20161129

O sector lácteo, un ano despois das mobilizacións: cousas que aprender da Bretaña

(Entrevista aparecida en Irimia 956, pp. 8-10, subministrada polo entrevistado.)

O Agro
Conversa con Xosé Salvatierra Rico, técnico agrario (1a parte)

O sector lácteo, un ano despois das mobilizacións: cousas que aprender da Bretaña
Pouco máis dun ano despois das grandes mobilizacións e tractoradas do sector lácteo galego, reina a desinformación nun asunto clave para o noso rural e para o país galego. O lácteo é, sen dúbida, un piar estratéxico da economía galega. Moito nos cómpre aínda mirar que podemos aprender doutros sitios e dos nosos propios erros. Comentamos estas cousas nesta primeira entrega dunha entrevista con Xosé Salvatierra Rico, técnico agrario, e sempre militante dunha Galicia rural avanzada, ecoloxicamente sustentable e economicamente viable. E da súa man poñémonos ao día.
Como está a situación dos produtores de leite despois das mobilizacións de setembro do 2015?
A fin das cotas lácteas o 31 de marzo de 2015 parecíalles aos gandeiros galegos un alivio da carga que levaban soportando desde o ano 1992. Semelláballes que agora terían o camiño despexado para producir sen esa limitación. A cota, para moitos deles, opinaban, era o primeiro dos males da súa explotación. Agora imos defendernos mellor, dicían, ao non termos un teito para medrar, en número de vacas e en produción. Algúns xa empezaran a tomar velocidade, nestes dous parámetros, varios meses antes, para adiantar a outros polo camiño.
Veu así, de forma repentina, un aumento da produción en torno a un 3-4% en Galicia, e tamén noutras partes de España e de Europa.
Consecuencia? Saturación do mercado, que ademais coincide coa diminución do consumo a nivel mundial, o parón de China na compra de leite en po e a prórroga do veto ruso aos produtos lácteos europeos.
De todo isto e máis cousas, nacen as mobilizacións de setembro do 2015, coa caída dos prezos nos meses precedentes, que chegaron a situarse en 0,277 euros de media en Galicia en agosto dese ano.
Nesas datas, estábase ultimando o famoso “acordo lácteo” a nivel estatal entre industria e distribución, que asinan o 22 de setembro. Ao dito acordo súmanse as cooperativas e o sindicato Asaja. Quedan fóra Upa e Coag. Todos eles, en presenza da Ministra de Agricultura, como árbitro.
Do que se dixo, que quedou en papel mollado...
Poucos meses despois, en efecto, xa se puido comprobar que era papel mollado. As industrias seguían sen establecer ningún tipo de negociación para a sinatura de contratos. Estes terían que ser dun ano, segundo o acordo, pero coa renuncia asinada do produtor, podíase facer por menos tempo. De aí que a maioría dos contratos se veñan facendo a tres ou seis meses. A industria preséntalle ao produtor o contrato xa cuberto, onde figura o tempo de vixencia e o prezo.
Ou o tomas, ou déixalo. Na maioría dos casos, non hai outra industria que lle faga competencia nese percorrido, excepto que escasease o produto.
Non cambiou nada, tan só que agora o contrato é obrigatorio para a industria, mentres lle recolla o leite. Se mañá non lle renova o contrato, pode deixar de recollerllo.
Ese acordo non impediu que os prezos ao produtor seguisen á baixa no último ano...
Pois podemos contar esa baixa en torno a 1-2 céntimos. Dous céntimos fora ao que se comprometera unha distribución de marca branca a subirlles aos consumidores, a principios de ano, unha marca que envasa leite dunha industria francesa, para que esa cantidade fose ao produtor, a través da industria. Pero aínda que a distribución cumpriu algún tempo, non o fixo a industria nesa contía, senón que a algún produtor mesmo lle baixou o prezo.
Con todo isto, poderiamos concluír que a situación non cambiou a mellor, ou mesmo empeorou. Antes do final das cotas, había un tope de produción para cada Estado e para cada explotación, a recollida era obrigatoria. Agora a cota márcalla a industria a cada granxa e pode deixarlle de recoller cando lle conveña. Isto leva o sector a desconfiar deste tipo de acordos, onde os incumprimentos non son penalizados e onde a Administración non se enfronta ao poder da distribución, que, por outra parte, se comprometera a non utilizar o leite como produto de reclamo nas grandes áreas comerciais. Onde están os controis das Comunidades Autónomas para ver se incumpren a lei de boas prácticas comerciais, con vendas a perdas?
O sector segue a ser moi mellorable, tal e como nos tes indicado en numerosas ocasións...
O sector segue desestruturado. Cun sistema de produción moi intensivo e, polo tanto, con custos moi altos, que, nas fases de prezos baixos de venda do leite, entra en perdas, perdas que para algún que non teña liquidez poden ser a ruína. Non terá máis saída ca o peche, se o prezo non se recupera rápido e de forma sostible.
Recentemente tiveches ocasión de visitar a Bretaña, nunha visita de estudo en granxas desa bisbarra atlántica con tantas similitudes con Galicia. Que leccións deberiamos aprender?
Da Bretaña estamos moi cerca fisicamente. En liña reta, cuns bos prismáticos, case nos podemos saudar en días claros. Pero no tocante ao sector produtor de leite, estamos moi lonxe deles. Explicarei por que.
A visita á Bretaña foi na primeira semana de xullo deste ano 2016, cun grupo de 10 produtores de leite de Asturias e Galicia que están no grupo de xestión de explotacións de leite de Xan Pouliquen. Todos os anos fan una visita fóra de Galicia. O ano pasado estivemos en Navarra.
Leccións, dis? Pois, por exemplo, a profesionalidade. A formación, por termo medio, é moi superior. Ninguén se incorpora á explotación sen unha formación equivalente a ciclo de grao superior en formación agrogandeira, como mínimo. Hai bastantes con titulo universitario, como enxeñeiro agrónomo ou veterinario, etc. Isto é normal en Francia, en xeral.
Ademais, todos traballaron noutras granxas antes de incorporarse á súa.
Incluso saen fóra de Francia, para ver o que hai por Europa. Xa lles queda pequeno o seu Estado.
O que si chama a atención sempre é o seu orgullo campesiño
Pois si. Están francamente (nunca mellor dito) orgullosos de traballar no rural. Na Bretaña, un gandeiro é una persoa ben vista pola xente urbana e pola cidadanía en xeral. Produce alimentos, ocupa o territorio, coida da paisaxe. Subministra produtos á agroindustria, que, por certo, en Francia esta moi desenvolvida, é moi potente e crea moitos postos de traballo. O ministro de agricultura francés, de todos os que conforman o goberno, está entre os tres ou catro primeiros en rango de poder político e económico, de entre os vinte e dous que conforman o goberno. Para o Estado francés, o sector agrario é clave para a ordenación do territorio e a fixación da poboación. Cumpren ao pé da letra o refrán: “Non hai paisaxe sen paisanaxe”.
O que siga o Tour de Francia un ano calquera pola TV, xa se dará conta do que lle estou a falar, aínda que non visitase Francia. Verá como está ocupado e coidado o territorio.
E en cando á organización do sector?
Teñen un sector gandeiro moi ben estruturado a través de organizacións agrarias desde hai moitos anos: cooperativas, grupos de asesoramento técnico e económico... e os CUMAS, que son cooperativas de uso en común de maquinaria. As primeiras foron constituídas nos anos 50. Hai CUMAS de máis de 200 socios, abarcan ata 4-5 concellos.
Non teñen problemas? Claro que os teñen. Pero dispoñen de máis recursos para resolvelos. Están máis formados.
Teñen os servizos das cooperativas, técnicos das cámaras agrarias, onde estes profesionais son empregados da Administración, non de empresas que buscan o negocio, etc. Teñen investigación. Terras colaboradoras coa investigación práctica. E boas escolas agrarias. Só nun departamento (provincia) da Bretaña hai sobre 25-30 escolas agrarias. En Galicia temos 4, e non están completas. primeira fase de crecemento, transformación de produtos na granxa. En titular destacado: 19 000 persoas visitaron en domingo 20 granxas abertas ao público nos últimos catro anos.
A relación produtor-consumidor. E así máis temas. 39 páxinas dan para bastante. E para a semana seguinte, outro tanto.
Nunha entrevista anterior falabas da importancia da dimensión da base territorial, da superficie por vaca, para facer sustentable unha explotación e de como iso non sempre se respecta en Galicia. Cal é o contraste coa Bretaña?
Efectivamente. Teñen bases territoriais que fan sustentables as súas explotacións. Andan con cargas de unha vaca por hectárea. Aquí en Galicia, ándase con máis de 2 vacas, e incluso 3, por hectárea. Eles case non compran nada fóra. Non hai terra que estea sen producir nada. Todo está ocupado con algunha cousa. Cultivos de todo tipo, bosque ordenado, horta, árbores froiteiras, etc. Tamén chaman a atención as boas comunicacións no rural e a súa boa conservación.
Non quería deixar de falar de certos feitos sintomáticos. A calidade e a cantidade do seu asociacionismo -técnico, cultural, veciñal, etc. Mira, hai gandeiros que reciben unha ou dúas revistas semanais no seu domicilio, que tratan temas de todo tipo relacionados co sector. Esta que teño na man, que me facilitaron en Bretaña, que sae cada semana, chámase Terras Agrícolas da Bretaña. 39 páxinas. En cor, con papel reciclado, por subscrición de 1 euro por número. Temas destacados neste número? Crise no leite, porcino, entrevista a dous produtores que se incorporaron no 2015, enfermidades no millo forraxeiro na primeira fase de crecemento, transformación de produtos na granxa. En titular destacado: 19 000 persoas visitaron en domingo 20 granxas abertas ao público nos últimos catro anos. A relación produtor-consumidor. E así máis temas. 39 páxinas dan para bastante. E para a semana seguinte, outro tanto.
Canto nos falta para chegar a este nivel...?
--
Máis artigos de José A. Salvatierra Rico

Ningún comentario: