20151115

Atentados

Copio a definición do dicionario da Real Academia Galega:
"
atentado  
substantivo masculino 
1 Ataque grave ou acto de violencia contra a autoridade, un país ou a integridade física dunha persoa: Os frecuentes atentados políticos debilitaban o equilibrio do actual sistema de goberno. Foi vítima dun atentado do que saíu ileso. 
2 (figurado) Acción contraria a algo ou alguén, de carácter moral ou realizada sen violencia física: Un atentado contra a dignidade, o honor dunha persoa. Un atentado contra o patrimonio cultural. Non podemos consentir un continuo atentado aos dereitos dos nosos fillos.
"
A conto dos sucesos de París estase a falar sobre atentados. Mellor, sobre 'este' atentado. Non se fala de causas, nin se pon en comparación número de mortos cos mortos na guerra actual en oriente medio, nin moito menos se fala de solucións. O que se fala é de contraataque cara ó exterior e agresión preventiva cara ó interior.
Chama a atención que na propia definición de atentado se inclúa ataque, autoridade, país, e, só por último, persoa. Si, é unha definición, é aceptada, é así, e listo. Polo tanto, quen se centre na definición, está 'xustificado'.
Neste punto, fai falta dicir que lamento as vítimas? Coido que está de máis, mais, por se alguén está apuntando a que non o faigo e xustifico: Por suposto que lamento o atentado. Está claro?
Ben, despois do anterior, tiven que esperar a enterarme do atentado en París para descubrir un atentado que, comparando as cidades, foi tan grave alomenos. Sucedeu en Beirut poucos días antes, cidade que neste ano leva uns cantos. Tamén, grazas ó atentado de París sae a relocer polos resquicios informativos a commenoración da matanza do Salvador, hai 23 anos. E segue sen saír que cada día morren no mundo máis de 1/4 de millón de persoas, boa parte delas ben de fame mentres se tiran toneladas de alimentos, ben de enfermidades perfectamente curables cos medios de hoxe en día, ben doutras que sinxelamente non se investigan porque non se consideran rentables polas empresas farmacéuticas ó darse en países pobres, ben de xeito brutal no que os medios occidentais consideran guerras (pero que son financiadas en parte por capitais e países occidentais, que tamén subministran armas) ou tamén terrorismo (nese caso, os malos 'non son dos nosos') ou sinxela violencia (xenérica, pero tamén machista -non sei en cantas mulleres asasinadas vai o contador este ano-)
Funme polas ramas? Estamos no aquí e agora! Si, quizais debera insistir en que esas persoas asasinas son inhumanas. Máis ben cabería dicir que porque somos humanos ocorren estas cousas. Tanto a xeneración de causas, nas que estamos metidos, como na execución dos efectos. Coido que non me sería difícil imaxinar situacións nas que mataría. E faríao porque son humano.
Claro, coido non o faría por motivos relixiosos, e se alguén o fai, seguramente caerei na tentación (palabra de orixe relixiosa, creo) de sinalalo como inhumano.
Desconcerta a irracionalidade: mataron inocentes, dicimos. Coido que dende o seu punto de vista, o que fixeron é ruido social para tentar cambiar a sociedade. Unha sociedade con valores diferentes ós seus aínda que en teoría vivan inmersos nela (os matarifes eran europeos, non?). Coido que quizáis sen propoñérseo, os dirixentes europeos que discursearon sobre unha resposta unificada, nese punto, o da unión social, deron no cravo. A súa idea de como empregar esa unión social, coido que xa se aparta da liña do discurso que manteño aquí.
E uno o anterior co comezo do artigo: resulta que se ataca a un país, a un conxunto de países con certa homoxeneidade, países que manteñen unha liña de ataque para a dominación doutro grupo. Quizáis, primeiro a traverso de empresas, despois como instrumento de empresa. Países estruturados cun certo tipo de sociedade, de autoridade, uns e outros, os atacantes e os atacados. E xa me perdo, entre atacantes e atacados, querer cambiar a sociedade dende o poder ou con poder...
Si, xa sei, podería aclarar un pouco o tema, afondar no dos ataques a persoas e os ataques a sociedades, relacións causa (que se non profundizamos, vemos como primeira) - efecto (que é unha nova causa) - efecto... ou na contraposición dos xustos valores da nosa sociedade con... ou outros moitos temas relacionados, entre eles, como non, a educación.
Quizáis deberamos mirar con máis frecuencia imaxes como a do Apolo XVII, que nos encapsula en comunidade nun único mundo...
Por certo, pensaches como traballar para erradicar as causas da violencia?

Ningún comentario: