20110201

Que non se esqueza: é unha riqueza



A ría de Ribadeo é fonte de paz, é asemade lugar que facilita o comercio. É un atractivo turístico. É moitas cousas. Entre elas, un lugar de paso de aves e invernada. Hai dúas semanas unha pequena nova daba fe da contabilidade de aves na ría de Ribadeo, feita polo goberno do Principado de Asturias no fin de semana do 15/16 de xaneiro. A nova, tal como a vin, carecía de datos para saber detalles, como se por exemplo a contabilidade se reduxo ó territorio baixo administración asturiana (o que considero máis probable) ou abrangueu o conxunto da ría, pero de calquera xeito, coido que ten un atractivo contable:
total Individuos: 3 123
total Especies: 43
As especies máis numerosas [nome en galego / nome en castelán (nome científico)] contabilizadas son:
Asubiador / Silbón Europeo (Anas penelope): 619
Lavanco / Ánade Azulón (Anas platyrhynchos): 438
Pato Rabilongo / Ánade Rabudo (Anas acuta): 247
Cerceta Común (anas crecca):189
O que aquí aparece como apunte illado o blog de Enrique Sampedro cólleo como algo de estudo continuado: ten diversas entradas sobre o tema das aves na ría, incluíndo en decembro diferentes listados de especies avistadas, ou o día de reis, se se quere seguir máis polo miúdo.
Unha referencia a hai vinte anos, segundo un traballo escolar (o que atopei en internet daquela época, aínda que non sexa moi fiable de por si e careza de fontes):
Especie e cantidade avistada segundo o ano (1987 / 1988 / 1989)
Corvo mariño: 22 / 7 / 20
Garza real: 26 / 21 / 22
Lavanco real: 260 / 625 / 752
Pato careto: 489 / 350 / 860
Pato asubión: 4000 / 1584 / 2045
Focha: 322 / 209 / 200
Mazarico: 181 / 63 / 169
Un estudo máis recente e máis fiable (Invernada de aves acuática en Galicia 2001, censo da Sociedade Galega de Historia Natural) di: "A Ría de Ribadeo foi a sexta localidade por número de aves (1858, o 4,14 % do total, excluídas as gaivotas máis comúns) e por ser a principal zona de invernada para 4 das 23 especies que se censaron nela: Anas strepera, Anas acuta, Aythya marila e Recurvirostra avosetta."
As fotos, unha do fondo da ría de Ribadeo, dende os bloques, e outra dun lugar atractivo para as aves, a enseada da Liñeira, vista dende o periao de Porcillán. Como sempre, ampliables.

Ningún comentario: