20131209

27 de setembro, día da Constitución

Lanzo unha proposta, que o día da Constitución pase a ser o 27 de setembro.
O 27 de setembro de 2011 entrou en vigor a reforma da Constitución, pola súa publicación no BOE. A última, na que o povo, nós, non tivemos voto porque non nolo deixaron exercer. Cambiouse o artigo 135. O 'novo', xunto coas disposicións que o acompañan, quedou:
"
Reforma do artigo 135 da Constitución española, aprobada polas Cortes Xerais en sesións plenarias do Congreso dos Deputados, do 26 de agosto de 2011, e do Senado, do 7 de setembro de 2011. Sancionada pola Súa Maxestade o Rei o 27 de setembro de 2011.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Máis de trinta anos despois da entrada en vigor da Constitución, formando parte España da Unión Económica e Monetaria Europea, que consolida e proxecta as súas competencias no marco dunha crecente gobernanza común, e sendo cada vez máis evidentes as repercusións da globalización económica e financeira, a estabilidade orzamentaria adquire un valor verdadeiramente estrutural e condicionante da capacidade de actuación do Estado, do mantemento e desenvolvemento do Estado Social que proclama o artigo 1.1 da propia lei fundamental e, en definitiva, da prosperidade presente e futura dos cidadáns. Un valor, pois, que xustifica a súa consagración constitucional, co efecto de limitar e orientar, co maior rango normativo, a actuación dos poderes públicos.
Para chegar ata aquí, a salvagarda da estabilidade orzamentaria xa supuxo un instrumento imprescindible para lograr a consolidación fiscal que nos permitiu acceder á Unión Económica e Monetaria e foi posteriormente recollida en normas de rango lexislativo.
No mesmo sentido, o Pacto de Estabilidade e Crecemento ten como finalidade previr a aparición dun déficit orzamentario excesivo na zona euro, dando así confianza na estabilidade económica da devandita zona e garantindo unha converxencia sustentada e duradeira das economías dos Estados membros.
A actual situación económica e financeira, marcada por unha profunda e prolongada crise, non fixo senón reforzar a conveniencia de levar o principio de referencia á nosa Constitución, co obxecto de fortalecer a confianza na estabilidade da economía española a medio e longo prazo.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española persegue, por tanto, garantir o principio de estabilidade orzamentaria, vinculando todas as administracións públicas na súa consecución, reforzar o compromiso de España coa Unión Europea e, ao mesmo tempo, garantir a sustentabilidade económica e social do noso país.
Artigo único.
O artigo 135 da Constitución española queda redactado como segue:
«1. Todas as administracións públicas adecuarán as súas actuacións ao principio de estabilidade orzamentaria.
2. O Estado e as Comunidades Autónomas non poderán incorrer nun déficit estrutural que supere as marxes establecidas, de ser o caso, pola Unión Europea para os seus Estados membros.
Unha lei orgánica fixará o déficit estrutural máximo permitido ao Estado e ás Comunidades Autónomas, en relación co seu produto interior bruto. As entidades locais deberán presentar equilibrio orzamentario.
3. O Estado e as Comunidades Autónomas deberán estar autorizados por lei para emitir débeda pública ou contraer crédito.
Os créditos para satisfacer os xuros e o capital da débeda pública das administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta. Estes créditos non poderán ser obxecto de emenda ou modificación, mentres se axusten ás condicións da lei de emisión.
O volume de débeda pública do conxunto das administracións públicas en relación co produto interior bruto do Estado non poderá superar o valor de referencia establecido no Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. Os límites de déficit estrutural e de volume de débeda pública só poderán superarse en caso de catástrofes naturais, recesión económica ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control do Estado e prexudiquen considerablemente a situación financeira ou a sustentabilidade económica ou social do Estado, apreciadas pola maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados.
5. Unha lei orgánica desenvolverá os principios a que se refire este artigo, así como a participación, nos procedementos respectivos, dos órganos de coordinación institucional entre as administracións públicas en materia de política fiscal e financeira. En todo caso, regulará:
a) A distribución dos límites de déficit e de débeda entre as distintas administracións públicas, os supostos excepcionais de superación deles e a forma e prazo de corrección das desviacións que sobre un e outro puideren producirse.
b) A metodoloxía e o procedemento para o cálculo do déficit estrutural.
c) A responsabilidade de cada administración pública en caso de incumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.
6. As Comunidades Autónomas, de acordo cos seus respectivos Estatutos e dentro dos límites a que se refire este artigo, adoptarán as disposicións que procedan para a aplicación efectiva do principio de estabilidade nas súas normas e decisións orzamentarias».
Disposición adicional única.
1. A lei orgánica prevista no artigo 135 da Constitución española deberá estar aprobada antes do 30 de xuño de 2012.
2. A devandita lei fixará os mecanismos que permitan o cumprimento do límite de débeda a que se refire o artigo 135.3 da Constitución española.
3. Os límites de déficit estrutural establecidos no artigo 135.2 da Constitución española entrarán en vigor a partir de 2020.
Disposición derradeira única.
A presente reforma do artigo 135 da Constitución española entrará en vigor o mesmo día da publicación do seu texto oficial no «Boletín Oficial del Estado». Publicarase tamén nas demais linguas de España.


"
Non entendo moi ben como o Rei puido sancionar a reforma o 27 se o mesmo 27 estaba publicada xa no BOE, pero iso é outra cousa: como a reforma é exprés, ó mellor atropelou a alguén.
Voltando á proposta, coido que así quedaría claro, entre outras cousas:
1.que a Constitución española xa foi reformada, e polo tanto, non hai inconvinte en voltar facelo.
2.que agasállannos con que non teñamos que facer o doloroso traballo do voto sobre as normas que nos gobernan
3.quenes nos gobernan en realidade
4.de onde provén a lexitimidade normativa actual
E polo tanto, poderiamos tirar consecuencias de cara a unha nova reforma da constitución, a quen temos que protestar e contra quen temos que manifestarnos, etc.

Ningún comentario: