20160126

A ruta do ferrocarril de Vilaoudriz

Hai tempo falouse, insistiuse mesmo, en convertir a vía Ribadeo-Vilaoudriz en camiño (ver o ilustrativo artigo sobre a liña na Galipedia para saber máis dela). Xa está o tramo Santiso-A Pontenova, e outro tramo máis, na zona de Ría de Abres, podería ser convertido en vía peonil de xeito doado. Outros tramos soltos, como o correspondente ó tunel en Porto, tamén, pero non darían desenvolvemento abondo para un novo tramo por sí sós. Así as cousas, o tema está parado: veu a crise, non hai subvencións, parte dos terreos están en mans privadas e/ou ocupados... hai moitas excusas/explicacións e ningún intento de avance. Xa que rematou Fitur, e queda outro ano máis para facer cousas con menos propaganda, adianto algo que coido factible sen moito gasto, case como o que dicía Machado de que se fai o camiño ó camiñar, comezando neste caso co coñecemento e a práctica.
Esquema da liña na Galipedia
Se se amplía a toma de pantalla de embaixo, poderá descubrirse de xeito doado na vista aérea unha figura como a sinalada á beira. É o tramo máis próximo a Ribadeo da vía do antigo ferrocarril mineiro. Unha antiga vía que se caracteriza, claro, pola súa baixa pendente, e que exceptuando pasos concretos, pode seguirse camiñando tranquilamente nunha lonxitude total de 3 km e carto, entre o embarcadoiro de mineral e o primeiro túnel, en Ove, á beira da nova vía do ferrocarril Ferrol-Xixón, xusto na ponte da estrada que leva dende a igrexa de Ove ata a N642. A saída dende o embarcadoiro sobre a ría de Ribadeo hai que salvala, ós poucos metros o camiño está ocupado, pero a continuación un anaco de camiño fai pasar por baixo da autovía chegando a outro lugar onde os prados non permiten polo momento o paso. Na Lodeira, un tramo urbanizado leva a un camiño que desemboca na r/Sor Pilar de León e logo en Rafael Fernández Cardoso. Aquí hai que salvar outro tramo non practicable, esta vez por edificacións valadas, para seguir dende a r/San Roque a Pintor Fierros a traverso dun tramo medio abandoado. De alí temos un longo camiño libre, con trazo suave, ata chegar a unha curva cerrada na que a vía queda a nosa esquerda, e non se pode conectar con ela ata algo máis arriba, collendo un camiño pegado á nova vía Ferrol-Xixón; camiño que se convirte en sendeiro á beira dunha terra ata chegar ó túnel. Ou sexa, só tres curtos tramos non practicables e salvables de xeito doado para máis de tres quilómetros de ruta.
O caso 'neste caso' é maís ben o abandono. Quedan embaixo unhas fotos no entorno da estación abandoada. Na primeira, a estación, á dereita, conserva a plataforma de terreo da vía, que leva de xeito doado ata os almacéns.
A estación presenta un aspecto desolado, pero bonito. Case diría impresionante.
O soporte para o depósito da auga necesaria para que as locomotoras a vapor funcionaran vese acompañado dunha casa con solera como a do hotel Balastrera, de inconfundible consoancia co ferrocarril, e tamén con mobles abandoados, sen recoller.
Unha vista máis lonxe do conxunto principal deixa cun sentemento de desolación mais tamén coa sensación de que non debera ser difícil recuperar o pasado.
Algún artigo no que se nomea a liña de ferrocarril: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7

Ningún comentario: