20100908

Hoxe é festa en Ribadeo

Para moitos, sen máis, é día de desfrute. Pódesenlle poñer algunhas condicións acompañantes, como o facer o paseíño e atoparse a máis xente desa que se ve de cento en vento, pero, sinxelamente, día de desfrute. Para algúns, será o día do síndrome da volta a normalidade (xa sexa polas vacacións, polo despexe do parque, polo ruído do campo, pola viciñanza das controversias políticas que se barruntan, ...). Para algúns máis, un día como calquera outro, quizáis máis parello a un domingo, pero nada máis. Aínda para outros, será o día de volta despois de pasar uns días fóra do barullo festeiro.
Sexa como sexa que se considere o que no seu tempo era o culmen das festas do oito, dende hai anos, xa abondos, as festas están cambiando. 'Non son o que eran', dirán algúns de xeito pexorativo, con tendencia a atoparse entre os máis vellos, que lembran a súa propia imaxe das festas de tempos lonxanos e a comparan co que interpretan da actualidade. Certo, varían. Teñen variado moito, e en importancia relativa en relación a outras diversións, teñen baixado moitos puntos: teñen moita máis competencia que hai anos.
En troques, as persoas deberamos seguir a ser máis ou menos, as mesmas: naturalmente, variamos ó longo da vida, pero somos substituídos en franxa de idade, en franxa de vitalidade, por outros, e é como se fora un contínuo. Continuo que está a cambiar. E ise é o principal cambio das festas, en Ribadeo e por onde se mire: Se a xente cambia, se cambiamos, se temos diferentes oportunidades, tamén cambia non só o que facemos realmente, senón tamén a percepción que temos do que facemos, nós e os demáis.
Pero, lector ou lectora, chegado xa a hora de que a banda comece a interpretar os primieros compases na procesión, como preludio de deixar os santos nos lugares de culto e da actuación central do día na praza da música, esquece ata outro momento o anterior e sinxelamente, desfruta.

Ningún comentario: