20130318

Unha fin de semana de armas tomar e barbas remollar

Galicia é Galiza? Dende hai tempo, si e non. Si, por representar a mesma cousa, non por facelo a traverso de diferente idea dela. Coa asamblea do BNG esta fin de semana, a separación entrambas vai aumentando, personificando no nome unha ruptura que noutros lugares non ten tal personificación. E abocando, cara ó futuro, a unha deriva que antes víase como posible pero altamente improbable. Isto traslada a cousa da política galega en xeral á do BNG en particular, pois da loita polo poder está caendo na irrelevancia chamativa: por unha beira, o que digan, cada vez está máis lonxe do centro do interese galego. Por outra banda, cada vez queren facerse ver máis. Quizáis, no fondo da cuestión non esteña a independencia, senón o poder. O afán por ganar votos a conta dun conxunto de xente que ve que a política tradicional os/nos exclúe e se está a voltar cara a outras opcións, como xa ten pasado en Grecia ou Italia, con modelos diferentes. Mais, pode un partido tradicional cunha historia tradicional, facer sen máis un cambio para posicionarse nese grupo, só co paso ó independentismo? Diría que non.
Mentras, a irracionalidade continúa campando non só en política, senón na economía. Porque coido que nese ámbeto, no económico, hai que encadrar o atentado ecolóxico desta fin de semana en Ribadeo. O verquer 4 000 L de gasóleo furando os depósitos dunha flota de camións, de paso que lles desgrazaban as rodas tivo un efecto máis aló do económico para a empresa que o sufriu: a contaminación dunha zona que chegou á praia dos Castros.
O camiño non é longo: como se ve na toma do Sigpac, dende a zona da estación de servizo de A Devesa ata a praia é unha zona relativamente chá na que hai algún oco na terra pola explotación de canteiras, e un rego que vai direitamente á praia. Vaia fazaña! Por certo, que a foto manifesta algo que se fixo con beneficio en Galicia: a concentración parcelaria. Unha acción de esperanza vista dende un tempo de desespero.

Ningún comentario: