20120322

Por fin, pleno en Ribadeo (avisado)

Confírmase que mañá habará pleno en Ribadeo, pola tarde, un venres e variando polo tanto o que leva sendo usual dende que o concello entrou na era democrática: pleno ordinario o segundo luns de cada mes impar, ou senón, en luns sucesivos.
Tamén voltamos a ver outro pleno avisado na propia web do concello, que neste sentido parece que pouco a pouco e por fin, tenderá a normalizar a situación de aviso de temas.
Na orde do día, a parte da aprobación da acta anterior, figura:
-A aprobación inicial do regulamento de creación de ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Ribadeo (a lembrar que a creación de tales ficheiros e a súa regulación leva xa cousa de unha década regulada).
-As aprobacións iniciais dos convenios urbanísticos entre o Concello e varios titulares propietarios na rúa Pintor Fierros, entre o Concello e varios propietarios na rúa Daniel Cortezón e entre o Concello e Construcciones Os Molineros S.L. na avenida de Rosalía de Castro.
-O Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa segunda exposición pública.
-A dación de contas da relación certificada de obrigas pendentes de pago a 31.12.2011 de conformidade co Real Decreto Lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiación para o pago a proveedores das entidades locais (relación que xa foi comentada no blog).
-E a dación de conta de decretos da Alcaldía, rogos e preguntas, máis as mocións de partidos.
No capítulo de mocións figuran catro do PSOE sobre reducción de multas de tráfico, modificación de criterios das axudas dos Programas de Cooperación, declaración do Día de Rosalía de Castro e outras accións con este motivo e sobre o Día Internacional das Mulleres.
Dúas mocións do PP sobre actuacións a incluir dentro do PEIM Rural e sobre promoción de emprego e creación e consolidación de novas empresas no Concello de Ribadeo.
Asemade, catro do BNG sobre dereitos das mulleres, apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia, contra a privatización e suba das tarifas das escolas infantís pertencentes á Xunta e para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro.

Ningún comentario: