20161219

CASA BRASONADA DA RÚA VIEJO PANCHO. Francisco José Campos Dorado


Baixando pola rúa Viejo Pancho, case chegando á rúa Antonio Otero, atopamos unha amplísima e señorial mansión coñecida como a Casa de Navarro-Reverter. Efectivamente, alí viviu D. José Navarro Reverter y Gomis (1888-1969) casado con Dª. María Teresa Lamas Sanjurjo (1886-1970), filla de D. Ramón de Lamas Navia Osorio (1821-1926) e de Dª Anunciación Amalia Sanjurjo. D. Ramón era fillo de D. Vicente de Lamas Menéndez (n.1796) e de Dª María Teresa Navia Osorio (n.1814), señores do Pazo de Quintalonga.
O escudo de armas, está situado na fachada Norte cara o lateral que da a rúa, dentro dun recinto interior ao que se accede por un amplo portalón de servizo. Dende aquí, darlle as máis expresivas grazas o meu amigo Carlos Rolle Vijande que xa anteriormente me facilitou fotografar o escudo da rúa Enxeñeiro Schulz, e esta vez, poder facer un bo encadre deste escudo desde unha das fiestras do seu confortable e “calentiño” Hotel. Ese día facía un frío que pelaba e a calefacción estaba ideal. Frecuentar o seu hotel entre tres casas brasonadas, pareceume revivir as visitas ó “barrio gótico” do Ribadeo Antigo, para logo baixar a costa de Antonio Otero entre as vetustas casas de mariñeiros e armadores, e ir embarcar a Porcillán ó “María Irene”. ¡Un soño daquela realidade xuvenil vivida, e que tan pronto se me pasou por diante...!

O campo do escudo está cuartelado en cruz ou en catro cuarteis, sobre unha aguia coroada mirando a sinistra ou acolada (que está por detrás del). A cabeza coroada da aguia sírvelle de timbre, así como, as ás e as garras lle serven de soporte, e as estendidas plumas temoneiras do rabo, de sostén. O adorno exterior consiste nun elegante deseño de penachos de plumas de aves “do paraíso” que partindo de roeles abuxardados rodean o contorno.
Á altura da cabeza da aguia, no lado esquerdo segundo se mira, esta gravado “BS” cunha pequeniña “V” dentro da letra “B”, e no outro lado aparece unha “O” cruzada dunha “T”. Isto nos quer dicir que o escudo pertence a familia “BUSTO”. A aguia coroada acolada o campo do escudo, é sen dúbida, unha das aguias do brasón dos Busto: un escudo partido de azur e ouro, cun aguia “do un no outro” ou inversadas (que son simétricas respecto dun eixe vertical). Na parte baixa hai unha confusa lenda que parece rezar: “AVNQE NO SOITO DA DEOROSO EL AZVL ESTA EL TESORO” (“aunque no soy toda de oro “so”(bre) el azul está el tesoro”), semellante e que expresa o Dicionario Heráldico e Nobiliario de D. Fernando González-Doria, Edic. 1994: “SI NO SOY TODA DE ORO, EN LO AZUR TENGO EL TESORO”.
O lema refírese a aguia, que nalgúns brasóns dos Busto, soamente é unha aguia partida de azur e ouro, e noutros son dúas aguias, unha de azur e outra de ouro. A aguia dourada portábana na antigüidade os estandartes do rei Ciro “O Grande” de Persia (500-429 a.C.) do que fala Herodoto (484-420 a.C.). Foi emblema de Exipto en tempos de Ptolomeo (90-168 d.C.) e os etruscos entregáronlle aos romanos, en sinal de amizade, un cetro surmontado dunha aguia de marfil, que eles empregaron como emblema da República Romana e máis tarde dos emperadores. O exército romano en tempo de guerra, portaba como insignia unha aguia dourada coas ás despregadas, e case era como a divindade protectora da lexión. En tempos da república estaba feita de madeira, máis tarde foi de prata e en tempos de Cesar as aguias eran de ouro (Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turrel 1858)
“...(SOBRE) EN LO AZUL (ESTA) TENGO EL TESORO”. Seguramente, o lema refírese o azul do mar océano. Os Busto foron grandes armadores de vello, que fixeron grande fortuna cos barcos mercantes. Hai un preito litigado entre D. Fernando de Valdés de Candás e D. Alonso del Busto por danos causados nun navío en 28/2/1519. O lema podería interpretarse, algo así, como que: si lles fallaban os negocios monetarios en terra (O OURO) sempre poderían volver a intentalo cos recursos do mar (O TESOURO) para volver empezar a adquirir riquezas.
Segundo o antedito Nobiliario de D. Fernando González-Doria, ós Busto pertenceron os Sete Infantes de Lara, fillos de D. Gonzalo Busto e de Dª Sancha Velazquez e netos do rei Ramiro II de León (930-950). Unha rama pasou a México, onde o capitán D. Matías del Busto y Moya, natural de Santa Fe, cabaleiro da Orden de Calatrava, obtivo título de Marqués de San Clemente o 20 de Decembro de 1730. Posiblemente as plumas do adorno exterior deste escudo de armas, teñan que ver coas preciosísimas aves do continente americano.
Na Casa dos Busto de Ribadeo, D. Francisco Antonio Bustos y Florez, sacou executoria de nobreza na Chancillería de Valladolid en 1785. Seus ancestros xa conseguiran a executoria na mesma Chancillería en 1512 (Historia de Galicia, Tomo XX, paxs. 239-240).
No primeiro cuartel, unha banda engolada en dragantes linguados e dentados. Poden ser armas dos Sanjurjo, do castelo de Arnado de Valdeorras (Orense), emparentados cos Florez da casa de Miramontes do Bierzo // poden ser tamén, armas dos Navia–Osorio que aparecen no retablo do altar maior da igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo // puideran tamén ser, armas dos Andrade ou dos Freire (en campo de sinople unha banda de ouro engolada en cabezas de dragón do mesmo metal). Faltan os esmaltes do escudo, para precisar a liñaxe correspondente deste brasón, pero máis parecen Navia Osorio ou Sanjurjo.
No segundo cuartel, un home de pé, armado de espada envaiñada e cunha alabarda, ou cunha lanza de torneo, pois vense na asta da lanza dúas protuberancias ou cazoletas de protección da mau, na zona por onde se empuña cando se monta a cabalo para a xusta ou liza entre cabaleiros. Por outra banda, a vestimenta parece a clásica dos conquistadores de América, cun morrión na cabeza adornado cun penacho de plumas. Esta circunstancia, da vestimenta lixeira, de coiro ou tela, nos leva a crer, que empuña unha alabarda, aínda que só se ve a asta e lle falte a coitela, pois un cabaleiro disposto para unha xusta, estaría vestido de armadura. Advertimos esta circunstancia pois estes dous primeiros cuarteis, parecen ser os do parentesco dos Busto coas armas dos Menéndez Navia emparentados cos Villaamil, armas iguais as do primeiro cuartel do escudo do Patín, as do escudo da casa dos Cuatro Hermanos onde estaba o Comercio de Maseda, as do escudo da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante e as do escudo ovalado de Celeiro de Mariñaos, posiblemente do canónico D. Salvador Menéndez Navia e Villamil que era tesoureiro da catedral de Mondoñedo e fundador do patronazgo da capela de San Roque de Ribadeo (ano 1719)
No terceiro cuartel, tres coroas reais ben ordenadas, dúas en xefe e unha en punta, esta máis grande cas outras. Similares o brasón do Reino de Suecia (en campo de azur tres coroas de ouro) (Ciencia Heroyca do Marqués de Avilés, Tomo I, páx.400) ¿casou algún Busto con alguén da Familia Real de Suecia? ou si tiñan os Bustos relación comercial marítima con Suecia ¿qué mercancías transportaban para ser merecedores deste privilexiado brasón?. Por outra banda, tres coroas reais unhas sobre doutras (sinistra, destra e sinistra) tamén aparecen no 2º cuartel do escudo de Hernán Cortés por privilexio de 7-Marzo-1525 concedido polo rei Carlos I. ¿Haberá relación coa saga dos conquistadores de América?
No cuarto cuartel, aparece a Encomenda ou Cruz da Orden de Santiago, atravesada punta a sinistra por unha espada desnuda, que non logramos identificar con ningún liñaxe familiar.
Na Chancillería de Valladolid, encóntranse varios preitos que nos mostran algúns membros da árbore xenealóxica desta familia: 1) Preito de Fidalguía de D. Domingo Alejo Cotarelo y Busto, veciño de Ribadeo (1732). 2) Executoria de preito litigado por D. Francisco Antonio del Busto y Flórez, veciño de Ribadeo, con D. Antonio Trelles Villear e a súa muller, veciños de Avilés, sobre restitución de varios bens (1785). 3) Preito de D. Manuel del Busto Flores(z) de Sante, D. Andrés del Busto Flores(z) de Sante, D. Francisco Antonio del Busto de Ribadeo, D. Francisco María del Busto de Ribadeo, sobre posesión de bens e herdanza de Dª Cayetana de la Vega y Navia, madre común dos litigantes, e cuxos bens están situados nos concellos de Navia e Coaña (1802-1808). ¡Ribadeo e o mar sempre o seu lado!

Ningún comentario: