20111201

Un (varios) novo(s) enfrontamento(s)

Unha das misións importantes que coido que ten o aparello mediático do concello é dirixir (ou tratar de facelo) as novas, a atención da cidadanía cara onde interese no momento concreto, dirixindo así tamén o debate correspondente e mantendo a outras forzas á contra. Certamente, non é a única, nin a máis desexable para a cidadanía, pero está aí.
Nestes días, tras a revolta electoral, coa vistoria indiscutible do PP tamén en Ribadeo, e mesmo xa con antelación á mesma, parece que esta formación política está tentando contrarrestar esa forza, combinando Ribadeo e máis aló, porque poden. Hoxe, onte e antonte, con tres temas ben diversos: o uso da casa das algas, os restos arqueolóxicos da ría e o deserto aparcadoiro de pago.
No primeiro caso, o desencadeante foi o uso da casa para un anuncio do concello. Sucedía abondo despois dun polémico vídeo que o alcalde sacou para ensinar da súa man o conxunto do paseo ás Aceas, que está sen inaugurar pero en uso dende hai tempo por parte dos ribadenses (e foi reseñado aquí). Se daquela a resposta viu do PSOE por ser unha obra feita con cartos de Madrid, agora é por non ter aínda mirado que facer co edificio e ser unha inauguración que non corresponde ó concello, pois haberá pronto novo goberno en Madrid.
A segunda é polo deserto no que se convertiu a praza do mercado para o aparcamento (tema tamén tratado en fotos no blog), coa discrepancia entre o éxito que din uns e o fracaso que atribúen os outros. En ambos casos, nomean ós comerciantes ó seu favor (foron consultados e fíxose coa aquiescencia da ACIA, di o BNG, sofren as consecuencias, di o PP), sen que saia a relocer de xeito directo a súa postura (colectiva, da ACIA, nin mesmo de individualidades) polo momento. Mentras, queda no aire mesmo a rendibilidade económica da iniciativa, ó supor 4 000 €/ano o alquiler dos parquímetros, e, á vista desta tempada, ser previsible que se supere esa recadación pero non tan folgadamente.
A terceira, os restos arqueolóxicos da ría. A prospección foi moi ben recibida no seu momento, pero o mesmo que noutras actuacións, faise valer que o poder do concello sobre a ría é limitado para derivar iniciativas e actuacións, e, neste caso, que as pezas vaian a Vigo e non quede en Ribado nin rastro. Mais a polémica xurdiu cando no acto protocolario de presentación non foi invitado o alcalde, que, enterado, presentouse alí, no club náutico, a facer valer os seus dereitos e os nosos (como representante, se entende). Ó final, parece que polo momento vai haber unha exposición de pezas rescatadas en Ribadeo, pero despois de lanzar unha acusación de que había moitos restos polas casas particulares, foi retrucado que denunciara e rematou dicindo que prefería os restos en Vigo que desaparecendo nas casas particulares. Tamén este tema foi tratado con aanterioridade no blog, mesmo por Pancho Campos, o presidente de O Tesón, ou a conto do que pode supor a draga para estes restos se non se ten algo de coidado.
Calquera dos tres temas pode considerarse 'cerrado en falso', o que dará lugar a novos titulares de prensa: o mercado, a falta da voz dos comerciantes e números. A casa das algas, a falta de inauguración e asignación de funcións. Os restos da ría, porque aínda quedan no fondo e non está estipulado o como e cando da exposición, que será un momento para lembrar de novo que non estarán permanentemente en Ribadeo ...

Ningún comentario: