20160725

25X

Hoxe é 25 de xullo. Día de Santiago, Patrón de España, din. Ou Día da Patria Galega, tamén. Día de celebración (non na China, non, aquí, e mesmo hoxe soou a serea de Gondán nas Figueiras ás 8 da mañá para dar sinal de comezo do traballo)
A alguén que hai pouco me lembrou o de 'Patrón de España' contesteille que iso sería antes, que agora España ten moitos patróns, que se quería que lle mentara a xente dende Amancio Ortega a Mariano Rajoy que son co-patróns.
En canto ó Día da Patria Galega, hai tempo que me deixo levar polas contradicións: a patria é todo/todos ou todo/todos é patria? Para comezar a entendelo (a entenderme) 'Todo pola patria' estaría relacionado co que remato de dicir. Enténdese 'dar todo pola patria', coido, o que nos levaría ben a dalo por nada (sen esperar nada a cambio, a cambio de nada) ou ben á 'compra' dun obxecto que sería 'a patria'. Nunha versión máis lixeira do que puxen ó comezo do parágrafo, a patria é de todos ou todos somos da patria? Parece evidente que todos non somos da patria, sexa o que sexa (hai xente que se sitúa ela mesma fóra) e tamén que 'iso' que se considera patria non é de todos.
Estou a lembrar unha pequena discusión mantida hai pouco nunha rede social. Seguía unha liña parella ó que estou a escribir, máis non lembro agora os matices. De calquera xeito, na época das interaccións múltiples, contraccións lingüísticas ou dos memes, teño claro que 25X é algo máis e tamén algo menos que o día do Patrón de España ou da Patria Galega, algo máis e algo menos que unha idea sinxela.
Por certo, unha curiosidade: No dicionario da RAG (polo menos, na versión en liña), non aparece a plabra 'patria', dirixindo a 'patrio', que na súa primeira acepción define como "Relativo ou pertencente á patria." Coido que encaixa abondo ben co que remato de dicir...

Ningún comentario: