20110427

Multas e transparencia

Onte a Voz de Galicia deu a nova de que se publicaran no diario oficial da provincia 310 multas sin cobrar polo concello. O acceso ós tres apartados do DOP é doado. Son multas en xeral de aparcamento, por diversos importes, e, especifica o periódico, que a súa publicación se debe ó non ser aboadas, en xeral debido a que a xente non asina a chegada da notificación. O caso é que aparece á vista de calquera o nome correspondente, e calquera que mire pode recoñecer xente entre o listado.
Ata aquí, algo meramente técnico. Agora, pódese entrar na conveniencia ou non da súa publicación como método de vergoña pública para lograr o seu pago, ou a inconveniencia da súa publicación, na que seguro que haberá erros (lembro un caso hai un par de anos no que aparecín nun listado de multas impagadas da DXT cando xa fora aboada, e cando me puxen en contacto para subsanar o erro, recibín unha sinxela resposta: se está paga, non se preocupe máis)
Pero, máis aló da publicación dunha cousa concreta con faltas da cidadanía, tras ver a facilidade con que se pode producir, queda a pregunta de por que non se ten tanta transparencia para aoutras cousas que parecen máis graves. Non é cuestión de Ribadeo ou non (ó fin, a xestión de multas pasouse no goberno do PP, hai anos, á xestión por parte da Deputación Provincial), senón da capacidade de ocultación empresarial e institucional por parte da xente con máis poder, esixindo ou permitindo transparencia total para os demáis e opacidade total cando se trata dela mesma.
O tema da transparencia non é a primeira vez que sae no blog, nin, tal como está a situación, será a última. Evitaríanse moitas cousas. Pero non pode ser unha transparencia asimétrica.

Ningún comentario: