20170211

Movemento no porto de Ribadeo

Este artigo comeceino a escribir hai tempo (en decembro de 2016) por iso algunha cousa pode soar rara lida meses despois. E iso, aínda que as súas raíces están abondo máis aló, por exemplo no 2009...)
Aínda non rematou o ano, pero xa se están a botar contas de movemento, por exemplo, do porto de Ribadeo. Ármome de paciencia e comezo a procurar datos non só do 2016, senón de anos anteriores. Redondeando, despois de revisar o blog, prensa e calquera dato que puiden atopar, as saídas de carga do porto de Ribadeo (en toneladas métricas) foron no
2000, 327 000
2004, 400 000
2005, 419 000 
2009, 205 000
2010, 430 000
2011, 495 000
2012, 489 000
2013, 534 000
2014, 568 000
2016, 438 000 (ata decembro; proxectando, unhas 470 000 no conxunto do ano). Non digo que non se poda atopar máis información, pero eu, agora, cheguei ata aquí.
Atópome faltas de diversos anos, e sobre todo, con irregularidades, non me cadran os números. Nalgúns casos só podo dicir algo como 'o máis probable é que a cantidade se achegue a'... e con iso non se pode facer moito. Nin se pode fiscalizar mínimamente a actividade portuaria, nin saber cantos cartos entran, o seu balance económico, avaliar as súas necesidades de servizos, ampliación, impacto de dragado, ... Pero é que os datos non son públicos!
Si, é 'o noso porto'. Si, a administración corresponde á Xunta. Pero resulta que non, a Xunta delega nun organismo 'semiautónomo' (=autónomo cando convén á tranquilidade, dependente para poñer a dedo a xente que gana a pasta e que debe decidir) Portos de Galicia. Por algo a este tipo de entidades, que ten proliferado moito, lle chaman 'chiringuitos'.
E voltemos a Ribadeo, hoxe. Levo nestes momentos máis de mes e medio tentando conseguir unha información que considero de elemental coñecemento a disposición dos cidadáns, noso. Intenteino de varios xeitos, máis aló dos papeis en internet ou hemerotecas, sen froito polo momento. Agora non me poñerei a facer un relatorio, seguirei aínda un tempo a procura. E logo, xa veremos.
Sei que non son o único que anda detrás dunha información semellante, con resultados asemade semellantes. E o de portos é só un caso entre moitos; aí está tamén Puertos, con nula información sobre a illa Pancha, como outro exemplo entre unha morea máis.
Cos datos anteriores, os que puxen ó comezo, pódese construír unha bonita gráfica... inexacta:

O dito, seguiremos intentándoo...

Ningún comentario: