20101024

Dionisio Fierros comentado por Celia Castro

Onte tivo lugar a terceira das charlas do ciclo 'Ribadeo e ...' organizado pola AVV O Tesón. O tema foi Dionisio Fierros, pintor vinculado con Ribadeo aínda que nado en Cudillero.
Celia leva anos estudando a obra de Dionisio e encadrándoa en relación cunha temática que toca nas súas clases, a fotografía, e que naqueles tempos estaba nacendo, a partires da época dos daguerrotipos. A partir desa relación, a súa amizade co fotógrafo da corte, a súa relación cos Madrazo, no taller dos que aprendeu, etc, Celia levou o descorrer da charla diante dos trinta asistentes por vericuetos ilustrativos da arte do pintor, a partir dos seus cadros costumistas, de historia, retratos reais e outros (incluídos os relacionados con Ribadeo de xeito máis direito, como o de Bengoechea ou da súa familia)
O seu bordado de tipos humanos, como un dos persoeiros dun cadro, o cego da zanfona, leva ó seu encadre como pintor figurativo e, ó tempo, realista. O seu valor non ven dado por un só cadro, como amosa a cita ó longo da charla de numerosos cadros premiados en diversos certames, pero si pode ser orientativo que no 2004 (110 anos despois da súa morte) o seu cadro 'La romería' fora adxudicado nunha subasta por 350 000 €. Tamén son indicativas citas como que tivo encargos oficiais, que reproduccións fotográficas de cadros seus foron vendidas polo fotógrafo Jean Laurent. O que non significa que no seu tempo todo foran recoñecementos, como amosa algún comentario de 'El Museo Universal'.
O conxunto da charla non cabe nunha reseña sinxela e non querería destragala. Así, dicir que o vermello intenso gústalle non deixa de ser unha curiosidade illada, como o destacar a influenza de Ingres nalgúns cadros, ou dicir que Fierros era un pintor cosmopolita, moi ben relacionado. Quizáis diga algo máis para os ribadenses a existencia dunha colección de pintura, case monográfica del, en Bós Aires, en posesión dos irmáns Moreno a comezos do século XX...
A charla rematou, aproveitando a presenza do alcalde e a concelleira de cultura, coa petición dun museo, para permitir o futuro do pasado.
Unha web cunha sección sobre os cadros de Fierros.
Antes da charla tamén se deron varios avisos:
- Próxima charla, próximo sábado, á mesma hora (20:30), Luciano Zubillaga Zubillaga a persoa encargada de recollida de datos meteorolóxicos estas últimas décadas na 'Pedro Murias', Ribadeo e ... o tempo.
- Está previsto un II ciclo de charlas 'Ribadeo e ...' para Marzo. Posibles temas, Ribadeo e o ensino, a competencia, Hernán Naval, ...
- O 20 de novembro, sábado, a avv ten programado unha viaxe a Meira, con visita á colexiata, Pedregal de Irimia, Fonmiñá, ... : apuntarse a partires do próximo sábado.
- A partires da próxima semana, e en liña co xa impulsado algunha vez pola asociación, recollida de sinaturas a favor do retorno do xulgado a Ribadeo, con follas nos comercios.

Ningún comentario: