20140905

Un dos mellores momentos dun Ribadeo en auxe

Collo o título dunha nova na voz de hoxe, ó fío das patronais desparramadas ó longo de dez días, para reflexionar. Pegado, aparece que é un grupo de amigos quen leva as festas patronais. Algo bo, por iso de que sempre se coordinarán mellor. E tamén, hoxe, aparece que Mirasol vai de primeiro entre os portos de mercadorías autonómicos. Ribadeo marcha co que estimo mellor alcalde en moito tempo. Quizáis debera dicir mellor equipo de goberno, que un alcalde só nun concello de dez mil habitantes necesita axuda.
Agora ben, Ribadeo está en auxe? Vívese mellor? Ou é que hai máis postos de traballo e a poboación está medrando? Que significa que está nun dos mellores momentos? Con que criterio? Que significa pois que aínda esta semana fixera unha entrada sobre a creación dunha plataforma veciñal que encara a valoración de presentarse ás municipais, e polo tanto, fronte a este 'mellor equipo de goberno'? Con todas as diferenzas posibles, véñenme á cabeza casos de reis absolutos ou ditadores non menos absolutos cos que algún país prosperou un tempo. Hoxe pídese un sistema participativo, abondo máis aló do saúdo e atención persoalizada e puntual, e o regulamento de participación cidadá da un contraexemplo en Ribadeo: pode que se presente no pleno ordinario deste mes, pero a propia participación para construílo foi evitada ata o momento, e a experiencia do último presentado, cociñado sen participación, xa a comentei hai tempo.
E que ten que ver tanto o grupo de amigos como Mirasol?
En canto ó grupo de amigos, o resultado das festas está á vista, en curso estes días, e parece que non lles falta ilusión para levar adiante o traballo. Eles mesmos din que quizáis non recibiron todo o apoio que deberan, e por iso escapáronselles cousas que agora xa teñen como experiencia de cara a un próximo ano. Quizáis non viría mal lembrar que as comisións de festas tenderon durante moito tempo a perpetuarse por falta de remprazo, aumentando a experiencia... e tendendo a repetir un esquema que co paso do tempo quedaba xa non tan fresco como a primeira vez. Débeselle botar logo en cara ás comisións o que faltara esa frescura? Non! Como equipo, funcionaba, pero o xeito non axudaba á renovación, ata que o equpo caía, unha situación que conviña ter evitado antes de que xurdira o problema.
E Ribadeo vai de primeiro en mercadoría. Si, o sr. Durán fixo onte a visita, e como non, o alcalde acompañouno e viron que todo estaba en orde. Non o dixeron así, pero coido que podería dicirse da súa intervención que repetiron o de bo, bonito e barato. Bo, segundo aparece no xornal, pola limpeza que o faría competitivo fronte a Xixón, un porto que hai anos que espera para convertirse no sucesor de Ribadeo na carga de pasta de papel, o principal produto movido, producido por unha empresa ubicada en Asturias que está para unirse por tren ao porto do Musel, algo que polo momento está complicado que poda facer con Mirasol. A bondade tópase de bruces con que se esteña a poñer cartos para construír esa liña, que por sorte para Ribadeo, avanza lentamente. O de bonito non ven a conto neste aso, pero coido que non é mentira que o entorno de Mirasol o é. E o de barato? Cunha redución de prezo de carga como a sufrida hai uns anos, é barato. A clave, di o propio alcalde, está en que a carga case non se manipula. E iso significa que non hai moito traballo, e/ou que as posibles ganancias concéntranse. Non si?
Vivimos nun mundo complicado, e Ribadeo coido que vai mellor que o entorno en xeral, pero o título paréceme de calquera xeito 'demasiado', palabras deixadas nun arranque de entusiasmo. E o resto? Simplesmente, como dixen ó comezo, para pensar. As bases do pensamento colectivo non deben esquecer os 'bos momentos'.

Ningún comentario: