20140131

Para ler

Farruco Graña non é de Ribadeo e é de Ribadeo. Coido que leva o ser de Carballo a moita honra, e tamén o levar xa tempo afincado en Ribadeo. É dos que se ten ganado a pulso os méritos para o título de ribadense. Unha pequena biografía no sito da AELG non da fe dos seus últimos anos, quizáis dos máis produtivos. Por iso hai que rastrealo na rede (hai un artigo sobre el na Wikipedia, pero segue a ser incompleto polo momento) ata chegar á penúltima nova para saber do último premio que lle concederon, aínda que a última relacionada con el polo momento é respecto á súa labor cultural na Paco Lanza.
En fin, os seus escritos xa son coñecidos pola xente de ribadeo, da Comarca á Web, e diso tratan hoxe istas letras: hai un longo rastro seu na rede, pero algunhas publicacións, por estar sen mantemento e, en troques, agrupadas, merecen unha sinal para achegarnos a elas. Son as publicadas na desaparecida 'Praza' e as correspondentes ó xa hai un lustro desaparecido Vieiros (moitas delas, tamén na Comarca). Sinxelamente, literatura feita dende Ribadeo para non esquecer.

20140130

Iniciativa para dinamizar... e desfrutar do traballo de venda e comercio de Ribadeo

Hoxe vai algo de Ribadeo que me chamou onte a atención: quen fai a decoración das bolsas cónstame que o fai por gusto, pero non por iso deixa de ser un modo de aproveitar o tempo creativo non só en sentido artístico, senón de promoción dun negocio.
A primeira bolsa ten unha decoración máis convencional, un laciño e un tampón co logo e os datos da tenda.
 ... pero resulta que é o envés da fronte de bolsa seguinte:
É dicir, unha bolsa decorada cun debuxiño feito a man, avisando das Rebaixas de Inverno, que causa un sorriso non só porque o representado esteña a sorrir, senón pola ocorrencia e o desfrute que a representación manifesta.
Outra bolsa, esta caeu nas miñas mans algo máis sufrida, presenta unha escea semellante. Quizáis máis lograda (para o meu gusto), pero cumprindo a mesma misión. Neste caso, o nome da tenda ó pé fai diso, de 'pé de cadro'.
Non sei se a iniciativa levará a vender máis ou non nun primeiro momento, pero entendo que representa unha promoción non só para a tenda, senón para todo o comercio de Ribadeo.

20140129

A nova é que chove?


Si, chove a cántaros. Estamos no tempo. Un percebeiro furtivo foi ó mar e o mar levouno. As ondas son bonitas e perigosas. Vai frío. Estamos no inverno. É natural. Pero, falar do tempo? Non hai outras cousas? Xa se solucionou a Sanidade e artellou unha mellor educación? Os corruptos foron xulgados e condenados? Deixou de haber latrocinio nas altas esferas da política? Xa non hai máis 'porta xiratoria' entre política e empresa? Ten todo o mundo que comer? Remataron as subvencións de crédito público barato e axudas ós bancos, devoltas con crédito inexistente e desahucios? Deixou de haber cortinas de fume diversas para evitar de que nos enteremos do que pasa? O control dos medios de comunicación corresponde á nova e non á propiedade? Hai transparencia na administación? E participación cidadá?
Folga facer máis preguntas. A resposta e clara: non. E, en troques, nestes días as tormentas están nas novas. Claro, tamén se evita falar de que é o tempo, ou mesmo a posible relación de cambio climático e o tempo actual. Non, non se trata de formar, nin de informar. Trátase de encher o tempo da xente. Do 'panem et circenses' que evite que a xente pense e actúe. Que pense como xente de pensamento. Que actúe como persoas de acción. Que sexamos humanos máis que asemellados a ovellas rutinarias.
Xa non me queda tempo para Ribadeo. Ó fin, Ribadeo é un lugar pequeno, conectado ó seu entorno, e cada vez máis parello a el. E poderán darse novas particulares, pero o que vai por debaixo é a corrente xeral, por moito que se consideren particularidades.
Si, voltarei por Ribadeo. En cousa de minutos, pisarei as súas rúas e saberei que as particularidades son importantes. Cando se sabe que son iso, particularidades: pensa globalmente, actúa localmente.

20140128

Ouro non

Non, non é ouro todo o que reloce. Amósase día a día. E cando algo asemella relocer como ouro, imos averigualo. Chámanos a atención. Agachámonos para remover un pouco a terra, para coller o que parece, ... é dicir, facemos un pequeno esforzo. Si, é chamativo para nós.
Agora, fagamos unha tradución a aunha empresa que anda na procura de ouro, de sacarlle partido ó ouro. O anterior esforzo poténciase moitas veces, son órdenes de magnitude diferente, diriamos. Tan diferente magnitude que se trata de remover montañas e emponzoñar áreas dunha extensión considerable.
Por outra banda, cando nós imos comprobar se 'aquelo' é ouro, temos as nosas propias limitacións. Poñamos que o que observamos está sendo pisado por outra persoa. Pedirémoslle permiso.
De igual xeito ocorre co tema das empresas. Pero neste caso, a diferenza do que ocorre cos particulares, o permiso é outorgado por institucións, e as consecuencias sufridas polas persoas. E si, hai persoas ó mando das institucións, pero non son (non teñen por que) as mesmas que as que sofren as consecuencias. Nin teñen os mesmo intereses nin posibilidades. Nin consideracións. E daí ven o conflito. Na mina de ouro de Tapia ocorre tal como así: un conflito de intereses no que unha cúpula política tenta dar para adiante un proyecto sen estudos de impacto adecuados, por exemplo. Unha cúpula que está máis ou menos ben relacionada co mundo empresarial, aquel que pode sacar beneficios da acción. Doutra beira, xente de a pé, á que lle tocan máis ben os perxuízos. Dunha beira, xente relacionada cos medios e influínte neles, doutra, xente que recibe os medios: isa é a súa relación con eles. E así poderíamos seguir. En Tapia de Casariego ou Corcoesto, pero tamén en lugares tan lonxe como Nova Guinea ou Bolivia.
Somos humanos, e polo tanto imperfectos, e variados, moi variados, mesmo variables. Por iso é previsible que siga a haber enfrontamentos en temas coma iste. Pero sería desexable que as 'armas' usadas non foran trampulleiras, que a información fora veraz e completa, transparente, que non se fixeran promesas de postos de traballo irrealizables á vista doutros casos ó tempo que se escamotea a destrución resultante, tamén á vista deles ... e é que si, para vivir, temos que interactuar coa Terra e modificala, pero se nos pasamos, entón tampouco poderemos vivir. Aínda que os últimos en caer sexan os que teñen cartos para poder protexerse algo (non moito) máis.

20140127

De economía

Din que a economía, como verba, ven da 'xestión da casa'. A semana pasada sóubose que a xestión da casa Ribadeo tiña algo que non concorda. É dicir, neste caso, algo co que non está en acordo intervención. Non coñecendo exactamente os impedimentos postos para o pago 'do 40% do persoal' pola intervención (cousas quizáis por non ir ó pleno), temos que quedarnos provisionalmente coa versión do alcalde que difunden os medios: "Tal e como é a estrutura do Concello dende fai vinte anos, para cumprir todo o que di o interventor habería que botar á rúa a un 40% dos traballadores, dado que moitos están dende fai moitos anos en situación de indefinidos pero sen praza. Según di o interventor, habería que eliminar os contratos e indemnizalos, pero a praza non se podería convocar porque a lei non o permite, de modo que perderiamos ao traballador e o servizo, como pode ser o de axuda a domicilio ou o de limpeza de rúas. Estamos traballando nos reparos, pero é difícil"
Si, xa sei que é difícil opinar así, pero, ti, que opinas? Cousa de lei, cousa de xusticia, cousa de política ...?
E mentras non se coñecen máis datos, a lembrar que hoxe hai unha concentración en Burela a favor da sanidade mariñá ...

20140124

Especulando

Onte houbo pleno. E pregúntome, quen o poderá contar dun xeito obxectivo estando interesado polos temas do pobo? Cánta xente iría?
A atracción dos plenos segue coma sempre, desaparecida (feita desaparecer) coas excepcións de intereses particulares ou gremiais (particulares dun pequeno conxunto)
De novo, o salón de plenos recibiu un tratamento de temas públicos cunha forma de tema privado, por moito que a lei permita (máis que apoie) a participación da xente nas súas -nosas-cousas.
Agora é cousa de especular sobre o tratado e cómo foi tratado: Chismorrea como súbdito o que non soubeches atender como cidadán.

20140123

cousas de Ribadeo: pleno, anuncio, feira, voto partido ... e vidrieiras

Hoxe xoves, pleno. Entereime onte pola mañá a traverso dun xornal e fun á web do concello en procura de máis información. En vano, pois atopo a nota de prensa dos medios, pero atopo pinceladas, sen unha orde do día. Reproduzo o que alí puñia:
"
SERÁ A PARTIRES DAS 20 HORAS

O xoves haberá pleno

21/01/2014
Na sesión someteránse a aprobación varias ordenanzas co obxectivo de fomentar a igualdade entre os nenos e nenas de familias en situacións económicas desfavorables e para axudarlles tamén ás familias que estean en situación de emerxencia social ou urxente necesidade. A lei do aborto estará presente no debate de dúas mocións.
O vindeiro xoves, 23 de xaneiro, haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo a partires das 20 horas. Entre os asuntos que se someterán a aprobación figura: a ordenanza reguladoras das bases de acceso ás prestacións económicas para familias do concello de Ribadeo en situación de emerxencia social ou urxente necesidade; a ordenanza reguladora para facilitar o acceso ás actividades dirixidas a menores, organizadas polo Concello, pertencentes a familias de Ribadeo en situacións económicas desfavorables; e a ordenanza reguladoras de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. No pleno debatiránse dúas mocións sobre a lei do aborto, unha presentada polo BNG e outra polo PSG-PSOE.
"
É dicir, as novas para o pleno de hoxe mesmo ... aínda deficiente: 'entre os asuntos (...)', co que non se sabe nin o conxunto 'dos asuntos' nin a formulación precisa dos citados.
No xornal, con motivo de Fitur, extra de anuncio en páxinas centrais. Ribadeo non aparece como anuncio, e está case desaparecido do especial da Mariña, aínda que queda o obrigado de As catedrais. O certo é que non me parece mal: os batiburrillos de anuncios edulcorados periódicos da comarca en distribución na propia zona non creo que sexan moi efectivos para os supostos fins que se pretenden.
E é que este ano a feira de turismo vai notar unha pequena lagoa de visitantes 'oficiais' ribadenses, segundo parece. Pe pronto, hoxe, día de presentación do vídeo feito co cuadricóptero (algo así como o 'día grande da Mariña en Fitur'), hai pleno, co que ... A interpretación, quizáis haxa que procurala no manexo mancomunitario coa voz cantante do PP, aínda que ... calquera sabe.
E no pleno de hoxe, o voto partido. Voto partido dentro do PP, que deixando liberdade de voto na moción para presionar ó goberno do estado sobre a lei do aborto, convírtese en nova non só a nivel comarcal-Mariña, senón a nivel galego, aínda que non é a primeira volta que pasa. Co actual xeito de manexo 'democrático', é interpretado como unha fractura no PP ribadense. E aínda que coido que en circunstancias dunha democracia normal sería algo usual, non unha nova, nas actuais circunstancias o normal é consideralo como froito de que algo non vai ben no PP ribadense.
E as vidrieiras. Onte, un enterro fixo que recibira unha chamada: as vidrieiras estánse a repoñer na capela dlo cemiterio. Exposición? Non. Recabo información, e dínme que os técnicos din que están ben. O pobo non saberá, vistas a distancia, máis que a opinión 'dos técnicos', 'unha marabilla'. Adeus a unha oportunidade de coñecer máis a historia de Ribadeo, de apreciar de preto unha parte do seu arte, de exercer de pobo. Contestación do escrito pedindo a exposición? Tampouco.

20140121

Facendo propaganda de Ribadeo

Comeza xa Fitur. Por alí se pasará diferente xente de Ribadeo. Como preparativo, sae hoxe no xornal a concesión da Q de calidade ó Hotel O Cabazo. E días antes, a páxina/iniciativa Ribadeo Birding anunciou a súa candidatura ós premios afiprodel, votables en internet (coma quen di, xa sabedes), algo que foi apoiado por unha entrevista onte en El Progreso a Enrique Sampedro, promotor do blog Ría de Ribadeo.
E máis. Ribadeo segue, coa insignia da praia máis famosa de España, pero diversificando e tentando abrirse paso en turismo ou cultura, sen esquecer outras cousas como a consecución de servizos -a punto de abrirse o último tramo da autovía do Cantábrico, a residencia, ... - (por certo, tamén aparecen hoxe os nomeamentos de dúas persoas relacionadas con Ribadeo para a Fundación Galicia Sempre)

20140119

Comunicando, de Hernán Naval

Ordeando vellos papeis, hai pouco que me atopei coa obra de teatro 'Comunicando (Traxi-comédia com parabellum. Nun acto)', asinada por Hernán Naval e publicada no 1990 na 'colección de cadernos da escola dramática galega'. Queda en Publicado en Ribadeo.
--
Nota posterior: O lugar de 'Publicado en Ribadeo' deixou de existir por decisións da compañía onde se aloxaba. Novo enderezo: http://issuu.com/agremon/docs/comunicando_hern__n_naval

20140118

Morreron. Así de sinxelo

Morreron. Así de sinxelo, é a expresión de algo natural, por moito que cause dor, tanto a quen se vai como ós próximos que se quedan.
Esta semana tivemos preto un caso diferente: Matounas. Tamén así de sinxelo. Pero non é a expresión de algo que nos pareza natural, por moito que se leven repetido feitos semellantes. Indo un pouco máis aló, collendo as verbas do asasino, di algo como que as matou porque as quería. Porque as quería e non quería velas sofrer. Matanza preventiva de propios sentementos. E os sentementos delas? Non sería máis propio, se non quería velas sofrer, que se quitara el do medio?
Drama de fondo, si, parece. Desculpa, non, en ningún caso. El segue vivo e pode que algún día se arrepinta. Elas non van a poder ter un tempo futuro para ... para o que sexa, desfrutar e sofrer, exercer a propia vontade, ser persoas. Nai e filla, próximas ó asasino, asasinadas só polo feito de estaren próximas e poder facelo.

20140116

E a luz fíxose para iluminar estes tempos

Remato de ler en Crónica 3 o artigo Foz: 105 anos con luz. Hai anos (coido que polo 98, pero non din procurado referenzas) pasei pola exposición 'E a luz fíxose' en Santiago, conmemorando os cen anos da instalación de luz electrica na cidade.
En Ribadeo non coñezo a historia correspondente, pero ten que andar asemade por esas datas, uns cen anos, que primeiro a iluminación, e logo unha morea de cousas máis, foron chegando en forma de tecnoloxía para facilitar a vida. Sería interesante pescudar cándo, quen, cómo fixo chegar a luz eléctrica a Ribadeo. Para iluminar estes tempos que van máis ben en sentido contrario, de recortes en troques de emprendimento de novos retos.

20140115

Lembrando 2013, nota de prensa de O Tesón


O cambio de ano, aínda que non signifique nada de por si, da unha oportunidade de botar a vista atrás para lembrar o bó e o malo, ter unha visión de conxunto, e reflexionar para mellorar, facer no que non se puido facer, ...
Dentro da AVV O Tesón tamén pasamos a vista por ese ano do que a grande maioría nos despedimos esperando poder recuperar pronto algunha das perdas. Por iso, pola esperanza, o primeiro que nos ven á cabeza é un proxecto que grazas ó realizado en 2013, este ano sairá adiante en boa parte se non hai máis contratempos: a residencia de maiores. Vaia por bo camiño. Por iso, pola súa consecución, coidamos que debemos felicitar a José Mª Rodríguez, presidente e cabeza visible da comisión veciñal encargada de promovela, sen descoidar extender a felicitación a moitas outras persoas que, en menor ou maior grao, contribuíron a facer posible este estado de boa esperanza actual.
Esta volta, a lotería que reparte a asociación -máis como motivo de comunión cos asociados e co pobo en xeral que para obter fondos (510 €)- tivo o reintegro, o que permitiu un pequeno sorriso cara ó fin do ano.
A cambio dalgunha boa nova, algunha outra non tan boa: un tema que puxemos en marcha, a volta do xulgado a Ribadeo, está totalmente parado, sen consideración algunha por parte institucional. E, mentras que nalgúns lugares xa se vai normalizando o nome de ría de Ribadeo, noutros aínda queda por facer. Aproveitamos estas liñas para ofrecer o noso apoio a quen poda ter máis ascendencia ca nós para poder solucionar istes temas.
As vidrieiras, outro dos seguementos que vimos facendo xa hai varios anos, parece que leva camiño de solucionarse. Pedimos que tan pronto esteñan reparadas sexan expostas para que a xente podamos achegarnos e ver que pasou, como foi feita a restauración, algo da súa historia ou como van ser dispostas de novo na capela do cemiterio. A súa exposición foi pedida xa por escrito o pasado outono.
A nosa asociación ten realizado diversas actividades para socios e para a poboación en xeral. Inclúese aquí o ciclo de películas -4- realizado na primavera, con temática relacionada con temas sociais e humanos, que deu lugar a interesantes debates. Tamén dentro do ámbito cultural e social se inclúe o ciclo de conferencias -asemade 4- relacionadas coa crise, a economía e falsos dogmas, que impartiron catro persoas que ofreceron con olla ampla e dende Ribadeo a súa perspectiva da crise, as súas orixes, o seu desenvolvemento, as súas consecuencias ... conferencias das que algunha xa se subiu a internet e o resto espérase subir pronto: o obtido nas conferencias merece máis difusión, o seu interese é xeral, e a formación que brinda non é doado obtela dun xeito estruturado e desmigado como foi feito.
Tamén de tipo asociativo foi a viaxe realizada, que con motivo primeiro a visita ó Castro de Coaña, permitiu coñecer máis en profundidade lugares do occidente astur como o museo de Porto de Vega, e entablar lazos doutro xeito con asociacións da zona.
A asociación fixo posible a publicación do cartaz de Cartas da ría de Ribadeo, que puxo a disposición de tódolos interesados a reprodución dun conxunto de cartas que amosan diversas percepcións do entorno da ría e ofrecen un enfoque histórico do noso entorno. Por certo que seguen a disposición exemplares nas librerías de Ribadeo.
Como difusión, tamén recomezamos a publicar máis cousas. Así, en internet, no propio blog da asociación, http://o-teson.blogspot.com.es, ou dando a coñecer á xente as preguntas realizadas nos plenos, preguntas que creemos que permiten facer unha aproximación diferente á xestión que se fai da parte comunitaria das nosas vidas. Nese camiño continuaremos.
Seguimos e tentaremos seguir participando, na procura do ben de Ribadeo, dentro das nosas posibilidades en iniciativas diversas. Estaremos en sitios tan diferentes como a Comisión de sanidade pública de A Mariña ou o Consello da Muller de Ribadeo. Insistindo na necesidade da participación cidadá, tanto por parte das persoas como procurando que a participación esteña ben regulamentada, que haxa claridade na xestión de Ribadeo, que todos teñamos a posibilidade de aportar a nosa colaboración dun xeito natural, que entre todos podamos facer un Ribadeo mellor.
A asociación en unhas contas que lle permitiron, un ano máis, non variar a cota de asociado -dende 10 €, dende o 2004- contribuíndo así a non incrementar as cargas dos asociados. O que poda pasar neste sentido de cara ó 2015, iso xa se verá.
En fin, faltan moitas pequenas cousas, pero o anterior é un resume da recompilación do feito para difundilo e que se saiba para que a xente poda colaborar. Iso é o que queremos para o que xa é iste ano: colaborar para facer un pobo mellor para vivir, e pedir colaboración para levalo a cabo do mellor xeito posible.
Continuaremos. Coa referencia da ría no nome da asociación, algo incluído no noso entorno, e co sentido que da ó dicionario á verba 'tesón'.
Mentras, esperamos un mellor ano para todos.

20140114

Morte do herdeiro do poeta

Remato de enterarme, por aviso de Angel Alda, da morte no Uruguai de Paco Trelles, neto de herdeiro poético de 'el Viejo Pancho', o poeta gauchesco nado en Ribadeo.
De Paco Trelles pouco se comenta en Ribadeo, ó contrario do que se fai co seu avó. Tan tenues son as relacións familiares. Aínda así, por exemplo, doou algún material á memoria do seu familiar, como se di aquí.
Descanse en paz.

20140113

Ribadeo era unha cola

Parodiando a Hemingway, coido que é unha frase que reflicte o que pasaba onte en Ribadeo. Despois do cheo musical de Magnificat antonte, onte a obra de teatro presentada pola agrupación ribadense no Cine Teatro deixou fóra a unha cantidade de xente equivalente á que había dentro. A fila descompúxose cando chegaba case á esquina de Vivín, e había xente que pretendía ir e non estaba aínda nela, coma min mesmo ou outra xente que avisei para que non se apresurara. Outra xente quedou ás portas, pero noutra sesión -a data aínda non está posta- será.

20140112

Concerto de Nadal do grupo Magnificat


Onte tiven ocasión de ir ó Concerto de Nadal do grupo Magnificat, de estrea do conxunto de obras de Eli García-Bouso seguindo o evanxeo de San Lucas. Cheo total e xente, moita, de pé. Gravei nun lateral e con móbil o concerto, coas conseguintes imperfeccións, a ter en conta, e incluíndo case tódala explicación do autor sobre o conxunto e as diversas obras que o compoñen. Aquí queda: a pesares da calidade da gravación, coido que se pode desfrutar.














- Nota: Como unha persoa me dixo que non lle funcionaban as ligazóns incrustadas anteriores, deixo embaixo as ligazóns para pegar no navegador: http://www.goear.com/listen/8a13389/presentacion-xeral-das-obras-eli-garcia-bouso http://www.goear.com/listen/2d0bf7c/introducion-o-misterio-deus-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/04935be/ave-maria-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/7583ef0/magnificat-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/d040757/o-nacemento-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/7b5f7c0/nana-neno-xesus-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/077bbec/introducion-a-alegria-dos-pastores-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/64794c5/o-anxo-do-senor-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/569c9eb/os-magos-oriente-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/722b031/vaiamos-belen-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/1193180/verbas-previas-o-aleluia-eli-garcia-bouso http://www.goear.com/listen/ee96c58/aleluia-eli-garcia-bouso-magnificat http://www.goear.com/listen/fbf4eef/aleluia-version-curta-eli-garcia-bouso-magnificat

20140110

Chegaron as actas de Ribadeo

Corto e pego a nova dende a páxina co concello:
"
DESDE ESTA TARDE ESTÁN NO CONCELLO

Libros restaurados

09/01/2014
O alcalde, Fernando Suárez, recolleu hoxe na sede do Arquivo do Reino de Galicia os preto de 40 libros dos séculos XVI e XIX que foran remitidos desde o Concello para a súa restauración hai uns trinta anos. Os exemplares, moitos libros de actas, están depositados na Secretaría Xeral do Concello e estarán a disposición daqueles estudosos que queiran coñecer un pouco máis da historia de Ribadeo.
Suárez Barcia explicou que "por fin xa está en poder do Concello de Ribadeo toda esta documentación histórica que hai uns 30 anos o noso Concello lle remitiu ao Arquivo Histórico de Galicia para proceder á súa restauración, dado que se atopaban en moi mal estado de conservación. Agora por fin teremos estes libros de actas que van desde o século XVI ata o XIX, hai tamén libros relacionados co porto comercial de Ribadeo e unha serie de documentación histórica que seguro fará as delicias de moitos historiadores e de xente que quere coñecer máis do noso pasado". O rexedor lembrou que "Ribadeo non é unha entelequia que se creara hai cen anos, senón que ten unha grande historia  e esa historia documentada é a que non se debe perder e é a que todos estes restauradores estiveron a facer".
O alcalde ribadense engadiu que "agora estes libros pasarán a formar parte do arquivo histórico do Concello de Ribadeo, e poderán estar a disposición, con todas as cautelas necesarias, daquelas persoas que, polo seu coñecemento histórico ou pola súa cuestión de investigación, queiran interpretar, ler e saber un pouco máis da nosa historia".
Fernando Suárez anunciou que "desde o Concello tentaremos iniciar un trámite de dixitalización para que toda esta información poida estar ao alcance de todos e ao mesmo tempo que sirva para que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan saber un pouco máis da historia pasada ou incluso remota, nalgúns casos, do noso concello".
Os libros atópanse desde esta tarde no Concello. Alí se deron cita o alcalde, a concelleira de Cultura e representantes dos partidos políticos da Corporación Municipal ribadense."
Vale, as actas, están en Ribadeo. Estaban en mal estado e leváronse a reparar. Parece evidente que, a parte do seu valor, non se consideraron moito cando levaban alí 'uns trinta' anos e foron redescobertas. Por outra banda, obviando o tema anterior, o alcalde fala de tentar iniciar un trámite de dixitalización, pero despois de pasar a formar parte do arquivo histórico cun acceso restrinxido. A verdade, despois de trinta anos, o proceso podería alongarse un pouco para ser o contrario: primeiro, dixitalizarse e logo, pasar o arquivo para o seu uso restrinxido.
E é que o cómo se podan ver vai marcar o seu uso, e a recuperación despois de trinta anos era unha ocasión para que a cidadanía se interesara polo tema e o collera doutro xeito do que o collerá cando se faga o escaneo (que algún día se fará). Por outra banda, se os documentos se cargan en internet nun formato e forma que permita a total accesibilidade, pode sinxelamente dar outra visión do que foi (e é) Ribadeo. Se se vai quedar a cousa durante longo tempo en poder consultar os tomos no mesmo concello, quedará reducido ó estudo por parte de dous interesados e coñecerase o que sexa a traverso dos seus ollos e a súa mente.
Coido que non é que haxa nada de particular esperando a priori, pero o mero feito de consultar algunha parte irá abrindo camiño á atopar cousas concretas. A quen sexa, investigadores ou pobo 'llano'.
En canto á conservación, o mellor xeito de que esteñan ben conservados é que a dixitalización funcione e non sexa necesario ir directamente á fonte máis que en casos excepcionais. Naturalmente, iso pasa pola total apertura dos documentos en internet nun formato totalmente accesible (aberto e non propietario, manexable de xeito doado para a súa transformación, ...)
E, mentras, que é o que pode dicir a xente que estivo na corporación ou na parte correspondente de oficina todos istes anos? Que pasou para que as actas quedaran abandoadas istes anos? Non importa, xa que están de novo en Ribadeo? Tampouco aquí, por moito que o asunto poda considerarse menor, vai haber responsables?

20140109

Cando menos, curioso: Coge3, concienciación/acción

E, de resultar, fabuloso.
A raíz da nova de prensa sobre a iniciativa de Óscar García, o primeiro impulso é darlle difusión á iniciativa Coge3. A proposta é sinxela, e, ó menos nos primeiros momentos, dunha viralidade potencial moi grande polo anuncio das propias accións. En caso de acadar unha difusión maior, entón o propio éxito pode ocultar a difusión da acción individual: o caso é que se trata básicamente de cada vez que se achegue unha persoa ó mar, coller tres restos que atope, retiralos, fotografar dalgún xeito a acción (con persoa, sen ela, no momento da retirada, xa no lixo, ...) e colgala en internet na páxina de Coge3 para que se vexa que se fixo.
En principio, a iniciativa está dirixida a deportistas (estamos en inverno), pero pode sumarse quenqueira. A idea de coller sempre que se vai algún lixo e retiralo de onde sexa non é tan nova, pero o método en conxunto pode darlle un pulo particular que axude a que a illa de refugallos que se foi formando no medio do océano (a do Pacífico din que supera a superficie de España e está a producir un gravísimo problema medioambiental) sexa controlable. Xa o mero feito de que a iniciativa tivera un oco destacado nos xornais implica un gran de area máis na concienciación medioambiental que tanta falla está a facer. En Ribadeo, na Mariña, a península e o mundo enteiro: é un problema de todos e a todos toca dar resposta. Óscar contribuiu.

20140107

Beben y beben y vuelven a beber

Beben y beben y vuelven a beber, los peces en el río … a razón dunhas cantas veces ó día durante un par de semanas (alomenos) os últimos -moitos xa- anos, iso é o que dicía unha e outra volta a panxoliña. Os peixes deben estar xa afogados.
Ó comezo deste último conxunto de sesións anuais de suposta graza navideña, lin en internet, escrito por un ribadense e referíndose a Ribadeo: “O dos altavoces cos putos villancicos a todas horas en cada esquina é terrorismo. A ver se ven unha ciclogénesis explosiva criminal, ou dúas, e os manda ata Siberia polo menos”. Non reproduzo todos os comentarios ós que vin que dera lugar... dende aquela, nin e comentáronme unha morea de veces cousas semellantes en maior ou menor grao. Hoxe xa rematou esta tanda de música feita ruído indesexable.
Como a moita outra xente, gústame a música. A que eu elixo, non a que me impoñen. Cando quero, non de xeito repetitivo, machacón, non deixando espazo á tranquilidade, ó desfrute ou ó pensamento. Relaxada, non estipulada como traballo, tódolos días ás dez da mañá (desta volta, un pouco antes, quen puxo o programador debía ter o reloxo un pouco adiantado), sexa de diario ou domingo, ou mesmo o día de ano novo, ‘amenizando’ as rúas vacías a aquela hora, ou competindo, sobremontándose á do músico de rúa máis próximo.
De ónde ven que haxa que atormentar os oídos no Nadal? Cre alguén que así se consigue esprito navideño? Cre alguén que así se incrementan as vendas?
De ónde, non sei a ben seguro, dos centros comerciais 'cerrados', con música máis baixa porque non teñen que facer fronte a outros ruídos da vida diaria, e con música máis variada.
O ‘esprito navideño’? Cecais o que se pretende ten pouco que ver co tal ‘esprito’, e máis co tema da pregunta seguinte, o medre das vendas. En todo caso, pode que se perdera a ansia dos compradores por falta de tranquilidade para organizar a compra. Andiven pola rede na procura de datos ou estudos, e non atopei un só estudo que diga algo como ‘unha música melindrosa repetida ata a saciedade nun amplo espazo público incrementa as ansias de compra da xente e as ganancias dos vendedores no entorno de dito espazo’. Non. Hai estudos sobre o pracer da escoita de música para que os establecementos sexan atractivos, pero non pasan por cousas como poñer música ‘de época’ de xeito empalagosamente repetitivo. Diría que a máis dunha persoa lle provoca o efecto contrario, de fuxida a lugares onde non se poda escoitar, un ano máis. E, en canto ó esprito de Nadal, remítome á cita de internet ...
Hora de pensar nalgún cambio?

20140106

Cantos de Nadal ... e residuos

Con retraso, como xa mo fixo notar alguén, unha referenza completa dunha actuación entre as actividades culturais do Nadal 13/14 de Ribadeo. Ista, organizada pola Agrupación Belenista como complemento ós seus beléns, desenvolta na traseira do 'Belén Florentino'.
As bandas sonoras e o vídeo, tal como foron recollidas in situ.
Canto de resises de Mosende (Tradicional/Uxía Senlla)
A Campá que resoa (Xosé Casal)
Natal dos simples(José Afonso)
Con un sombreiro de palla (tradicional)
Buscando unha estrela (Paulo Nogueira/Alicia Porto)
Marchei a Belén (tradicional)
O pelo roxiño (tradicional)
Toca o pandeiro Manuel (tradicional)
Ovos e torresnos (tradicional)
Metido nun ovo (tradicional/Paulo Nogueira)
Guedellos de cabra (tradicional)
... e o residuos do Nadal (a denominación no é de orixe)

20140103

Enfocando 2014

Inxenuo. Isa é a verba que se me ven á cabeza despois de dous artigos vistos esta mañá.
Un deles, unha charla nun foro informático que non fai máis que ampliar o coñecemento da nosa falta de privacidade, algo que nos está a levar a un abano de posibilidades entre enxame, colmea e rabaño, ninguna delas en principio agradable para seres polo momento cunha conciencia de independencia coma nós. Inxenuo sobre a individualidade.
Outro, a previsión dun autor que sempre considerei con dotes visionarias, Isaac Asimov, sobre a vida arredor do ano no que rematamos de entrar. Despois de ver os seus acertos e fallos e lembrar outras predicións, como a de Xulio Verne sobre mediados do século pasado, véxoo inxenuo aínda a sabiendas de que non ía acertar en moitas das cousas que dicía. Inxenuo sobre a sociedade.
E nós, estamos no 2014, é o noso tempo, e moitos, inconscientes máis que inxenuos sobre o noso devir compartimentado de xeito individual ou en sociedade de tamaño íntimo, nunha época na que na humanidade ou se ve como un conxunto total ou non se ve e quedamos deshumanizados.
En fin, novo ano. Embaixo, dúas vistas tomadas o día 1, unha cun arco da vella sobre Ribadeo, a outra, as ondas rompendo na zona da Punta da Cruz: dúas visións en certo xeito contrapostas entre as que se move o ano, dista volta, a nivel meteorolóxico.


20140102

un ano segundón (en canto a temperie en Ribadeo)

Si, 2013 foi un ano segundón en temperie. Por exemplo, despois de estar case toda a duración anual marcando o ritmo en precipitacións altas e temperatura baixa, non foi nin o máis chuvioso do śeculo nin o máis frío.
Na gráfica vése claro: de finais de xaneiro/comezos de febreiro, cando despegou forte, ata novembro, marcou diferenzas coa precipitación caída anos anteriores do século, para quedar ó final como segundo ano do século en canto a esta magnitude: 1 277,5 L/m2, un pouquiño por tras do 2006. Xa digo, a pesares do inverno excepcionalmente chuvioso e a primavera moi chuviosa asemade. A 'culpa' disto hai que atribuírlla ó outono, aínda que tampouco marcou un tempo de seca.
A precipitación media anual no século queda aproximadamente nos 960 L/m2 en Ribadeo
Pasemos á temperatura:
En canto á temperatura, tamén quedou por riba dos 13,56 ºC de 2010, pois acadou 13,69 ºC. Na gráfica vése que estivo boa parte do período marcando a temperatura media infeiror no século, sen ter días excepcionalmente fríos, pero si tendo unha primavera de días en xeral fríos, e un final de outono temperado. A temperatura media do século queda así xusto por baixo dos 14ºC na nosa vila.
Outra magnitude a considerar debido á súa importancia no fin de ano, o vento, segue tamén en plan segundón:
O ventos rápidos continuados dos últimos días do ano lograron encaramar a gráfica anual a posicións de cabeza, pero só acadou ata o cuarto posto dentro do que levamos de século.
En fin, voltaremos sobre algunha peculiaridade noutro momento, pero para o segundo día do ano, vai abondo.
Por certo, se hai algo que non se entenda, con preguntar ...