20170504

DECADENCIA DO PORTO NATURAL MARÍTIMO COMERCIAL DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado

Zona portuaria de Ribadeo dende Castropol.png

Fai tempo que veño dándolle voltas ó “magín”, para entender como é posible que a vida de Ribadeo, que se desenvolveu ó longo da súa historia case de forma autárquica, haxa perdido todo tipo de goberno autónomo municipal. Enténdase, neste caso, autarquía, como unha política onde Ribadeo valíase dos seus propios recursos de riqueza e subsistencia e na que se evitaban inxerencias estrañas ó Concello. Todos os camiños de razoamento me levaron ó mesmo punto: Ribadeo perdeu a autonomía propia o día que perdeu a Ría de Ribadeo como Porto Natural Marítimo Comercial. Aí radica o gran error da política municipal, e da provincial e autonómica de soporte económico á seguridade do Porto de Ribadeo, que leva soportando este baldón, desde que a algún iluminado lle deu por facer o primeiro Paseo Marítimo, a primeiros dos anos setenta, o cal, como algúns cidadáns de Ribadeo denunciaron naquela época, ía orixinar colmatacións de area en tesóns e canles de navegación, que pouco a pouco lle irían restando calado os barcos que puideran evolucionar no peirao comercial de Figueirúa ou de Mirasol.
Un Peirao Seguro–Porto Seguro (Safe Berth-Safe Port) considérase desde o punto de vista náutico, todo aquel ó que se pode chegar con seguridade, e que durante a permanencia no peirao o barco sempre estará a flote, sen tocar fondo na baixamar. Pois ben. A partir daquela primeira obra do Paseo, seguiron outras de ampliación, de recheos, de escolleras sen sentido que non serven para nada rendible, pois o Porto de Ribadeo está enclavado nun entrante natural do mar que unha vez pasada a boca da barra está considerado de augas tranquilas todo o ano, para todo tipo de barcos mercantes. ¿Si é de augas tranquilas, para que se queren escolleras de mar bravo? Ademais, fixéronse (parecen como a mala fe) varios espigóns de terraplén con rampas de pedras que non teñen nin un metro de atraque. ¿Son estes os proxectos de futuro os que estamos condenados en Ribadeo pola Administración de Portos de Galicia?
Estes espigóns, escolleras e grandes recheos, dixéronnos que eran para “ampliación do Porto”, e cada día, desde que os fixeron, están entrando barcos veleiros máis pequenos que aqueles dos séculos XVI, XVII, XVIII e XIX que fondeaban en Porcillán, e mercantes metade máis pequenos que aqueles de ata o ano 1980. ¿Por qué ocorre exactamente todo ó revés do que nos “venderon”?
Á obra da ampliación do Paseo Marítimo, engadíuselle a obra da Ponte dos Santos que limitou o gálibo de navegación, e por tanto limitou a altura de topes dos barcos, cousa que nunca houbera ocorrido se a Ponte dos Santos, fora construída desde Punta do Costal ó cemiterio de Castropol, como antigamente xa pensaran os enxeñeiros e mariñeiros de Ribadeo. Tan destrutora obra civil (para o Porto) non só limita a altura de topes dos barcos, se non que as enormes zapatas das pilastras non permiten o libre fluxo e refluxo da marea, pois a crecente transporta area que asenta dentro de ría, e que logo a baixante non é capaz de devolver ó mar. Así un día si e outro tamén a Ría de Ribadeo vai quedándose sen calado centímetro a centímetro, e ó cabo de moi poucos anos, por este camiño, quedarémonos sen Porto Comercial para barcos. Se acaso, só poderán atracar gabarróns de pouco tonelaxe. Xa poden gastarse millóns e millóns de euros anuais para dragar a Ría de Ribadeo, que nunca se dará dragado, pois: “Non se pode loitar encontra da Forza Natural do Mar”, pois el é capaz de meter tanta area nunha marea, como a que sacou nun ano unha draga como as que aquí se utilizan para limpar o canal.
Por outra banda, parece como se a xente que “goberna” estes temas, pensara que dado que Ribadeo é porto de mar, loxicamente ten que ser marítimo comercial por natureza. Pero non é así. A confusión no criterio, radica en que “marítimo” significa “pertencente o mar” pola súa proximidade ou pola súa relación política ou comercial con el. Hai moitos pobos na Mariña que son costeiros ou próximos o mar, e que non son portos, ou que, aínda sendo Portos de Pesca, non son Portos Marítimos Comerciais, pois isto implica mercadorías do ámbito da Mariña Mercante, polo que os portos teñen unhas infraestruturas que competen as mercadorías que manexan.
Tamén dicir que a Ponte dos Santos é necesaria para o progreso de Ribadeo, pero tamén para o progreso dos pobos do entorno. Mais, como xa dixemos, a ponte deberá ser trasladada a outra zona da Ría, que non destrúa o libre tráfico comercial.
O Porto de Ribadeo desde a boca da barra ata o fondo da ría, en Vegadeo, ten unha extensión de 9 km, cerca de 5 millas náuticas (de 1852 m), unha largura máxima de unha milla, que se alcanza entre Figueirúa e A Liñeira, e noutros puntos un kilómetro entre as Carrallas e Arnao, oitocentos metros entre Figueirua e Castropol, e na parte máis angosta, onde se fixo a Ponte dos Santos, San Miguel-San Roman, algo máis de medio kilómetro.
Sen dúbida, un punto especialmente adecuado para a nova construción dunha Ponte sobre a Ría de Ribadeo, ó noso entender, sería o antedito, a Punta do Costal e Castropol, pois incluso se podería pasar, por debaixo da calzada da autopista, unha vía do tren con acceso o peirao de Mirasol e con todo tipo de accesos peonís e de bicicletas. Isto sería pensar no futuro, e non estar a bailar a favor de dúas ou tres empresas que se están lucrando do Porto de Ribadeo, e encima temos que estar soportando as cantinelas de que se queren ir, para que lles baixen aínda máis as taxas portuarias.

O día 24 de Abril de 2017, lía na primeira plana de La Voz de Galicia, a noticia de que saía do novo Porto de Burela un barco cargado con 5500 Tm de eucalipto. Sentín unha profunda tristeza por Ribadeo e alegreime por Burela, pois foron xentes que loitaron desde sempre polo seu porto, facéndoo un dos portos de pesca máis importantes no Cantábrico, e agora lograron que lles fixeran un Porto Comercial Artificial que recompensa o seu esforzo. ¿Por qué Ribadeo se quedou varado na súa historia? ¿Por qué pasamos de ser un Porto Comercial Natural que xeraba recursos de riqueza para todo o pobo, a ser un Porto de Postal?. Ou sexa, só sirve para ter barquiños amarrados como figuras inmóbiles, para facer como un bonito Belén dos portos de Galicia, que só sirve para que algúns turistas saquen fotos. Moi guapo, precioso, dirán algúns, pero ¿isto non podería haber ocorrido, sen tirar á Ría tantas miles de toneladas de escombros? ¿como é posible que diversas “autoridades locais” se retraten có Xefe de Portos de Galicia, cando declara moi satisfeito, que houbo un beneficio no porto náutico de Ribadeo de 40 000 € no ano 2016? ¿Como é posible que este señoriño, nos intente vender un estrepitoso fracaso, como un logro “con beneficios anuais”, cando esa cantidade debera de ser a ganancia diaria?
A Regulamentación de Portos, segundo o Boletín Oficial do Estado nº191, de 7 de agosto de 2010, publica a Ley 33/2010, de réxime económico e prestación de servizos nos portos de interese xeral, co propósito lexislativo de facer un profundo cambio, particularmente expresa, entre outros, os seguintes puntos:
1) Impulsar unha maior modernización e competitividade nos portos españois.
2) Reforzar a autonomía da xestión e funcionamento das Autoridades Portuarias, para garantir unha maior eficiencia nos portos de interés xeral.
3) Cada Autoridade Portuaria dispoñerá das súas propias taxas polo uso da infraestrutura conforme os seus custes individualizados.
Pois ben, no Porto de Ribadeo, referente ó primeiro punto, non se fixo nada, excepto “escombrar”. Non hai unha triste maquinaria pública e autónoma que modernice a competitividade. Todo é privado.
Referente ó segundo punto, reforzar a xestión Autonómica, a Xunta non vemos que fixera absolutamente nada.
Referente o terceiro punto, o único que se fixo foi abaratar as taxas, para que unha empresa privada como ENCE faga o seu propio antoxo, e ameazando cada día de que vai parar de usar o Porto de Ribadeo. ¿Por qué non se lles colle a palabra, e se lles suben as taxas 50 ou 100 veces para que se vaian xa dunha vez? ¿Cal é o beneficio que deixan no Porto de Ribadeo? ¿Canta xente de Ribadeo traballa no noso porto? Antigamente soamente o Taller Barcia-Seivane tiña 26 mecánicos e soldadores de primeira clase. O Pósito de Pescadores chegou a ter unha inscrición de 340 mariñeiros. Os talleres do peirao, aserradeiros de madeira e negocios varios, daban traballo a case outro medio centenar de homes.
Si falamos das antigas fábricas conserveiras de pescado, as fábricas daban traballo a centos de mulleres, como a fábrica de Bravo Otero (ata 1942), situada en Porcillán onde hoxe está a vella fábrica de xeo. Na fábrica da Vilavella, de D. Fidel Gayol, D. Luis García e D. Manuel Lens, onde trataban sardiña, bonito e palometa, había cento trinta traballadores, de eles cen mulleres. A Trocha, ó final da Rúa Antonio Otero, xunto á Aduana Vella, onde envasaban anchoas, e poñían a secar raias. A Fábrica de Peláez, que se levantaba onde hoxe está a Planta de Cultivos Mariños. Aquilo era mover o porto de Ribadeo. O movemento de mineral, tamén ocupaba a unhas deceas de postos de traballo directos e centos indirectos. ¿Qué é o que hai agora? ¿dez postos de traballo? ¿e debemos conformarnos con isto? Creo que como Porto Comercial, Ribadeo non puido caer máis baixo, e vai desaparecer totalmente enterrado na area. ¡É unha mágoa, pero eu así o vexo e o sinto!
Felices Festas da Virxe do Carme!
-- 
Secuencia de carga en Mirasol (2009):

Ningún comentario: