20150708

Zeltia vaise. Unha galega menos

Curioso. Unha das empresas punteiras de Galicia, Zeltia, propietaria única de PharmaMar, emigra.
Imaxe corporativa actual de Zeltia

A nova xa non é de agora. Estaba prevista, como se pode ver nun memorandum da empresa, datado o ano pasado. Pero, que significa?
Zeltia era unha empresa química galega, radicada en Vigo e xurdida a mediados do século pasado (1939). Sempre tivo en mente facer investigación en Galicia, e co cambio de século comezou a xurdir unha división, materializada en PharmaMar, unha filial, que se especializou en investigación farmacolóxica de produtos mariños. PharmaMar sacou ó mercado, non sen traballo, un fármaco contra o cancro, o Yondelis, que está comezando a rendir beneficios dende o pasado ano.
O Grupo Zeltia ten empresas de oncoloxía (PharmaMar, S.A.), diagnose (GENOMICA, S.A.U.), terapias de ARN interferente (Sylentis S.A.U.), a máis doutras químicas, de produtos de consumo, máis coñecidas, que son as máis antigas e a base do seu desenvolvemento, radicadas en Galicia, como Zelnova (área de produtos de limpeza) e Xylazel (pinturas e vernices), e unha adquisición no estranxeiro: Copyr (en Italia, aerosois). Nos últimos anos, a casa matriz, Zeltia, estaba a dar perdas debido en parte ó esforzo por levar a bo porto a operación PharmaMar.
PharmaMar está domiciliada en Madrid (Colmenar Viejo) e polo tanto, tributa alí. Agora, como dixen, comezou a dar bos beneficios despois de ser mantida dende a matriz Zeltia (que tributaba en Galicia). Pois o proxecto que se pode ver na páxina web de Zeltia e que se está a levar a cabo indica que nunha operación non usual, a filial, PharmaMar, absorbe a matriz, Zeltia. As consecuencias non varían moito de ser así a ser ó revés. Excepto pola domiciliación e tributación correspondente. A nova empresa conxunta non tributará en Galicia, senón en Madrid. Non tomará as decisións en Vigo, senón en Colmenar Viejo (en realidade, o 'Grupo Zeltia'  polo momento está radicado en Madrid capital)...
A empresa consta -constaba- como unha empresa constituída en Galicia por galegos que querían desenvolver a súa terra. Parece que nestes anos, algo se perdeu polo camiño. Foi un esvaramento paseniño que levou a empresa á emigración. Claro que hai emigracións forzadas e emigracións de conveniencia...

Ningún comentario: