que aínda falta por dar entrada a unha subvención comprometida e outra posible, correspondentes ambas ás actividades do ano 2016 e que elevarían en cousa doutros 5000 euros o estado das contas da asociación.
No desenvolvemento de actividades fíxose fincapé na celebración do 25 aniversario (1992-2017) coa exposición realizada, o concerto de 25 aniversario en Cabanela coa participación de antigos músicos e o churrasco posterior.
Houbo algunhas preguntas, como a petición de información sobre se tivera ou non lugar a xuntanza co concello proposta o ano pasado, que si tiveron lugar dúas, e segundo parece amañouse o desacordo manifestado naquela xutnanza.
No apartado musical, en cambio, quedou patente que aínda queda por facer para a reposición de músicos, pois en todo o ano pasado incorporouse un, e este ano espérase que se incorporen dous en dous concertos diferentes. Como saídas, este ano espérase devolver a visita das bandas que viñeron ó festival o pasado ano, incrementando así as saídas do ano pasado.
A asemblea comezou en hora e rematou despois dunha hora, non sen antes quedar emprazados os socios para unha asemblea extraordinaria por marzo para renovación da directiva, que xa anunciou o presidente que continuaba, aínda que podía haber algún cambio na composición por motivos laborais ou persoais.

Ningún comentario: