20130809

Presentación do DVD 'A Mariña dende o ceo'-A Mariña Oriental e Riotorto

Tiña recibido unha invitación de El Progreso e a Deputación de Lugo para a presentación dos DVD A Mariña dende o ceo, para onte, no cine teatro. Puiden ir, e coido que en agradecemento debo ser obxectivo.
O acto desenvolveuse no cine-teatro de Ribadeo a partires das oito e media máis preto dun cuarto de hora de retraso, quizáis debido a que faltaba alguén, quizáis a que a que faltaba era a xente, pois parece que ambas circunstancias se daban nunha sá na que tería cabido cinco veces máis xente deixando aínda sitios libres, aínda que era evidente que non facía falta invitación para entrar. Á entrada, unha azafata repartía periódicos, e á saída, o DVD.
O DVD realizouse a partires das tomas de vídeo dun cuadricóptero, que estaba amosado no esceario. A vicedirectora de El Progreso falou despois do alcalde, finalizando o vicepresidente da Deputación. Diría que non todos viron o produto que estaban a presentar antes de falar; en todo caso, as charlas ante presentación soen ser xerais, o que facilitan que sexan atinadas sen pedirlles máis, e así resultou.
Logo viu a proxección do vídeo - que se poderá mercar co xornal mañá sábado como lembrou o alcalde- e o silencio fíxose. As primicias ás veces decepcionan, pero non por iso deixan de ser primicias, e este vídeo así hai que consideralo. A proxección, de case dazasete minutos e medio de alta definición, non chegou a estar en pantalla completa nin a imaxe totalmente dentro da pantalla, o que non fixo un bo efecto. Está dividido en seccións independentes para praias, vilas e cada un dos concellos, que neste primeiro DVD presentado son os da Mariña Oriental. Cada sección ten unha montaxe independente, incluídos parte dos créditos, o que causa un efecto raro, pois o DVD está concebido para pasar secuencialmente de comezo a fin, sen seccións. As vistas son curiosas, novedosas algunhas e outras suprimibles.
O certo é que a min, saíndo agradecido, non me deixou bo sabor de boca algo que coido que podería facerse moito mellor con nada máis de esforzo. É só unha opinión... As vistas a baixa altura (ás veces, non tan baixa) tomadas co cuadricóptero ofrecen moitas posibilidades, e é doado augurar que en non moito tempo faranse cun oco na promoción turística da zona, pode que mesmo collendo tomas moi concretas das presentadas onte.

Ningún comentario: