20120229

+ 5: resultado de novos roubos en Ribadeo

Non deixa de resultar chocante a nova de prensa: os negocios nos que entraron non eran a primeira vista dos que soen ter cartos dentro cando están cerrados, e, de feito, non os tiñan a excepción duns poucos euros algún deles. Mais aínda así, entraron e revolveron. Os cacos ignoraron outros bens para levar, como os portátiles, e ata deixaron esquecidas brocas. Parecería que a cousa dos roubos ven por oleadas e que os cacos estiveran de paso 'desfrutando' da vila. Mais, nese caso, para que haberían de entrar en locais que non lles van dar cartos? é iso o que dispara as conxeturas, como di a prensa, "las hipótesis sobre la autoría de los hurtos, desde gente necesitada a personas interesadas en propagar la idea de la inseguridad ciudadana en Ribadeo." A primeira, quizáis a conto dalgunha nova persoa desaliñada vista pola rúa últimamente e a segunda, na liña de anteriores situacións de destrozos que popularmente son recoñecidos pero non demostrados.
A cousa ven no xornal só un día despois de que aparecera a nova de destrozos no paseo marítimo, ó que parece, co mesmo despiste das forzas de seguridade [claro que, ata que non se colla ó/os culpables, a discrección é a nota destes corpos...], e acompañado da noticia de que na fin de semana houbo carteristas por Ribadeo.
E claro, de novo, petición de que se reforce a seguridade, e así, o PSOE propón que a PL patrulle as 24 horas. Algo parecido á promesa feita no 2003, co seu acceso á alcaldía, e que resultou en ampliar a vixiancia algunha tempada a tres noites á semana.

20120228

Máis Galiza

Nestes tempos nos que unha corrente que pide 'máis Galicia' está pensando (e de paso, desgarrándose) en se sumar votos para tentar lograr máis para Galicia ou ir por libre aínda a conta de restarllos a outra xente que tamén anda querendo algo máis para Galicia, tamén máis e máis Galicia pasa a estar fóra de Galicia.
Eso din as estatísticas. Deixo un gráfico feito por min con datos do INE en relación co censo de residentes ausentes este anos:
A prensa di que a crise agudizou as saídas. E si, pódese ver que a curva é agora máis inclinada que antes. Pero tamén que antes o censo estaba medrando xa. E, por outra banda, os residentes en Galicia somos cada vez menos (non é a primeira vez que trato o tema), co que a porcentaxe de 'externalización' sube como a escuma, pasando xa do 14% da poboación e sendo máis do 50% en varios concellos. Señores, 'Máis Galicia' é necesaria se queremos ter algo de Galicia. Pode que teñamos que decidir que é 'Máis Galicia', pero fagámolo rápido se queremos ter algo que decidir.

Garzón e Urdangarín.

Parecidos? Ámbolosdous teñen que ver coa xudicatura, por poñer un parecido. Diferenzas? Ó primeiro instruíronlle tres casos, pero unha volta condenado nun, ós outros restaronlle importancia e saiu absolto. Ó segundo aínda non se lle sabe o resultado, está comezando o caso, pero xa está vivindo nunha estancia pagada con cartos públicos, sexa ou non condenado ... por poñer unha diferenza ...

20120227

Só un gráfico: o comezo de ano máis seco da década

Elaboración propia, con datos da Estación Meteorolóxica de Pedro Murias de Ribadeo
É dicir: no que levamos de ano, o presente é o que menos choveu, con diferencia, na última década. Tanta diferencia como pouco máis que a metade que o 2004, ano seguinte en choiva.

20120226

Necesito explicación

Non son socio de Amigos da Gaita, e como tal, non esixo, pero si necesito explicación para comprender de xeito adecuado a nova que remato de ler na Voz de Galicia: Amigos da Gaita cederá terrenos y locales para un club deportivo.
A noticia podería pasar desapercibida entre as correspondentes á xestión dunha asociación que xa fixo cesións anteriores, temporais ou definitivas, pois tanto dse empregaron as pistas do fondo do terreo para desafogo do IFP como para a construcción dun novo polideportivo no que Amigos da Gaita ten adicados locais a parte.
Pero a nova inclúe "Tojo [A presidenta] no desveló datos exactos de las contraprestaciones que recibirá Amigos da Gaita ni sobre las personas que quieren poner en marcha este club. (...) Eso si, confirmó que las cláusulas del acuerdo recogen que les abonarán una cuota inicial, un alquiler mensual y descuento en el uso de las pistas para los socios", e iso interpreto que sería algo así como dar un cheque en branco á directiva para negociar cos bienes que lle quedan á asociación, o que non me cadra, e menos por 53 votos a 16. -Por certo, a foto que se adxunta na nova da información sobre a votación máis aló da propia nova-
Repito: non son socio, e polo tanto, vexo as cousas dende fóra e sinxelamente, chámame a atención.

Un resume sobre o capitalismo

Fáino Félix Soria no seu blog en na Voz de Galicia, resumindo as liñas fundamentais dun libro, "23 cosas que no te cuentan sobre el capitalismo". Ía copiar á miña vez as liñas fundamentais do resume, pero prefiro que quen queira vaia ó artigo de Félix ...

20120225

Foguetes da queima do antroido

... rematou o antroido 2012 en Ribadeo 'oficialmente'; extraoficialmente, hoxe haberá antroidadas aínda ...


Herdanzas

Onte deuse parte do poder na antiga Caixa NovaGalicia ós herdeiros de quenes o ostentaban, que saíron obrigados cunha boa paga, despois de elixir ós seus sucesores, que a prensa tildaba de homes (unha muller e un home) da súa confianza.
E, en Ribadeo, o concelleiro de Medio Ambiente anunciaba otra herdanza ben diferente: máis de 5 millóns de kg de lixo xerados o pasado ano, que veñen sendo 1,4 kg por persoa e día, máis de 50 g por hora e persoa, ou case 1 g por minuto e persoa ... esteñamos durmindo ou comendo. Naturalmente, e aínda que non está incorporado á nova por ser de tratamento diferente) ó lixo (orgánico -a maioría- ou de diferentes texturas) habería que aumentarlle o resultado de todo o sistema de fecais (que segundo como se conte pode andar por unha masa semellante) e logo sacarlle o que se recicla ...
E é que as herdanzas vánse facendo pouco a pouco.

20120224

Pedir máis

Unha nova: o sector financieiro pide máis. Neste caso, máis axudas fiscais (para que quererían máis amor, compasión, impostos, ...) para evitar os deshaucios. Por Europa (eufemismo neste caso para o extremo suroeste que ocupa España) pídense máis privatizacións, mentras que na Arxentina, xa de volta destas cousas, culpan á privatización e os seus efectos nefastos do accidente de tren do outro día que costou a vida a ¿300 persoas?
Pero hai que ir máis aló: da educación, nin os mobles, como pasou nun colexio de Madrid, onde se executou un embargo (con retirada de mobles incluída) en horario de clase, i.e., cos alumnos nas clases e a policía acompañando ó persoal que estaba a executar o embargo. Por certo, o colexio era privado. Fago esta aclaración porque tal como andan os orzamentos para o ensino público ...
De calquera xeito, o de pedir máis, va máis aló: Se non, Rajoi non diría "No hay alternativa a la consolidación fiscal y no deberíamos negar que sus efectos son contractivos en el corto plazo."
E poderíamos seguir, lembrando algo escrito aló por maio do 68: "sexamos realistas, pidamos o imposible". A referencia a utopía está presente en todos e cada un dos casos anteriores. Utopía do 1%
Amanece en Ribadeo un día que se prevé frío...

20120223

Unha fuga

... de gas.
Fixo mobilizarse a un edificio enteiro, e serviu de excusa para pedir (o alcalde como representante popular) de novo o GruMIR.
É evidente que máis servizos deben beneficiar a todos, pero a pouco que se pretenda un aproveitamento, ha xurdir unha confrontación. Pode mirarse o custe, a oportunidade, as posibles substitucións, ... e entrar nunha pequena (ou grande) guerra de pareceres, opinións e poucos datos e feitos aparte dalgunhas anécdotas.
Non sei se desta será ou non así, pero outras moitas veces pasadas o pobo viu substituír as súas necesidades e as súas inquedanzas por discusións e non por solucións ou navegar todos no mesmo sentido na procura delas.
Culpable? Unhas veces uns, outras outros, boa parte, todos en maior ou menor grao.
E mentras se reduce o orzamento do hospital da Costa, o día seguinte a que saia como titula de prensa 'Ribadeo incumple desde el 2005 la orden de revisar los edificios de más de 50 años', por fin serán entregadas 29 vivendas de protección oficial que levan tramitándose dende hai anos, acto no que estarán 'o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o director xeral do IGVS, Antonio Boné; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; e membros da Corporación Municipal.', quizáis por aquelo de 'ao César, o que é do César, a Deus, o que é de Deus', pode que pola ledicia da entrega, ou sinxelamente por saír na foto.

20120222

De entroido en entroido (pero serio)

O entroido en Ribadeo pasou; queda a cinza de hoxe e os choros do sábado. En contraste, outro entroido leva camiño de chegar via difusión do que comezou en Valencia. Chámolle entroido porque puiden ver o que alí pasou (alomenos en parte) e a referencia en diferentes medios, contrastando coa opinión da xente que te podes atopar na parada dun autobús. E trátase non só duns principios ou bases radicalmente diferentes dunhas a outras persoas, senón que se extende a cousas como  percepción do momento ou o xeito de enfrontarse á vida. E mesmo dun xogo camaleónico situacionista, máis ou menos profundo, por parte de mota xente.
15M? Protesta por unha lei ou unha postura política concretas? Non, isto estase a transformar.

20120219

Unha agresión, unha manifestación. Polo momento

Collo a imaxe de Angel Alda. A Manifestación a favor dunha vida laboral digna, contra unha reforma que escraviza ós traballadores. Madrid, hoxe.

Un ribadense que fai carreira polo mundo

http://www.rtve.es/alacarta/videos/un-espiritu-una-meta/espiritu-meta-acabados-construccion/1326500/
(visto en http://www.facebook.com/VilladeRibadeo)

Recorte do antroido

Antonte, e máis onte, xa había ambiente de antroido. Do que agora se entende como antroido, que foi variando co tempo. Onte foi o pregón, e deixo abaixo cousa dun minuto de ruido na rúa á noite para os que están lonxe de Ribadeo.

20120218

Desbloqueando

En Grecia a xente únese para tentar ser algúen entre todos, e a partires de aí, vivir deixando a agonía sen futuro á beira. En España, despois da victoria, o PP reúnese (é dicir, volve a unirse) nun bloque, mentras o esnaquizado PSOE segue a sacar punta a que como non teñen o poder, non hai que repartir, e polo tanto, non hai medo a intentar subir un pouco máis a costa do compañeiro.
En Galicia, a cousa da división repítese  no BNG. Primeiro, a dúbida. Logo, a certeza, e aínda, a xente que eu chamaría como cualificativo 'rexeneracionsta', que se ve na situación de elixir entre quedar ou partir de algo que xa está partido. Os motivos? Din que de ideas, aflora que alomenos de método, e o motivo final, o reparto do poder. A cousa pasa por que o grupo que comezaba a ter pulo de + Galiza quedouse sen moita xestión interna, sen transmitir á estrutura. e como en política se necesita apoio tanto interno como externo, agora está na encrucillada e a estas horas parece que cada un dos integrantes significados pode tomar un camiño diferente. E isto, remata ollando no futuro a - Galiza?.

20120217

Sobre a demografía actual na zona

Este mesmo mes, un amplo artigo de La Voz de Galicia ofrecía unha táboa coa demografía de cada un dos municipios da Mariña. Aproveitando esa táboa, fixen un reparto de datos para poñer en perspectiva a demografía mariñán dende hai século e medio.
Aproveitei a subdivisión comarcal como referencia, e o resultado é o seguinte:
Na primeira gráfica vese un mentemento da poboación da comarca enteira entre mediados do século XIX ata a migración a Europa dos anos 50/60, a pesares da existencia dunha emigración anterior a América. Tras unha lixeira recuperación nos setenta e posterior meseta, as estatísticas cada menos tempo fan retorcerse lixseiramente a curva, pero amosando un nivel descendente salvo nos primeiros anos do século.
A nivel subcomarca, preséntase no mesmo gráfico a evolución das tres zonas de demarcación recente para comparación, pero sendo desenvoltas na gráfica de abaixo:
Por división administrativa, a menor en terreo e poboación é a da Mariña oriental, coas outras dúas, centra e occidental, máis equilibradas entre sí.
Hai que lembrar que a distribución en comarcas é recente, aínda que no gráfico aparezan agrupados os concellos dende hai século e medio, que foi nos anos noventa cando se dividiu Burela desgaxándose de Cervo (e pasando logo cada un dos dosu municipios a unha comarca diferente), e que as comarcas están formadas por:
Conforman a Comarca da Mariña Oriental: Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada.
Comarca da Mariña Central: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.
Comarca da Mariña Occidental: Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove.
Con estes datos, observamos que as tres zonas teñen unha certa estabilidade de poboación ata os cincoenta, nos que se nota a presión migratoria e comeza o declive absoluto. O declive relativo fronte a España está claro moito antes, pois no período a poboación española multiplicouse por 3, e ata a galega aumentou, aínda que abondo menos.
A partir dos cincoenta, o declive na noza oriental, na que esa integrada Ribadeo, é patente. Nas outras dúas zonas, o reflexo do ascenso de Burela (que conta con Cervo na M. Occidental ata os 90, e logo, na Central) e a implantación de Alcoa, enmascaran o proceso, pero unha vez pasado o tirón de ambas circunstancias, a poboación deixa ver un lixeiro declive tamén na zona occidental mentras se estabiliza na central.


En canto a Ribadeo por si só, o concello segue un patrón con certa semellanza ó da zona en conxunto, pero con particularidades, pois a partires do 1900 o núcleo urbano 'independiza' a súa evolución en relación á zona rural, da que se alimenta, chegando a 1990 no que o tirón xa non queda reducido á propia zona rural, senón que a vila convírtese en auténtica capital comarcal, pasando a absorber de xeito máis patente poboación dos outros concellos e do occidente asturiano e arrastrando a poboación total cara enrriba. De calquera xeito, hai que ter en conta que hoxe a poboación dos catro concellos que constitúen a Mariña Oriental concéntrase na súa maioría en Ribadeo.
Conclusións? Quizáis no momento actual se poideran sacar algunhas conclusións sobre a evolución próxima da poboación na zona ...

20120216

Rebaixas sen fin

As rebaixas de inverno pouco a pouco van tocando ó seu fin. As que non o fixeron, pronto rematarán. Mais hai algunhas rebaixas que non parecen ter fin. así, hoxe aparece na prensa que a cualificación da débeda de Galicia ve rebaixado o seu creto dous niveles por unha das axencias de cualificación de débeda. De A1 a A3. Que significa iso? Obxectivamente, non importa moito. Na práctica, que nos farán vivir peor.
Pero Galicia é Terra distinta: o que nos quitan por unha beira, evidentemente compensámolo mellorado por outra. Para mostra, un botón:
Herdou o posto do seu pai, despois de longas décadas de xercelo, e fai declaracións: o caciquismo está erradicado.

Premio

Corto e pego direitamente da web do concello (que non só ten propaganda):
(...) felicitación ao alumno do centro e saxofonista da Banda Municipal de Ribadeo, Martín García Lorenzo, como gañador, na modalidade de banda, da IV edición do Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Música de Lugo.

Dende a EMMeD de Ribadeo amosan a súa satisfacción polo resultado obtido por Martín García e confían en que "o esforzo, a adicación ao saxo, pero sobre todo as súas cualidades e talento, á marxe de toda dúbida, axuden a Martín a chegar aló onde el queira no mundo da música".

20120215

Luz no polígono, artigo de Evaristo Lombardero

LUZ NO POLIGONO

Se, por unha vez, se chegan a confirmar as promesas de BEGASA-EON, a partir do xoves, 16 de Febreiro, haberá suministro de corrente eléctrica no polígono industrial de Ribadeo. O Sr. Alcalde de Ribadeo ven declarando aos catro ventos dende 2008 que a subestación eléctrica é imprescindible, urxente, decisiva, etc. para dar luz ao polígono. Os feitos poden revelar que a subestación nin era urxente – ben se ve pola prisa que se toma BEGASA-EON- , nin moito menos imprescindible. O polígono pode funcionar perfectamente sin a subestación porque so vai recibir o 5 % da potencia instalada neste equipamento. Este é o no gordiano das falacias do Sr. Alcalde. Dende xuno de 2008, que se aprobou a ubicación da subestación perto de Reverte, no avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal pasaron casi catro anos. Se se chega a facer, van pasar outros tantos ou mais. ¿Onde está a urxencia? ¿Porqué non se pode discutir a ubicación como solicitan os veciños afectados? Nesto vai pasar como na autovia. Non se podía discutir o cambio de trazado, porque había que rematala antes de 2006 – Areces dixit – so pena de perder os fondos europeos.

OUTRA SENTENCIA XUDICIAL

Recentemente comentamos a sentencia judicial que declaraba ilegal a subestación de Mondoñedo. Sentencia que naturalmente BEGASA-EON non acata nin ten pensado facelo. Agora a sala 3ª do Tribunal Contencioso Administrativo de Asturias declaraba ilegal, hai tres semanas, a subestación eléctrica construida por EON no barrio de Santa Marina, no concello de Mieres. Motivo: a proximidade das casas, como no caso de Mondoñedo. Dase a circunstancia de que neste caso as vivendas están a 400 metros da subestación, mentras que en Reverte hai un núcleo rural a 300. Ainda mais, a potencia instalada en Mieres é moi inferior da que nos queren poñer aquí.
Hai outro paralelismo entre o caso de Mieres e o de Ribadeo. Alí EON contou ca palanqueta do alcalde (ex) do PSOE, aquí quen lle fai o traballo sucio é un alcalde do BNG. Sen comentarios.

Evaristo Lombardero Rico

De pasada

Polo que parece, Ribadeo é seguro. Pero os ladróns andan unha e outra vez de pasada por aquí. E unha nova xunta de Seugridade otéase no horizonte despois de que o alcalde a pedira. Máis xunta de seguridade = máis seguridade? Visto o que se fai (polo menos o que se transmite delas)  e as consecuencias a continuación, non parece que sirvan para moito. Neste caso concreto, hai unha proposgta (á que se recorreu xa máis veces): máis prexenza policial.
Saía na prensa hai pouco tempo que a nivel nacional estaban diminuíndo os cartos para a sanidade e a educación, e con eles, as prazas, cargando con máis traballo ós profesionais de ambas ramas. Ó mesmo tempo, difundíase a nova de que as 'forzas de seguridade' aumentaban. En Ribadeo, tamén. As competencias sobre sanidade e educación non son locais, pero as forzas locais piden beneficiarse (ó tempo que impulsan por medio desa petición)  dese aumento en forzas de seguridade.
E voltemos ó comezo. A petición baséase na forza de disuasión. Sábese que ese efecto existe, pero quizáis outras decisións, baseando máis na formación cidadán e na colaboración non só entre as diversas forzas, senón tamén cidadáns, dera tanto ou máis resultado, liberando algún carto para outros lugares máis produtivos. Claro que a colaboración cidadana para ser efectiva tería que estar inetgrada na mecánica de decisións e valoracións, non illada e separada do que se fai nas esferas de poder ... e comezaríamos de novo a falar non só de deberes cidadáns, senón de dereitos, como á información, á transparencia, á decisión, e iso parece gustar menos por calquera lugar que se mire. Aí está, en Ribadeo, aparcado o regulamento de participación cidadá (despois de que fora alegado por exemplo polo Tesón por pouca participación cidadá)
Por certo, onte puxen unha entrada sobre un roubo abondo maior...

20120214

Fotos, cultura, cartos e símbolos

algún edificio da cidade da cultura está rematado. As guías transmiten o que lles mandan, e todo e bó, bonito e esquecen dicri o de barato. E mesmo as súas formas e grandiosidade poden gustar á xente, pero non deixa de ser un roubo. Os detalles dese roubo quedan para outra mostra. Aquí, tres fotos só.
Na primeira, parece que os edificios se elevan ó ceo, mesmo chegando a tocar a estrela que se ve sobre del (na realidade máis prosaica, Venus, non unha estrela) ... para logo caer  da outra beira de novo ó chan e ladeira abaixo, aínda máis baixo.
O lago dun edificio que se ía construír e para o que polo momento, non hai cartos. Í a ser grandioso, o símbolo do complexo ... ía. Hoxe por hoxe é un oco artificial que se enche de auga e que resulta ser un vacío sobrecolledor.
Unha 'exposición' que enche un edificio e que consiste en mediante 1 só ordenador e varios proxectores en diferentes pisos proxectar cousas que os visitantes poden escribir pasando cos dedos sobre unha pantalla táctil. Iso sí, como non hai nin para vixiantes, a xente escribe o que lle peta literalmente.
Unha mostra do que gobernos de diferente signo poden facer e/ou non poden ou queren parar.

20120213

A dúas velocidades

Gobernando a dúas velocidades ...
Chégame a nova de que Ribadeo contará con contas institucionais nas redes sociais. A raíz diso, vou mirar a mesma noticia na web do concello. A da web do concello ten data de colgado de día 12, o mesmo que a de Crónica 3. Non obstante, a de Crónica 3 está redactada o día 11. Pode que sexa un detalle sen moita importancia, a pesares de que ocorre de contínuo. Así, non o referín nunca no blog. Mais o incremento de contas institucionais do concello pola inclusión de concellerías nas redes sociais e a creación anunciada de novos blog a parte do de Ribadeo Muller pode facer necesaria unha coordinación para non ver novas do concello atga na sopa.
Sei que non hai alternativas doadas ó aumento desmesurado de información, e onde máis se da é na rede. Non obstante, o exceso de información é tan malo como o déficit, sen ter que coincidir coa requerida transparencia institucional e podendo facelo coa propaganda. É dicir, anúnciase unha vía de actuación de difusión institucional, pero non sabemos, porque non se anuncia, da coordinación, código de actuación ou reflexo da transparencia que vai implicar.
No período pasado, con minoría, o goberno municipal queixábase de que os seus membros non tiñan tempo material para ocuparse de todo. Agora, con maioría, a medida tomada implica que os seus membros teñen tempo para facer ver o que fan, e con ser moi importante para as eleccións, pregúntome se se está a facer máis do que se facía antes.
Ben, teño que recoñecer que a nova implica que a rede váise usar para dar máis servizo. Pode facerse, pero tal e como está funcionando a web institucional ... 

20120211

Anuncios

Inxerencia! Inxerencia? A ONU pide a España máis seriedade despois do de Garzón. Non é que crea que na ONU non hai intereses e xerarquía de mando, pero non deixa de ser outro indicio máis (se fixera falta) de que algo non funciona por estes lares xudiciais (e políticos, e económicos, ...)
Materia para reflexionar a fin de semana? Por se fora pouco, deixo unha imaxe:
Trátase do taboeiro de anuncios do Eroski de Ribadeo. De cando en vez, facendo algo de tempo, bótolle unha ollada as compras e vendas, ofertas e demandas de traballo. Coido que é a primeira vez (e o taboeiro está funcionando dende a apertura do establecemento) que non atopo ningunha procura de compra nin demanda de traballo. Dende hai tempo hai un predominio cada vez maior de ofertas e vendas, pero ata hoxe non notara que desapareceran as demandas e compras. Coido que é algo abondo expresivo por si mesmo, camiño de aumentar ós 5M de parados os pseudoempregados.

20120210

En Ribadeo


Con días de retraso dou cabida a axenda cultural que recibín (hai uns 10 días, coido que por fin a primeira antes de que comezara o período correspondente). Lembro que se pode ampliar para ser lexible.
E é que en Ribadeo, hoxe, a nova que se comenta na rede é Garzón. A súa sentencia, o rexeitamento da súa parte e de boa parte da sociedade, a carta da súa filla... cousas que están ocupando un amplo espectro de internet. Abondo máis comentada que o non cobro dos cartos da subvención da coral (houbo outra alomenos que non cobrou, se ben a cantidade era moitas veces menor, e quizáis a motivación diferente), ou as queixas polos excrementos dos cans, a outra nova aportada polo concello onte.

20120209

... trouxeron estos lodos

Leo que vai a haber revisión de horarios dos traballadores do concello ... polos mesmos traballadores. En agosto do ano pasado (e antes) xurdira unha polémica pola esixencia de cumprimento de horario feita públicamente por parte do alcalde (golpe na mesa e 2). Parece ser que lles dera varios toques de atención, e logo pasou á opinión ṕública. A continuación, ós poucos días, veu dicir que estaba todo amañado. Comentara eu daquela que podía 'desamañarse' rápido, e que o xeito de facelo ía impedir unha resposta doada. Pois agora enterámonos polos xornais dunha xuntanza dos propios afectados e de que o alcalde di que está en conversas con eles, ás que teñen que respostar. É dicir, parece que agora cambiáronse as tornas e son os propios traballadores a quenes non lles importa a difusión pública, mentras o alcalde ten máis claro que ten qe actuar de xeito diferente da vez pasada. E, de fondo, tamén queda claro que o problema de horarios continúa.[Nota posterior: despois de falar con algún empregado do concello, cabe aclarar que, problemas sobre cumprimento aparte, a xuntanza ven xerada pola aplicación das 37,5 horas por orde gubernativa]
Mentras, parece que o encher de información / contrainformación está de moda en Ribadeo. Non só o PSOE se apunta ó carro coa súa nova páxina web, quizáis tentando contrarestar que a presenza mediática do PP é abondo superior (estoume referindo sempre a Ribadeo), senón que parece que as notas do concello se activan cando pode haber unha nova que leve á xente por outra banda, como hoxe, sacando neste caso a nova de que a comisión de urbanismo segue a existir, funcionar e ademáis, se verán próximamente os resultados. Afondando no tema das notas de prensa do concello, unha pequena ollada á web manifesta ás clara que o ritmo de publicación é dunhas 70 notas cada 100 días. Está visto que Ribadeo produce novas municipais a esgalla. Como di o alcalde, aquí trabállase arreo. E a demáis xente imitando ese traballo. O que parece raro é que sigamos sen enterarnos de cousas aparentemente sinxelas como que se vai facer coas vidrieiras.

20120208

Reclamacións

Aparece na web do concello que o alcalde reclamará ó actual Director Xeral de Patrimonio información sobre o achádego de material histórico na ría. Paréceme ben. Dende O Tesón xa temos comentado algo disto. Pero lévome unha sorpresa por que o faga.
A razón? No anterior mandato da Xunta fixéronse unhas catas no castro das Grobas que no seu momento se difundiron como exitosas, e ademáis, coa promesa dun informe nuns meses. Dito informe lévase reclamando tempo, ata agora, e que teñamos nova non se sabe a nivel concello absolutamente nada. Será que era falso o que se dicía de que as catas foron exitosas? Será que quen se encargaba do tema naquel entonces a nivel estatal (quen poñía os cartos) era unha relación diferente de quen se encarga agora? Será que o alcalde ten unha mellor querencia polos galeóns afondidos que polas pedras dos castros? As anteriores e moitas máis poden poñerse como hipóteses do que pasa, e non ser ningunha delas verdadeira, pero o feito pasa igualmente. Igual que pasa, por exemplo, co mutismo sobre as vidrieiras da capela do cemiterio, que a este paso ha dar lugar a unha demanda xudicial antes de quedar abandoado totalmente o tema.

20120207

Vai sen fotos, pero quero constatar que algo se moveu

O domingo participei na última acción do grupo da Mariña e Occidente do 15M. Esquecín levar con que tomar algunha foto, e as prometidas aínda non me chegaron, polo que esta entrada vai sen fotos.
Se alguén quere ver algunha, pode referirse ós xornais, por exemplo, aquí, ou ó grupo en facebook.
O caso é que no percorrido realizado éramos perto de 300 persoas, o que para unha asamblea na zona marcaba un pico. Pero non era unha asamblea. Era unha concentración e manifestación na que o 15M impulsaba unha queixa polos despidos recentes de Hermida e de toda a Mariña. É dicir, había unha dilución de intereses que se manifestou claramente en varios puntos. Un, o primeiro no tempo, nas propias pancartas e a percepción da súa orientación e explicación do problema. Outro, na 'textura' da manifestación. E tamén na finalización, na que o himno galego, que considero sería algo normal (a pesar da presenza significativa de xente de Asturias), tivo un aquel de bloque que foi respondido con algún abandono e coreado sen moito entusiasmo. Quizáis, dado o carácter, tivera mellor aceptación  a internacional.
Á ida, xuntanza na estación de autobuses de Ribadeo para facer a viaxe agrupados/acompañados, que no meu caso resultou falando sobre educación e saúde. Á volta, sobre vida e destino do 15M. No medio, un apoio que debeu resultar vistoso para quenes observaban protexidos polas contras das ventás, protestando algo menos de 300 persoas polos 300 despidos desta tempada na zona. Non saen as contas, nin sae o medo a relocer, que se queda na casa. Non debemos de extrañarnos: tampouco saen as contas das axudas.
Como colofón da manifestación, tomar algo xunto con abondos amigos, algúns descoñecidos ata daquela. Quizáis sen ningún impacto mediático, pero enriquecedor.
E algunha anécdota, como cando alguén na procura da noticia preguntou aquelo de 'quen é o organizador'?
Por certo, chovía, aínda que iso non deba explicar que algunha xente non se manifestara.

20120206

A liquidez impulsa as accións

No suplemento económico de El País, onte, aparecía un título como o desta entrada. A primeira imaxe que se me viu foi unha (nova) inxección de cartos, voando por riba da xente, para ir a parar a aumentar o prezo das accións.
O artigo pódelo ler calquera, aínda existen bibliotecas se non se atopa en internet (O primeiro que se atopa a estas horas en internet procurando o título corresponde a unha nova de hai catro meses ... e, respecto ás bibliotecas, non sei se en Madrid, despois dos últimos acontecementos ...). E despois, pararse a pensar que significa iso de 'inxección de liquidez'. Como está definida como idea, deixemos a cousa en algo máis sinxelo: vante inxectar liquidez? Vai ser bo para ti ou só para as estatísticas financieiras? Quen vai pagar isa liquidez?
As preguntas que se me ocorren rebosan o espazo dispoñible. Apuntando algunha resposta a una pregunta aínda non formulada aquí, non creo que a liquidez chege ó concello de Ribadeo de xeito tan doado. E polo que se viu en post anteriores, está necesitado de liquidez.

20120205

Hipotecar o futuro

Collo unha cita de Manuel Torres Mendoza en 'Vivir en deudocracia':
"Unha das primeiras medidas que se poden coller para cambiar unha situación é redefinila. Denominala de xeito diferente é o que fixo, por exemplo, a consellería de Educación da Generalitat de Catalunya, renomeando o seu departamento como de 'ensino'. Deste xeito xustifícanse as accións dirixidas a asegurar unha instrucción que limite os seus contidos á inserción no mercado laboral, despoxándoa da transmisión de valores e da cultura. Educar é moito máis amplo que ensinar."
Trata de educación, si, pero só como un exemplo. Trata de vida e de futuro. E de chamar ás cousas polo seu nome, liberándonos de eufemismos tendenciosos.

20120203

Inventando o futuro? un par de cousas de Evaristo Lombardero

Despois da entrada anterior sobre inventar o futuro, recibo isto de Evaristo Lombardero (que trata tamén de inventar o futuro, pero noutro xeito ben diferente):
¿APROVEITADO OU RENOVADOR?
Quen ésto asina denunciaba, hai 15 días, que un alcalde de A Mariña tiña contratada unha empresa de publicidade, a cargo do concello, para facerlle fotos en pousados e manter unha “tensión informativa” permanente.
Esta mesma semana, aparece o Sr. Alcalde de Ribadeo amosando ao respetable unha calabaza cultivada nun horto promovido polo concello, na rua Trasdacerca, nunha actitude claramente propagandística. Pola miña banda ningún comentario. Cada un debe ter liberdade absoluta para levar a sua promoción política cando queira e como queira, pero cos seus cartos, os do seu partido ou se cadra os de BEGASA-EON (neste caso habería que recoñecelo públicamente). Pola contra, o que utiliza o cargo e os cartos públicos para facerse unha carreira política, na lingoaxe tradicional chamábase “aproveitado,” pero agora cecais lle chamen “renovador”.
A CULPA FOI DOS TECNICOS
A culpa foi dos técnicos que non souperon medir correctamente a delimitación da Lei de Costas. Tamén aquí semella que chove sobre mollado. A plantación de arándanos, que comentamos a semana pasada, na chaira de Arnao está paralizada porque a balsa de rego invade zona de reserva de Costas. Ademais a obra non é legalizable. Como consecuencia este ano non se poden prantar. As declaracions do Sr. Alcalde de Castropol poñen as cousas no seu sitio: a culpa foi dos técnicos. Total nada, novecentosmil euros – descontada a maquila – camiño do basurero.

Evaristo Lombardero Rico

Sen páxina oficial, sen bancos, hai que inventar o futuro

A páxina web do concello onte pola tarde estaba caída, e esta mañá tamén. Sinxelamente, non se podía conectar. O primeiro que se me pasou pola cabeza foi un impago do sitio ou do aloxamento, pero coido que nese caso aparecería unha nota dicindo que o sitio estaría libre ou algo polo estilo, e non é o caso: sinxelamente, non conecta.
A situación económica do concello parece que está obrigando a tomar medidas racionais, como o saldar contas con concellos veciños. Sempre queda o preguntarse por que hai que esperar a unha de necesidade como esta para enfrontarse a unha xestión deficiente. Díxeno o pasado ano a raíz dunhas declaracións do alcalde de Barreiros, e reitéroo agora en relación cunha situación que manifesta que ata agora se estaban a facer as cousas mal.
Por certo, que a nova de que xa non haberá nin caixa galega nin banco galego deixa a Galicia non só mal económicamente, senón sen posibilidade de xerar un capital que facilite unha recuperación económica sen aumentar a débeda cara ó exterior (aínda xerando recursos, o nominal destes estará no exterior a Galicia). É dicir, onte a crise agravouse para Galicia. Tomaremos nota para reinventar o futuro?

20120202

Están deixando de ser útis

Despois dun curto percorrido, os comentarios de Botín sobre os políticos chegaron ós periódicos galegos, e onte xa se podían ler en papel neles (cun título máis impactante que na versión dixital: "La crisis es culpa de los políticos"), sen ter que recorrer ós de distribución estatal. Cal é o resume? Os políticos fixéronno mal. E é certo, porque fixeron todo canto lles pediron dende o sector financieiro. E seguen a perseverar vía mentiras, privatizacións, ataques ó medio ambiente, amigos, coñecidos, testaferros, idas e voltas ó sector privado e mil e un métodos máis, facendo un trasvase de cartos anti Robin Hood, despoxando o público ... Pero coido que as verbas de Botín non tratan de aclarar nada no sentido de culpa, pois xa non lles molesta a culpabilidade, pasando a aclarar noutro: tamén en España, o mesmo que antes en Grecia ou Italia, está chegando a fase na que os políticos non son necesarios para impoñer políticas.
E así, comezan a verse sinais complementarias á que remata de darnos Botín, como a xustificacion de que a democracia ás veces non sae a conta. É dicir, fascismo con xustificación non política, senón direitamente financieira.
2012. Estes días chegou o frío siberiano a España.

20120201

Definición e indefinición

Cousas contrapostas, e ás veces, tan ligadas...
Dúas novas chaman a miña atención esta mañá. Unha, a definición de estratexias por parte de Alcoa para eventualidades como a rotura da presa de lodos vermellos. A quen mire a foto que acompaña a nova na Voz de Galicia, ou mellor, unha foto que deixaron en Panoramio, non creo que lle queden moitas dúbidas de que o plan servirá para os norteamericanos, pero non para a xente viciña. Por suposto que é necesario para evitar males maiores, pero se se rompe, e todo o construído 'tende' a rachar, o plan correspondente chegará sempre despois de tempo. Para iso se fai, para cando xa non hai tempo de facelo porque o mal está aí, e só se trata de evitar que a catástrofe sexa maior.
A balsa, hai uns anos, sen encher aínda, en comparativa de tamaño con construccións próximas
Na foto do sigpac hai moitas casas. Son puntiños. A balsa non o é.
Definición no caso de Alcoa, indefinición no caso da asociación de montes comunais de Ove. Polas novas previas nos xornais sobre a última asamblea que mantiveron, a situación continuará a deteriorarse, cunha dimitida directiva (según moitos comuneiros) ou non dimitida (segundo a propia directiva). Na asamblea xa se levou a un avogado, pero quedou fóra. Os intereses deben ser moitos para que haxa tal pulsión cando na grande maioría de sociedades ribadenses hai que procurar por xente para estar na directiva. tentarei enterarme de máis, porque está visto que o que sae na prensa non é todo o que pode saír (outra cousa é que despois de enterarme, me decida a publicalo por cuestións legais, pois o camiño legal neste tema considero que xa está escrito)