20150227

Auga, Bando e Bando 2

A contaminación da auga de Ribadeo, a mais de enquistarse, da sorpresas. E cada vez máis. Onte mesmo, unha situación de desaconsellamento de bebela nalgunha parroquia durante algunhas horas creou unha situación tanto cómica como confusa, ó meu ver. Tanto, que ata os bandos correspondentes foron numerados co título de 'Bando' e 'Bando 2'... a máis da nota posterior tentando saír da situación e aproveitando para tirar adiante por parte do concello.
Os dous bandos, extraídos do PDF correspondente, e a nota de prensa posterior, xunto con algo máis de 'historia' do tema nas notas anteriores do blog:
http://ribadeo.gal/imxd/noticias/doc/1424957341BANDO_non_consumir_auga_26-2-15.pdf
BANDO
DON FERNANDO SUÁREZ BARCIA, ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO. CONCELLO DE RIBADEO,
FAI SABER
Por comunicación da empresa concesionaria do servizo de auga de Ribadeo, VIAQUA, comunícase como medida precautoria a recomendación de non utilizar a auga para o consumo humano ou uso alimentario nas parroquias de Covelas, Arante e Cedofeita ata novo aviso, debido a que as análises que se levan a cabo no encoro de Lexoso reflectiron unha turbidez de 7 NTU cando o valor límite está en 5, así como incumprimentos nos parámetros organolépticos (os perceptibles polos sentidos como cor, olor, etc.), límites establecidos no Real Decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano. Estas incidencias proceden das augas do río Grande que chegan ata o punto de captación de Lexoso, non podendo garantir deste xeito que a auga sexa apta para o consumo. No caso dos restantes puntos de consumo do Concello de Ribadeo a auga non presenta esta problemática ó non estarse captando dende Lexoso, se non dende o río Eo, a través da ETAP de Vilarbetote (Trabada).
O que se fai público para xeral coñecemento.
Ribadeo, 26 de febreiro de 2015.
O ALCALDE,
Asdo./ FERNANDO SUÁREZ BARCIA.

http://ribadeo.gal/imxd/noticias/doc/1424957409BANDO_2_consumo_auga_ben_parametros_26-2-15.pdf
BANDO 2
DON FERNANDO SUÁREZ BARCIA, ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO. CONCELLO DE RIBADEO,
FAI SABER
Que foi comunicado por parte de VIAQUA o peche da incidencia detectada no abastecemento de Lexoso ó cumprir os resultados das analíticas levadas a cabo no día de hoxe co establecido no Real Decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, feito polo cal comunícase ós aboados das parroquias de Covelas, Arante e Cedofeita que se anula a recomendación de non utilizar a auga para o consumo humano ou uso alimentario transmitida en anterior bando no día de hoxe.
Cabe engadir que se seguirán controlando posibles vertidos na fonte de captación do abastecemento para comunicar as posibles alteracións que estes provocan na calidade de auga para consumo humano, co fin de asegurar o subministro con garantías sanitarias á poboación. O que se fai público para xeral coñecemento.
Ribadeo, 26 de febreiro de 2015.
O ALCALDE,
Asdo./ FERNANDO SUÁREZ BARCIA.

A nota de prensa http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=1727&lg=gal
Novas
O CONCELLO PIDELLE SOLUCIÓNS A AUGAS DE GALICIA
Captación de Lexoso
26/02/2015
Os veciños e as veciñas das parroquias de Covelas, Arante e Cedofeita poden consumir a auga da traída do abastecemento municipal con normalidade. Así o indican as analíticas efectuadas esta mañá na captación de Lexoso, a onde nas últimas horas chegaron diversos vertidos efectuados río arriba, segundo explicou este mediodía o alcalde, Fernando Suárez Barcia.
O rexedor sinalou que "a pasada tarde a empresa que leva o subministro de auga potable a Ribadeo comunicounos formalmente que no punto de captación de auga potable que temos no río Grande, á altura de Lexoso, os aportes que trae a auga río arriba e que xa en anteriores ocasión supuxeron advertencias, chamadas de atención e denuncias diante da Xunta, de Augas de Galicia e de Control de Vertidos polos posibles lisiviados que alguén río arriba no concello veciño está a realizar, no caso que nos ocupa na tarde de onte xa os límites excederon o que marcan os parámetros das normativas legais e vixentes neste momento".
Suárez Barcia dixo que "a primeira hora da mañá indicamos a través dun bando, tal e como marca a norma, para as parroquias afectadas que teñen o servizo de auga potable municipal desde Lexoso: Covelas, Arante e Cedofeita, que non utilizaran a auga para consumo humano e alimentario. E hai unha hora, este mediodía, a propia concesionaria da auga, unha vez feitas as analíticas correspondentes, indica que os parámetros están en termos legais, adaptados á normativa e que pode proceder ao consumo de auga con normalidade". Por este motivo o alcalde de Ribadeo asinou un novo bando levantando a restrición anterior.
O rexedor indicou que "nestes últimos meses desde o Concello de Ribadeo escrupulosamente estamos notificando e comunicando o que a lei marca, tanto diante do organismo competente que é Augas de Galicia, diante de Control de Vertidos ou diante de calquera autoridade sanitaria con competencia na materia. O Concello de Ribadeo, a través da empresa concesionaria, é o encargado de clorar a auga e de que cumpra os parámetros normais que marcan as normativas, pero non é responsable da calidade de auga que ven polo río arriba. De aí que xa en decembro lle temos comunicado formalmente a Augas de Galicia que estamos moi preocupados por esta situación destes vertidos que periodicamente se están a producir, sobre todo cando chove, e pedíndolles resposta e que medidas se están a adoptar. Estamos moi preocupados pola alarma que se está a crear na poboación".
Fernando Suárez engadiu que "na vila de Ribadeo e nas parroquias que se subministran do río Eo non hai ningún problema, pero nas do interior non hai maneira máis que subministrar desde Lexoso, non hai outra alternativa. Queremos colaboración absoluta coa Xunta de Galicia, pero entendemos que se deben tomar medidas inmediatas para o cese deses vertidos ao río Grande, porque a tres quilómetros, en Ribadeo, hai un punto de captación de auga para consumo humano".
Ribadeo conta con dúas captacións de auga: unha no río Eo no concello de Trabada, en Vilarbetote, e outra aquí en Lexoso, no concello ribadense
--
Algunhas cousas anteriores sobre a contaminación do rego de Lexoso:
Imaxes do verquido no CAVI http://ribadeando.blogspot.com/2014/08/imaxes-do-verquido-no-cavi.html
De aquí bebemos http://ribadeando.blogspot.com/2015/02/de-aqui-bebemos-bebiamos.html
... Auga 20140421
E máis auga 20140423
Non hai risco para a saúde 20140607
Imaxes do verquido no CAVI 20140804
Que a auga sabe a raios? A culpa é da auga por saber así! 20141216

--
Sobre a traída de auga a Ribadeo https://tentandoeducar.wordpress.com/2015/01/27/relato-breve-dunha-actividade-de-aprendizaxe/

Ningún comentario: