20101031

A charla de onte, a viaxe de pasado mañá e ... quizáis o xulgado dalgún día

Deixo adxunto unha nota de prensa de O Tesón:
AVV O Tesón
Nota de prensa
Ribadeo, 20101031

Cunha entrada de 30 asistentes finalizou onte día 30 de outubro o primeiro ciclo de conferencias que a AVV O Tesón mantivo durante todo o mes na Casa das Letras de Ribadeo. Os temas, que levaban por título xenérico 'Ribadeo e ...' foron o mar, o medio ambiente, o pintor Dionisio Fierros e o tempo (no sentido de temperie), e a súa acollida anima á asociación a anunciar xa un segundo ciclo para os venres do próximo mes de marzo, con contidos que serán anunciados máis adiante.

En canto á conferencia “Ribadeo e ... o tempo”, nela Luciano Zubillaga expuso en tres partes ben diferenciadas unha introducción ó tempo en Ribadeo. Na primeira, prólogo do conxunto, espuxo a dependencia que existe entre a nosa vida e o tempo e a importancia do método, esquematizando as partes posteriores.

Pasou logo a distinguir tempo de clima. É dicir, algo función non só do lugar, senón do momento (e que polo tanto pode ser igual en dous lugares momentáneamente aínda que non o sexa en xeral), distinguido dunha característica que define a un lugar ou conxunto de lugares. Posteriormente fixo un repaso dos aparellos meteorolóxicos que se usan na Pedro Murias, desde os sinxelos termómetros diferenciados pola súa colocación, ós máis raros heliógrafo ou anemocinemógrafo, para medir as horas de Sol o primeiro e para gardar o rexistro da velocidade e dirección do vento o segundo. Espuxo bases de análise do clima que non deixan de ser curiosidades para o cidadán, como o descenso da temperatura media a medida que se avanza en altura (do orde de 0,6ºC cada 100m, o que leva a temperaturas de -40 ou -50ºC a gran altura), ata a pregunta/resposta “clima agradable? - lugar adecuado”, que nos levou á situación do noso planeta arredor do Sol, ó seu xiro ou á influenza da atmosfera.

Na parte final, introducida por o xeito en que se realizan as medicións, mantidas por formalidade, veracidade e método no traballo, pasou revista ó detalle das observacións tanto no antigo complexo de Benquerencia como na Pedro Murias. Comezou co parte diario da estación manual, vendo como se cobre e o seu tratamento, por folla de cálculo e o seu envío a MeteoGalicia e AEMET para contrastar os datos das dúas estacións automáticas que funcionan na granxa. Seguiu logo cos datos mensuais e anuais e a análise de medicións recollidas na última década, da que resulta o 2004 o ano máis seco e o 2008 o máis húmido cunha precipitación prácticamente dobre, e a detalles máis concretos, como a análise da choiva no verán de 2010, calificable como seco para Ribadeo. Como final, centrouse nas medias meteorolóxicas, e destacou que na década a temperatura media fóra de 13,8ºC, cunha variación entre 17,4 e 10,2 para as medias das temperaturas máximas diarias e as mínimas diarias (é dicir, unha diferencia media máxima entre día e noite de 7,2ºC), así como que a media anual de choiva estableceuse en 932,7 mm.

Posteriormente houbo un turno de preguntas no que saíron diversos outros temas colaterais, como a conservación de datos meteorolóxicos dos primeiros tempos da Pedro Murias.

No acto, asemade, a AVV O Tesón deu dous avisos. O primeiro, o comezo da recollida de sinaturas pro recuperación do xulgado en Ribadeo, que se fixo ó finalizar a conferencia e que será extendida nos próximos días a diversos establecementos ribadenses, buscando a cohesión de pobo e partidos políticos, aglutinados en unha mesma dirección e evitando facer do xulgado un tema de loita política: é algo no que Ribadeo debe estar unido.

O segundo, o aviso doutra actividade da asociación, unha viaxe a Meira o próximo día 20, no que está previsto visitar a colexiata, o pedregal de Irimia e Fonmiñá, entre outros lugares. O custe (comida a parte) é de 10 € para socios e familiares próximos e 12 para a xente en xeral, apuntándose nos teléfonos 663749442 – 629806592 – 696200678 ou direitamente a un membro da directiva da asociación.

20101029

A Torre dos Moreno

A Torre dos Moreno, símbolo de Ribadeo, pero recoñecible tamén como símbolo máis aló, estase a caer. A división da propiedade, a dificultade de acceso ós propietarios, e a falta de titularidade pública, xunto coa falta de cartos do concello para levar adiante de xeito unilateral unha reparación, implican o abandono e un futuro negro. Teremos que rematar a dicir nunha recollida de sinaturas algo así como 'Salvemos a torre'?
Ó que parece, o custe de renovación e aseguramento da fachada e cuberta pode saír por entre 3 e 4 M€. Non están bos os tempos para sacar unha grande suma, pero se temos en conta que o paseo ás Aceñas vai custar máis da metade de dita cifra, non sería cousa imposible nin moito menos.
Mentres, un díptico, un libro á venda na oficina de turismo, non serían posibles? sería un xeito de ir comezando a canalizar o interese polo mantemento dun edificio que, de non facelo, rematará caendo a cachiños, como xa o está facendo agora.
O seu futuro unha volta remozado e asegurado? Un edificio oficial, ao menos en parte, pois non é plan de meter cartos públicos en cantidade e que quede en mans privadas. Por exemplo, un museo, con visita á cuberta e un dos pisos, acondicionado como podía haber estado hai un século (como ocorre con La Pedrera) e visitable, cos outros habitables (a idea non é miña). É dicir, unha fonte de cartos e orgullo para Ribadeo e un símbolo reforzado en troques dunha fonte de rabia polo seu estado.
... e, pasiño a pasiño, achégase o seu centenario. O Tesón xa ten comezado a remover para a celebración.

20101028

A crítica do xefe polo subordinado debe ser un accidente, non un hábito

Collo para o título unha cita de André Maurois que atopei nun xornal a semana pasada. Non di a explicación que para que sexa un accidente, o proceder do xefe debe ser asemade correcto salvo accidente, pero coido que debe sobreentenderse.
En política, ademáis, non está moi claro que significa / a quen se lle aplica o de 'subordinado': se ós cargos públicos, que están ó servizo dos cidadáns, ou ós cidadáns, que deben cumprir as normas que manexan os cargos. Na actual democracia, por eso do voto, parece que cada certo tempo e por uns días, digo, parece, os cargos públicos están dando explicacións ós cidadáns, polo que logo debera entenderse que son os cargos os subordinados dos cidadáns. Mais o resto do tempo, mandatos enteiros, esa subordinación esquécese e tenta de invertirse: son os cidadáns quenes, de xeito humilde, receben varapaos dos cargos. No primeiro dos casos, os políticos non soen criticar demasiado ós cidadáns: en campaña, aprece como se fora contraproducente. No segundo, a crítica calada, ou en petit comité, úsanse como aliviadero de tensións, sen vistas a unha corrección; en todo caso, con vistas a un cambio de persoa.
E así ímonos achegando a unhas e outras eleccións. E vemos como as novas derivadas da política son as que invaden os xornais, convivindo e codeándose coas novas 'amarelas', e en casos, pasando a formar parte delas.
Por certo, vexo hoxe novas todas 'positivas' respecto a Ribadeo: aínda van botar outra capa na estrada de Porto (lembremos, algo máis de 1 km), xa se poden pedir hortos urbanos para cultivar (con aviso da oposición de que o terreo pode voltar ó dono cando a iste lle pete), portos suprimirá o aliviadero de saneamento na rada de Porcillán (despois de estar anos e anos á vista), e a Xunta realza a labor do Centro de Cultivos Mariños (dependente da mesma Xunta). O certo é que en principio, todas son boas novas, cou ou sen os parénteses engadidos, e a última leva con sigo unha inversión para potenciar un centro do que coido que se debera difundir máis entre os ribadenses a súa importancia.

20101027

Tapia y la comarca no son lugares de muchas oportunidades

... emporiso, non importa que mexen por riba, se hai algunha oportunidade ...
O argumento de Juan Calvo-Sotelo, flamante novo comunicador en xefe da tamén nova empresa que tenta abrir a mina de ouro de Tapia, parece que non se lle aplica a el mesmo. Químico industrial, inglés, francés, político local, e compatibilizando postos, ten como misión convencer ós veciños de que a mina é boa, e se non o é, hai que mirar para outra beira, pois ten beneficios, e como se o fora.
Collo outra entrada xornalística e relaciono as súas verbas finais coa última ligazón abaixo: "este tipo de empresas suelen abandonar la explotación dejando como único rastro un laberinto de sociedades a las que no es posible reclamar responsabilidades"...
Sobre a loita 'ouro non', algunhas entradas: http://ribadeando.blogspot.com/2006_04_01_archive.html, http://ribadeando.blogspot.com/2008/11/fortes-ventos.html, http://ribadeando.blogspot.com/2010/02/novos-tempos-vellos-temas.html, http://ribadeando.blogspot.com/2010/04/e-van-tres-propietarios-en-5-anos.html,

20101026

De novo, os cortes de luz

Un gran temporal? Non! simplemente, a repetición dos cortes de luz de anteriores anos (aquí, unha referencia como exemplo). E un más a puntar na lista de cortes que non deberan suceder.
Como noutras ocasións, segundo a prensa, a empresa lávase as mans, porque as árbores están aí, e sempre poden producir avarías. A xustificación é débil, incapaz de explicar máis aló dun feito illado, non 'feitos illados repetidos', pero parece que quen ten capacidade para actuar non actúa. Hai quen di que é porque se lle debe cartos á empresa de subministro eléctrico. Non sei se estamos así ou non, pero habería que acabar con idas de luz como a do domingo, perto de 3/4 de hora a eso da unha e media.
Mentras, a carta enviada pola Mesa de Asociacións hai xa un par de anos longo, a diversas entidades, viaxou en balde polo momento.

Matrícula do 22 ó 29 de outubro: V xornadas de patrimonio tradicional da Mariña Central

O Camiño Norte, analizado nalgunha vertentes nun ano xacobeo, en Mondoñedo: V XORNADAS DE PATRIMONIO TRADICIONAL DA MARIÑA CENTRAL “Patrimonio, Cultura e Turismo no Camiño Norte Galego” Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central (Mondoñedo) 29 e 30 de outubro de 2010 Programa: Venres 29 de outubro de 2010 09:30 h Acto Inaugural 10:00 h Ponencia: “A Mariña Central: Presentación Territorial” Manuel A. Valín Valdés Xerente da Fundación Comarcal A Mariña Central 11:45 h Ponencia: “A Mariña Lucense, unha realidade turística” Gonzalo Rodríguez Rodríguez Profesor da USC 16:00 h Ponencia: “O Barrio de Os Muíños de Mondoñedo: exemplo de posta en valor do Patrimonio” Elena Candia López Concelleira do Concello de Mondoñedo. Responsable do proxecto no período 2003-2007 17:30 h Visita Práctica: “A Casa de Mañas, un exemplo de Turismo Rural en Mondoñedo” Mª Jesús Amieiro Fernández Xerente Sábado 30 de outubro de 2010 09:00 h Ponencia: “O Camiño Norte e o seu Patrimonio” Juan Ramón Fernández Pacios Responsable do Centro de Interpretación do Camiño do Norte 10:00 h Ponencia: “Os Medios de comunicación e o Camiño de Santiago” Cristobal Ramírez Xornalista e Estudoso do Camiño de Santiago 12:00 h Visita Práctica: “O Camiño do Norte entre Lourenzá e Mondoñedo” Organizan: Fundación Comarcal A Mariña Central e Escola Universitaria de Turismo da Universidade da Coruña Patrocinan: Delegación de Cultura da Deputación Provincial de Lugo Colaboran: Construcciones José Saá (Foz), Panadería A Forneira (Mondoñedo), O Rei das Tartas (Mondoñedo) e Electricidad Alfonso (Mondoñedo) Prazo de Matrícula: Do 22 ó 29 de outubro Gratuita. Información e Matrícula no 982889306 / fund.s.macen@terra.es

20101025

Canon ...

... dixital. Unha pregunta. Cánto tardará o concello en reclamar o pagado por canon dixital? Ten organizado o tema para poder reclamalo? A sentenza da UE sobre a aplicación do canon dixital dixa fóra ós concellos; é dicir, o canon pagado pode reclamarse. Claro que, para iso, hai que ter datos.

20101024

Dionisio Fierros comentado por Celia Castro

Onte tivo lugar a terceira das charlas do ciclo 'Ribadeo e ...' organizado pola AVV O Tesón. O tema foi Dionisio Fierros, pintor vinculado con Ribadeo aínda que nado en Cudillero.
Celia leva anos estudando a obra de Dionisio e encadrándoa en relación cunha temática que toca nas súas clases, a fotografía, e que naqueles tempos estaba nacendo, a partires da época dos daguerrotipos. A partir desa relación, a súa amizade co fotógrafo da corte, a súa relación cos Madrazo, no taller dos que aprendeu, etc, Celia levou o descorrer da charla diante dos trinta asistentes por vericuetos ilustrativos da arte do pintor, a partir dos seus cadros costumistas, de historia, retratos reais e outros (incluídos os relacionados con Ribadeo de xeito máis direito, como o de Bengoechea ou da súa familia)
O seu bordado de tipos humanos, como un dos persoeiros dun cadro, o cego da zanfona, leva ó seu encadre como pintor figurativo e, ó tempo, realista. O seu valor non ven dado por un só cadro, como amosa a cita ó longo da charla de numerosos cadros premiados en diversos certames, pero si pode ser orientativo que no 2004 (110 anos despois da súa morte) o seu cadro 'La romería' fora adxudicado nunha subasta por 350 000 €. Tamén son indicativas citas como que tivo encargos oficiais, que reproduccións fotográficas de cadros seus foron vendidas polo fotógrafo Jean Laurent. O que non significa que no seu tempo todo foran recoñecementos, como amosa algún comentario de 'El Museo Universal'.
O conxunto da charla non cabe nunha reseña sinxela e non querería destragala. Así, dicir que o vermello intenso gústalle non deixa de ser unha curiosidade illada, como o destacar a influenza de Ingres nalgúns cadros, ou dicir que Fierros era un pintor cosmopolita, moi ben relacionado. Quizáis diga algo máis para os ribadenses a existencia dunha colección de pintura, case monográfica del, en Bós Aires, en posesión dos irmáns Moreno a comezos do século XX...
A charla rematou, aproveitando a presenza do alcalde e a concelleira de cultura, coa petición dun museo, para permitir o futuro do pasado.
Unha web cunha sección sobre os cadros de Fierros.
Antes da charla tamén se deron varios avisos:
- Próxima charla, próximo sábado, á mesma hora (20:30), Luciano Zubillaga Zubillaga a persoa encargada de recollida de datos meteorolóxicos estas últimas décadas na 'Pedro Murias', Ribadeo e ... o tempo.
- Está previsto un II ciclo de charlas 'Ribadeo e ...' para Marzo. Posibles temas, Ribadeo e o ensino, a competencia, Hernán Naval, ...
- O 20 de novembro, sábado, a avv ten programado unha viaxe a Meira, con visita á colexiata, Pedregal de Irimia, Fonmiñá, ... : apuntarse a partires do próximo sábado.
- A partires da próxima semana, e en liña co xa impulsado algunha vez pola asociación, recollida de sinaturas a favor do retorno do xulgado a Ribadeo, con follas nos comercios.

Cando a lei non se cumpre, revisitado

Chegoume pola web a nova dun artigo de xa hai uns días, escrito for Fernando Acero, Cuando las leyes no se cumplen, los ciudadanos pierden (y mucho), e lembrei un artigo meu escrito coa mesma idea, sobre outro tema, e con diferentes características: Cando a lei non se cumpre. Sei que ó final, resultan diferentes na expresión, pero non no que significa na relación lei, liberdade e persoa, o que me anima a sumar o artigo de Acero ó que pretendía co meu.

20101022

Desiderio Palazón, o Yuma e Arturo Mogo



Entre hoxe venres e mañá sábado hai dous actos na casa das letras á mesma hora, ás 20:30. O de mañá, a charla de Celia Castro sobre Dionisio Fierros, naturalmente ha de vir. O de hoxe, xa foi: a presentación do libro de Arturo Mogo sobre Desiderio Palazón, introducida por Farruco Graña e acompañada na mesa polo Yuma. (que por certo, na procura da súa información fixo que dera a parar nun blog ribadense que non coñecía)
Fixo Farruco unha semblaza de Arturo, da súa vida e aficións, e logo Arturo comezou explicando o por que da compañía do Yuma á mesa e relatos diversos, mesmo teatralizados, relacionados co tema e carácter de Desiderio, rematando en verso nunha curiosa e concorrida presentación.
Quédome con dous contos que non son tales: un, o da visita de Yuma a Madrid, con vinte días de durmir no ático de Arturo e unha falta de dous días, con retorno acompañado dunha caixa de diversos obsequios, botellas e tabaco por medio. Que pasara neses dous días? Que os gardaespaldas de Calvo Sotelo deran co Yuma e iste rematou ... na Moncloa. O outro, o relato da visión de Desidero Palazón saíndo da casa cun pao ó lombo, como lembranza agradecida despois de ser salvado dun naufraxio a flote agarrado a un pao ...

CCA - 2

Ribadeo ten un Centro Comercial Aberto. Iso sabémolo todos: é unha agrupación de tendas do centro urbán que tratan de potenciarse mutuamente englobándose nunha asociación. Así pois, non é propiamente unha única entidade que aglutina tendas, senón unha acción comunitaria para asemellarse á unión dun centro comercial e aproveitar sinerxias do mellor xeito posible.
Tamén tivo un intento de centro comercial arredor do hiper de Eroski. Ó final, ou mellor, ó principio, a cousa non foi moi adiante. Aínda así, primeiro foi unha tenda de Brico King e logo, de xieto separado e controvertido, un Lidl. Nese tempo, cerrou a principal tenda por tamaño de Ribadeo - centro, e abriron unhas cantas máis, destacando franquicias e unha cadea comercial. É dicir, variando a textura do tecido comercial, e tamén, potenciando dende fóra da asociación do CCA ese mesmo centro comercial. Digo dende fóra non só porque a porcentaxe de asociación ó CCA coido que empeorou cos novos negocios, senón porque ó tratarse de comercios non enraizados na súa base en Ribadeo, teñen outras perspectivas comerciais con intereses estratéxicos diferentes. E digo o de potenciando dende fóra porque como negocios, están para ganar cartos, e saben que a afluencia de xente beneficia a todos eles, aínda que non entren na colaboración directa do CCA.
Agora, o equilibrio actual, -se se lle pode chamar así ó desequilibrio de intereses entre zonas, pero progreso de ambas- volta a evolucionar: dous novos comercios de tamaño abondante instalaranse na viciñanza dos anteriores de gran tamaño en Vilar, un de atuendo deportivo e outro de calzados. Con iso, a idea de centro comercial fóra do centro vai tomando corpo, aínda que con retraso.
Onte, na radio Onda Cero, participei nunha tertulia na que un dos temas tratados foi se era ou non beneficioso para Ribadeo. a miña postura non a tiven moi crara, o tema é complexo. En xeral, coido que habería que distinguir os beneficios para a comarca dos que xera para o pobo. Os perxuízos para o comercio instalado no centro urbán (ou beneficios) e para os empregados, en forma de número de empregos e calidade. E tamén o aumento inicial na competitividade, beneficioso alomenos mentres non force a peche de tendas no centro urbano. Son algúns dos puntais a considerar. Faláronse alí doutros temas relacionados, e non houbo acordo xenérico e toma de postura conxunta. E ti, que opinas?

20101021

A definición dun porto

    A definición dun porto pasa pola consideración dunha lamela de auga útil e a superficie terrestre usable. Nun porto interno a unha ría relativamente non moi grande, ambas están relacionadas, pois a máis cantidade dunha, menor disponibilidade da outra. En Ribadeo, a lamela de auga que se mermou hai non moito en 8 000 m2 usouse para dar ó peirao unha maior superficie terrestre. A parte das consideracións sobre a súa conveniencia no relativo a correntes na ría, arrastre de materiais ou sedimentación, hai quen opina que foi un erro reducir unha zona de atraque con auga máis calma para convertela nunha superficie na que os barcos non poden estar e no seu momento houbo compromiso de non construír. 
    Agora portos volve a anunciar máis anchura na beira do peirao e un novo dragado. É certo que a bo seguro a anchura que se lle pretende dar é a continuación da liña de atraque que agora métese para deixar un retranqueo inexplicable na zona norte, e que os dragados son máis do mesmo que se leva feito estes anos. Pero tamén o é que polo momento o plan de conservación da ría non existe, e un estudo de proxección de futuro do porto, tampouco. E mentras sabemos que nas últimas décadas aumentou a necesidade de dragado, bótase máis material á ría, o que previsiblemente aumentará a necesidade de sacar area. Hai anos que xa foron esquecidos os estudos de I. Asensio que predicían a lama na praia dos bloques, e que eu saiba non foi publicado nada semellante de xeito posterior para as actuacións da ría, e os impactos ambientais son descoñecidos para a cidadanía... Parece como se o futuro se vira ninguneado polo actual. E unha actuación na ría e no porto sen unhas miras amplas é algo que non deberamos permitirnos.

20101020

Nadie se atreve a decir en voz alta lo que todos admitimos a la hora del café...

Collo a frase final da última entrada polo momento de Im-pulso para destacala e dicir que, aínda que foi escrita para o mundo dos traballadores periodísticos, está sucedendo a escala moito maior, e é sintomático que os mesmos traballadores dun sector cun traballo relacionado con dicir a verdade, dígana, en tal caso, 'na hora do café'. (artigo completo)
Aproveito para dar a nova da morte -non anunciada salvo nun caso- de varios blog relacionados con Ribadeo que aínda figuran no lateral dereito:
Telecentro de Ribadeo. Xa non se pode acceder. Feito polas 'dinamizadoras', supoño que algún cambio de equipo se levou por diante un blog que daba novas relacionadas coa actividade telecentrística.
O blog de Suso, eltoupoquefuza, en defensa do galego e cunha morte digna (ver a última entrada, ou mellor, dar unha volta polo conxunto, que paga a pena).
O blog do curso de verán da Fundación Luis de Trelles. Con actividade cesante dende agosto, naceu para unha actividade concreta e con ela marchou.
No vento de Canavardá, outro blog para pegar un repaso mentras esteña visible.
É certo que algún dos reseñados non se corresponde moito co título, pero en xeral, si co esforzo de tentar dicir as cousas que creemos se deben dicir.

20101019

A democracia inestable: potenciando o nacionalsocialismo (ou semellantes)

Receita: "só hai que trivializar actitudes inadmisibles, deshumanizar consignas, converter en virtuosos actos xenófobos, racistas, intransixentes; reivindicar a insolaridade e facer da crueldade un acto de xustiza, un dereito irrenunciable" (http://blogs.publico.es/asuntosycuestiones/291/inoculando-el-veneno/) E si, é ben doado, e pode facerse dende a esquerda, a dereita ou o 'centro'. Mesmo pode potenciarse non exactamente o nacionalsocialismo ou calquera outro extremismo, senón o enfrontamento, o guerracivilismo, e deso temos avisos dende hai algúns anos. E é que a democracia hai que coidala. Entre todos, minimizando e non maximizando os intereses persoais a costa do común. Porque a democracia, abandoada, é inestable: téno amosado no pasado, e estáo amosando no presente.

Non hai axudas, hai axudiñas

A ría do encontro está desencontrada: o taller de emprego mantido entre Ribadeo e Castropol non se anovará, non hai a convocatoria de subvención que a mantiña despois de catro anos de existencia continuados.
Por 100 000 € hai discusión. É o monto das obras na N640 en Porto, nunha amplitude de 1,5 km despois de estar en solfa durante abondo tempo o conxunto entre Ribadeo e A Pontenova. Pero non hai máis polo momento (anúnciase un 'continuará', pero non se sabe cando, despois das obras do paseo ás Aceñas), e iso, polo que din dende o PSOE, pola amizade con Blanco. Aínda así, xa hai conato de polémica a conto dunha cantidade semellante polo que parece prometida pero sen confirmar da Xunta para a torre dos Moreno. E claro, lembrar que a Xunta está controlada polo PP.
Mentras, hai axudas de ata 6 000 € para corrixir impactos visuais na reserva da biosfera (a lembrar, 14 concellos), cun monto total de 600 000 €. A axuda máis importante das anunciadas en cantidade, pero difuminada de xeito obrigado en máis de 100 intervencións diferentes, e aplicada a algo en principio non produtivo, aínda que se lle poda sacar rendemento.
Mentras, parece que non se quere polemizar sobre a reducción do importe pagado polo concello ó exalcalde, reducido á metade do ordeado polo xulgado, e que seguirá o camiño xudicial para definir se o pago queda así ou se achega á cantidade inicialmente indicada polo xulgado.
Con todo isto, vése que ... segue a haber cartos, aínda que menos. O caso, como seo ocorrer con frecuencia, está na distribución.

20101018

Todos somos iguais ante a lei? Así debera ser

O vello principio de igualdade ante a lei non remata de ser asimilado, quizáis nin comprendido, segundo como sexa o que nos afecte. O caso máis recente en Ribadeo son as obras de remodelación do IES Gamallo Fierros para dar cabida no futuro ó IES de Ribadeo, unión do Gamallo co Porta da Auga. Comezan as obras ('só' con dous anos de retraso respecto do prometido pola Consellería de Educación no seu momento) e son paradas polo alcalde.
Razón? 67 000 €.
A cousa é que existen unhas taxas municipais que contribúen ás arcas do concello, neste momento tan depauperadas. E que non foron satisfeitas. As obras comezaron xa hai algún tempo, pero en falso, e agora chegou o alcalde e mandou parar. Así, con retraso, pero parece polo menos superficialmente que a cuestión de igualdade queda cumprida neste caso. E a igualdade é algo para ir cumprindo pouco a pouco cando se parte dunha situación de desigualdade. Alomenos, cando non se é capaz de establecer o cumprimento de golpe, que soe ser a maioría das veces, segundo ensina a vida. Polo tanto, e a parte doutras consecuencias que poda ter, benvida a igualdade neste caso.

20101017

Unha homenaxe: en tempos de tribulación non facer mudanza

Collo como título a cita dun lema da Compañía de Xesús (Xesuítas) para ilustrar o paso polos 100 anos dunha institución abondo alonxada da 'compañía': a CNT.
A conto do cumpresiglos da CNT visitei a súa páxina e atopeime cunha reflexión sobre o vapuleo mediático ós sindicatos que reproduzo en parte a continuación:
"Es evidente que existe toda una campaña, orquestada por innumerables medios de comunicación, dirigida al desprestigio de lo que se entiende comúnmente por sindicalismo; campaña que ha sido calificada de despiadada por parte de uno de los dirigentes de CCOO, puesto que contra esa organización y contra la UGT va dicha campaña, principalmente. Sin embargo, en plena campaña general contra los trabajadores, dentro de la cual se enmarca la campaña específicamente antisindical, hay que pensar que no sólo se pretende propiciar el descrédito de CCOO y UGT, sino, sobre todo, la degradación del propio concepto de sindicalismo, puesto que el sistema sabe perfectamente (por ello las tiene a su servicio) que cualquier parecido entre CCOO y UGT y el auténtico sindicalismo es mera coincidencia. Y ese sindicalismo auténtico es el que no sólo no está obsoleto, sino que sigue siendo tan necesario como siempre."
Remata o escrito pedindo cousas que se teñen tratado no blog, como a anulación dos liberados sindicais. e a postura é clara: trátase non de que se permita a liberación sindical, senón de cambiar os esquemas sociais, que é abondo máis profundo.

20101015

Pasou o día, pero non a romería.

10/10/10: Día internacional de solucións climáticas.
07/10/10: Xornada internacional polo traballo decente.
Repercusions? que se viran por aquí, nulas.
En ambos casos sería bon que tiveran acadado os seus obxectivos. Non parece que fora así en ningún deles. Nin tampoico que se lograra unha difusión adecuada para que o intento tivera visos de chegar a algo.
En ambos casos, este ano: as persoas que convocan estes eventos saben que teñen que perseverar se queren chegar a algo algún día. E faráno. Porque tamén saben que é necesario.
Mentras, tanto emprego como clima seguen a fraquear. Tamén en Ribadeo.

20101014

Organización e pasado

Por un comentario entérome da existencia de Riotorto no tempo. Buceo un pouco nel, e despois de ver unha organización de fotos que coido idónea, atópome unha páxina secundaria, pero que me da unha idea do proxecto de cara ó futuro mellor que o conxunto das páxinas como están na actualidade (que xa é abondo suxerente).
Contemplo o conxunto, xa tal como está agora, (e iso que é de prever que en breve será abondo máis ampla) como algo que sería desexable repetir en Ribadeo. Ata agora hai aquí aproximacións, tanto dende a páxina web do concello como dende o grupo Ribadeo no Facebook, pero ambos son cousas distintas. Outras aproximacións, aínda que con abondo material, non están organizadas como para telas en conta polo momento. Coido que ribadeo.com , na súa diversificación constante, estase aproximando ó tema e quizáis por aí veñan as sorpresas no que a Ribadeo se refire. Se collemos en particular a Rinlo, o proxecto 'O meu pobo de Rinlo' aproxímase máis, dende outro punto de vista, pero ten outra idea de conxunto (e nestes momentos, a súa adecuación a IE7 impide, por exemplo que o poda visualizar e ó mellor nestes momentos xa ten algo máis que reseñar).
Voltando ó principio, recomendo dar unha volta por a páxina Riotorno no tempo, a ver se aquí se anima alguén .

Nova charla, Ribadeo e ... o medio ambiente, mañá


Deixo a nota de prensa:
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20101012

Unha volta realizada a primeira charla do ciclo “Ribadeo e ...”, protagonizada por Pancho Campos e adicada ó mar, o próximo venres 15 de outubro, ás 20:30 na Casa das Letras ribadense, Iván Rodríguez Lombardero falará sobre 'Ribadeo e ... o medio ambiente'.

En canto a “Ribadeo e ... o mar”, despois do interese manifestado polos asistentes e diversa xente que disculpou a súa asistencia, a asociación ten dispoñible a gravación da charla de Pancho Campos, que esperamos sexa colgada próximamente en internet.

En relación a 'Ribadeo e ... o medio ambiente', o protagonista, ampliamente relacionado con Ribadeo, é o actual técnico medioambiental do concello. Doctorado e ex-profesor universitario, foi participante como ponente en diversos encontros científicos, tendo pasado ademáis pola experiencia empresarial. Adxúntase o cartel da charla.

O resto das charlas serán:

23 de outubro, sábado - Celia Castro Fernández. Ribadeo e ... a pintura de Dionisio Fierros

30 de outubro, sábado - Luciano Zubillaga Zubillaga. Ribadeo e ... o tempo

Lémbrase que as charlas están pensadas para unha duración variable, pero menor que unha hora, e unha rolda de preguntas posterior. A entrada é libre.

20101013

Como unha piña

Con abondos días de ventaxa sobre o previsto inicialmente, os mineiros chilenos atrapados dende hai máis de dous meses teñen comezado a saír, unha volta que a sonda chegou ó nicho no que se atopan. Volve a efervescencia de novas, e vese outra vez aparentemente a un pobo/nación/estado aglutinarse arredor, e a alegría que eso produce. Eficacia no rescate ...
Fai falta que se queden mineiros enterrados para esa explosión de alegría? Evidentemente, non: a 'roxa' tamén fixo aglutinarse á poboación en España uns días. Teñen en común ambos casos que alédase a poboación enteira, pero quen consegue a alegría é unha pequena minoría.
Será necesario pois, unha probable mala xestión dunha mina para aforrar cartos (segundo o que está a pasar por Chile, a iso lle botan as culpas polo momento), e un sufrimento e esforzos extra para chegar a unha situación normal? Porque resulta que ó que se volve é a unha situación máis ou menos normal, que non tiña producido alegría nin cohesión popular hai máis de dous meses, antes de quedárense atrapados os mineiros. A 'roxa' demostra que non, pero as probabilidades quizáis esteñan a favor do 'método chileno'.

20101012

Ribadeo e ... o mar



O pasado sábado foi a charla de Pancho Campos 'Ribadeo e ... o mar'. Collido o audio, estou mirando como subir un ficheiro abondo grande a un sitio internet onde sexa doado para todo o mundo poder acceder. Por? Porque coido que paga a pena.
Relacionado co anterior, deixo dúas fotos. Unha, subida da charla sobre unha antiga carta marítima da ría (de ahi 'só' 230 anos) que se desenvoltou despois de 'Ribadeo e ... o mar', e que da unha idea do gancho que suscitou o conxunto da charla (quedan outras 3 do ciclo). A outra, de Facebook, do grupo 'Ribadeo' do Facebook, e que conecta moi ben co tema da charla de Pancho:
http://sphotos.ak.fbcdn.net/hphotos-ak-snc4/hs762.snc4/66249_159355570755445_100000430098480_394375_7651016_n.jpg

20101011

Unha nova sobre ruido: pódese!

Collo unha entrada de 'opinión' de El País:
Valladolid, sin ruidos
ESTEFANÍA SERNA - Valladolid - 10/10/2010
"Valladolid se está convirtiendo en una ciudad libre de ruidos. Gracias al Plan de Acción contra el Ruido puesto en marcha por el Ayuntamiento y que está en vigor desde el pasado mes de febrero, las denuncias por ruido del sector hostelero se han reducido en un 90%. Esta Ley del Ruido es ahora más exigente en cuanto a su cumplimiento. Me alegra comprobar que desde el Ayuntamiento se están preocupando por el bienestar de los ciudadanos y que además están teniendo éxito con sus propuestas respecto a la política de multas y advertencias. Por fin podremos descansar a gusto." (http://www.elpais.com/articulo/opinion/Valladolid/ruidos/elpepuopi/20101010elpepiopi_10/Tes)
Por que non se pode facer en Ribadeo?

Estás afiliado á CEOE

Non o sabías? Pois si, estás afiliado á CEOE, pero sen dereitos de afiliación.
Os números en economía son mareantes para calquera do común. Por exemplo, resulta que poderás ter ou non pedido un crédito no banco, pero o estado deixoulles por ti (varía segundo as fontes) cousa duns 2 000 € para o que tivo que endebedarse e terá que pagar intereses (ós bancos, claro), unha das cousas que fai que o teu soldo se resinta (ou o 'soldo' dun recén nado, ou a pensión dunha anciá).
Pois agora que os sindicatos de asalariados foron postos a parir por ser cuna de mangantes rascabarrigas, resulta tamén que o sindicato da gran patronal ten un montón de xente nos seus cadros, e para manter a estrutura súa estrutura o estado aporta uns 10 € ó ano por cada español (ou española, bebé ou anciano, ...). Hai que dicir que suponse que boa parte desa cantidade vai á formación de desempregados (supónse: contas opacas, control nulo). Vamos, coa mesma liña de subvencións que un sindicato calquera. E parellas lacras, postos a falar ben da patronal, pois non se sabe que os secretarios xerais dos sindicatos de asalariados deban cartos ós seus traballadores.
Mentras, o partido no goberno segue a baixar nas enquisas, e a pesares de pretender unha liña semellante e sufrir e sufrir casos de corrupción, parece que o principal partido da oposición manténse ... . País ...

20101008

Están tolos estes romanos... De recuperacións e abandonos

Poñendo en perspectiva as cousas, se sobre o Castro das Grobas xa se levan feito dúas ou tres actuacións (pequenas, pero interesantes cada unha delas), e se leva abandoado dende a última, hai ano e medio, non queda menos que recibir cun sorriso como boa idea a recuperación de restos de naufraxios que pode que haxa dentro de algún tempo na costa ribadense, en particular na ría. Boa idea que será realizada no futuro (supónse), e que permitirá no caso da súa realización colaborar a equilibrar o que o Presidente de O Tesón, Pancho Campo, ten denunciado en varias ocasión: o espolio da ría e adxudicación de restos a Asturias. Agora ben, se na nota de prensa do concello se está a falar de posibilidade futura, cabería preguntarse pola realidade e profundidade de actuación, pois mesmo na nota liberada pola administración se fala de restos de naufraxios nas canles, e, a verdade, despois de múltiples dragados e corrementos de area debidos a eles, dificil, moi difícil, será que apareza algún resto novo de importancia. Claro que nunca se sabe, e o mesmo que despois de anos de aproveitamento das Grobas houbo a sorte de que non entraran arados profundamente e se poidan recuperar diversos restos, ó mellor soa a frauta e aparece algo. Nese caso, será reabandoado como nas Grobas? Dicía Astérix cando algo non lle cadraba co xeito de facer das lexións: 'están tolos estes romanos'... ó mellor era unha incomprensión cultural e normativa ante formas de facer as cousas manifestamente máis eficaces.

20101007

Lodos vermellos, seguros?

Un desatre ecolóxico en Hungría a raíz da rotura dunha balsa con lodos vermellos dunha empresa aluminera desata o temor arredor de Alcoa. Mobilízase a información e xurde a traverso da empresa, para tranquilizar, ó tempo que a balsa é algo máis que o seu posible desbordamento.
En Hungría, no interior do continente, nunha terra chá. Aquí, en pendente, á beira do mar.
Toda instalación é segura mentras non se demostra o contrario. E, cando se demostra, xa é tarde, en xeral. E, din, a instalación de Xove é segura porque aquí a parte líquida sepárase e volta á fabrica. ... pero os lodos son lodos precisamente porque poden fluír se se empapan, e na terra da choiva, dicir que a parte líquida volta á fábrica non convence moito. E, do xeito que algún xornal se posiciona pola calma, outros o fan pola beira das responsabilidades, avisando, procurando semellanzas, denunciando a proliferación de residuos, ou apostando a que a empresa propietaria non pagará a restauración... Mesmo unha plataforma de novas científicas difunde que hai en España unhas 1 000 balsas semellantes á do desastre húngaro.

Os cambios nos tempos

Onte mesmo pasaba polas miñas mans unha vella nota de prensa (ano 2006, a comezos, ou 2005, finais, non lembro ben) na que os promotores ribadenses, por medio do seu representante no momento, pedían que non se suspenderan os permisos de construcción polos graves danos que causaría á construcción e a Ribadeo en xeral. Dende aquela, houbo suspensión, houbo xestión do novo PXOM, e xestión do PXOM, e xestión do PXOM, e segue a haber xestión do PXOM, de tal xeito que hai colgada unha nota de prensa de onte mesmo do concello sobre o tema (en relación ó atranco do POL). E tamén houbo crise, lixeira baixada de prezos na construcción (segundo a prensa destes días, prevése que a baixada sexa abondo superior ó que leva sido), forte descenso de vendas, .... e aínda que retóricamente (presión política e esas cousas de xogos de maiores) segue a haber xaleo polo tema do PXOM, que se espera que remate algún día por facerse realidade, todo está abondo máis calmo que hai cinco anos.
Cambio nos tempos? Cambio de mentalidade? Cambio de circunstancias? (equivalente ó anterior 'cambio nos tempos'). A cousa está así, e polo momento, estará.

20101006

Sorrí, que veñen as eleccións

Collo un titular quente, de hoxe mesmo: "El PSOE de Ribadeo anuncia que Fomento mejorará el tramo con más accidentes de A Mariña". Entre el e o contido interior da nova pódese sacar un auténtico manual de instruccións preelectoral para os partidos que teñen algún tipo de poder 'externo', é dicir, fóra do ámbito de aplicación das seguintes eleccións (neste caso, o Psoe a nivel estatal e as municipais).
En primeiro lugar (a orde en realidade pode variar, o importante é o conxunto da mensaxe sempre que esteña ben aderezada), un aviso de que 'os seus' doutras esferas administrativas van facer algo positivo (neste caso, o aviso ven dado polo propio titular).
En segundo, poñer de manifesto o clientelismo, pero potenciado como relación, é dicir, como positivo (neste caso, a relación entre alcaldable e o Ministro de Fomento, que o arropou no seu lanzamento).
En terceiro lugar, obviar a propaganda para a presentación do tema como un feito, unha nova máis (preeleccións? non existe sitio para elas na nova).
En cuarto, obviar o lóxico: se leva o tramo en mal estado xa tempo, por que non se fixo antes o seu amaño?
En quinto, non ser ambiciosos na presentación, por exemplo, poñendo algún tipo de cláusula de resgardo por se non se cumpre 'exactamente' o desexable ter saída cara ó futuro (nuns días 'actuarase sobre parte do traxecto', que en total son uns 9 km). Unha cláusula 'b' deste apartado quinto: unha razón máis ou menos xustificada para o non cumprimento (os camións que transitarán por ese tramo ... debido a facer unha senda peonil).
Sexto, aproveitar para botar unha puya á persoa obxectivo político a batir no momento (resulta que o alcalde non saudou nun restaurante ó Ministro de Fomento, 'artífice' do futuro amaño da estrada).
E tamén, iñorar esforzos que houbera por parte do 'obxectivo político' para conseguir o feito que se anuncia (ah, pero, houbo algún movemento para conseguir o amaño da estrada?).
Alguén da máis?

20101005

Nota de prensa de O Tesón: Ciclo de charlas 'Ribadeo e ...'

A AVV O Tesón de Ribadeo, continuando na liña de anteriores actividades culturais relacionadas con Ribadeo, comunica que ten programado para o presente mes de outubro o primeiro ciclo de charlas 'Ribadeo e ...'

As charlas previstas para este primeiro ciclo, que terán lugar os días reseñados ás 20:30 en colaboración coa Casa das Letras de Ribadeo, son:

9 de outubro, sábado - Francisco Javier Campos. Ribadeo e ... o mar

15 de outubro, venres - Iván Rodríguez Lombardero. Ribadeo e ... o medio ambiente

23 de outubro, sábado - Celia Castro Fernández. Ribadeo e ... a pintura de Dionisio Fierros

30 de outubro, sábado - Luciano Zubillaga Zubillaga. Ribadeo e ... o tempo

As charlas están pensadas para unha duración variable, pero menor que unha hora, e unha rolda de preguntas posterior.
(post orixinal, aquí)

Home

Home, isto non trata de Ribadeo. Alomenos, non só. Home, unha verba que designa unha parte da humanidade, ou mesmo a humanidade enteira. Unha verba galega, verdade? Pode servir como moitas outras para testar a forza dunha lingua, mesmo a imposición dun idioma, ...
Zara Home. A primeira vez que vin as dúas verbas xuntas, non o dubidei: unha tenda da cadea Zara especializada na roupa masculina. Pero non, resulta que é o nome xenérico das tendas da cadea de Zara para o fogar. E así, ben antes de que a Xunta fixera a pinza 'castelán-inglés' quedando no medio apretuxado o galego, entre o home/fogar e o hombre/home. É dicir, a Xunta só é imitadora e sancionadora. Navega a favor da corrente, non se lle pode negar. En fin, nada novo...

20101004

Esperanza?

O "normal" é que internamente a unha asociación se impoña o que dice o 'xefe' (teña o título que teña dentro dela) da mesma. En certo xeito, por iso é o xefe. Por iso, o que pasou onte en Madrid, o ganar o membro opositor dentro do PSOE madrileño Tomás Gómez á postulada polos mandamáis do partido, Trinidad Jiménez, parece botar unha bocanada de posible renovación dentro da estrutura dese partido. Por unha vez, ganarían os de abaixo. E pode que sexa así, pero o certo é que con esta pugna entre os dous candidatos á Presidencia da Comunidade de Madrid o PSOE conseguiu facer máis visible públicamente, e mesmo máis desexable por todos, a Tomás Gómez, antes un descoñecido para a cidadanía. É dicir, conseguiu propaganda positiva gratis de paso que lograba desviar algo a atención doutros problemas. Se foi prantexado así ou non, non creo que o cheguemos a saber, e xa queda para a historia. Agora queda (para o PSOE, pero tamén para todos) o aproveitar os beneficios que poda traer.
Mentras, cabe lembrar que aquí, en Ribadeo, a elección de candidatos dos diversos partidos non sucedeu exactamente como primarias abertas cun proceso transparente. Ou si?

20101003

De incendios e incendios

Onte, vento forte, e conato de incendio, un máis, a carón da estrada da Veiga. A intencionalidade dase por segura. O chegar ata o fondo e buscar culpabilidades, iso xa é diferente e ten outra probabilidade.
O caso, o de sempre: mentras que hai xente que tenta solucionar cousas, outra tenta que os temas comúns vaian a peor, coa intencionalidade de ... ¿? a saber, depende de cada caso, pero si podemos apostar que dende a óptica persoal de quen machaca á maioría, está sacando unha ventaxa persoal, aínda que ás veces sexa relativa, a modo de satisfacción enfermiza vendo que se destúe algo común. E nese sentido, o que aplica ós incendios camiña da veiga pódese aplicar a outros moitos incendios, reais como lume ou asignables á palabra incendio como verba retórica.

20101001

Sobre a Mesa de asociacións de Ribadeo

Hai xa tres semanas que a Mesa de asociacións de Ribadeo, e dez días que foi presentado ó alcalde un escrito co texto seguinte:
"... xa hai dous anos a Mesa de asociacións fixo chegar ó sr. alcalde unha proposta de Regulamento de Participación Veciñal,
Que non se recibiu contestación algunha da mesma,
Que a comezos deste ano os participantes da mesa na xuntanza correspondente recibiron unha proposta do concello independente da anterior para a súa revisión,
Que en xuntanza mantida o venres 10 de setembro, con participación das AAVV de Vilaosende, Remourelle, Anzas, Vilela, Cedofeita e O Tesón, fíxose a revisión pedida,
Polo que
Adxúntase o documento revisado,
E solicítase unha xuntanza dos representantes das asociacións con vde."
Dez días despois, tempo prudencial para que o Concello esteña enterado, comeza a difusión ampla deste feito. En canto ó Regulamento enteiro, pronto, en Publicado en Ribadeo.