20141111

Os extraterrestres xa están aquí e aproveitanse de ti

Collamos algún dato de xente que sabe diso, os da ciencia ficción. Os extraterrestres veñen representados por xente sen sentimentos humanos ou moi pouco desenvolvidos. As cousas das que se alimentan son descoñecidas ou sinxelamente, raras. O aspecto pode variar moito, e hai algúns tipos que se amosan a luz do día completamente diferentes, mentres outros son indistinguibles de nós, ou necesitamos dunhas gafas especiais para poder identificalos, pero en calquera caso, unha vez descubertos, tras un primeiro momento de desconcerto, a súa defensa é o ataque, que dalgún xeito estará protexido por conxéneres ou mesmo terrestres que lles seguen o xogo. A súa tecnoloxía é máis avanzada ca nosa, pero ben mirado, máis que avanzada o que pasa é que usan dela intensamente porque teñen recursos abundantes. De feito, se chegan á Terra é porque dilapidaron os recursos dos seus planetas. Nese sentido, son depredadores, usando o seu poder como lles permite o seu potencial ou ben dun xeito ladino, imperceptible pero efectivo. En calquera caso, procuran o poder como fin último. Aínda que se saiba quen son, son dificilmente capturables, polo que a solución que queda é abatilos para que non sigan coas súas, e coas proteccións que teñen, resulta case imposible. Non queren destruírnos, pero como dano colateral, rematan facéndoo... Ben, poderiamos referirnos a algunha característica máis, pero coido que xa están retratados.
Co anterior, mira e vai pasando nomes, de Rato a Blesa, de Monago a Urdangarín, de... enche ti os nomes, e verás a súa falta de sentimentos, o seu atiborrarse non precisamente de chourizos, aínda que ese sexa o resultado. Verás que as súas caras parecen normais para rematar descubrindo que son duras como a pedra. Que cando son descubertos, pasan sen transición da negación e ataque á asunción despreocupada e protexida por outros semellantes ou lambecús. Que non usan armas tan sofisticadas, senón máis ben que o que fan é usar os nosos propios recursos, co que son depredadores de todos nós, e nós, vícitmas colaterais das súas accións, que o que procuran é o poder, sexa económico, político ou do tipo que sexa.
Si, os extraterrestres xa están aquí. Quédanos o consolo de que na maioría das obras de ciencia ficción, escritas ou en pantalla, rematamos ganando nós, o pobo da Terra. Así intentaremos que sexa tamén esta volta, na realidade. Aínda que tamén sabemos que na ficción o vencelos ven despois de grandes danos e sacrificios, quedando a Terra abondo destruída...

Ningún comentario: