20150306

Nota de prensa: Ribadeo en Común, ventos de cambio

Sopran ventos de cambio no panorama político, e moitas xentes de Ribadeo queren participar deles. “Ribadeo en Común” é unha oportunidade para a implicación da cidadanía nos asuntos públicos e a mudanza nos xeitos de exercer o goberno local.
O noso programa de goberno colaborativo promoverá usos, dereitos e valores que, sendo apoiados maioritariamente pola sociedade, non atopan espazo nas axendas políticas actuais. A diferencia entre o que queremos e o que fan os nosos representantes é o resultado de tantos anos de deixar o común en mans alleas sen recibir -nin pedir- contas. Hora é de xuntarse e comezar a sermos suxeitos activos na xestión do noso.
Que vai no programa? Nada está pechado, porque as medidas elixirémolas nunha votación aberta no mes de abril, pero sen dúbida incluirá unha mudanza na transparencia e a participación: gravación e emisión dos plenos, orzamentos municipais participativos, creación dunha radio xestionada coa veciñanza, comisións de traballo sectoriais... e tamén outros aspectos como a recuperación da xestión da auga (tan mala e tan cara), unha aposta clara polas nosas renovables -biomasa e vento-, edificios máis eficientes, novas ideas para a xestión do lixo, e un programa de reactivación da economía rural que vai ser clave na nosa sustentabilidade futura. Unha vila para a infancia e as familias, unha xestión cultural máis participativa... son moitas as propostas que encontraredes no noso programa, moi traballado pero aínda aberto a melloras que seguro poderedes proporcionar.
Tamén preguntan moitas persoas “quen vai na lista?”; pero é que esta lista non a faremos desde ReC: calquera persoa que estea de acordo co noso manifesto poderá presentarse a finais de marzo ás primarias abertas, e nelas poderán votar todas as persoas con dereito a voto en Ribadeo.
Para informar deste proxecto, dende a semana pasada estamos a repartir un tríptico no que expoñemos de xeito moi resumido os nosos obxectivos. Explicamos tamén que a lei obriga a presentar coa nosa candidatura o permiso outorgado -asinado e con fotocopia do DNI- por 500 veciños con dereito a voto en dúas semanas, a partir do día 1 de Abril. Para conseguir reunilas precisamos xa hoxe da axuda de todos os interesados en que este proxecto común saia adiante.
Moitas esperanzas, moito traballo, moito fica aínda por facer. Fixemos un bo equipo, pero faltas ti. O vindeiro domingo 8 de marzo ás 12 da mañá estaremos presentando Ribadeo en Común na tenda bar Amodiño, na praza de abaixo. Achégate a coñecernos e debuxa ti mesmo o teu futuro.

Ningún comentario: