20100925

Despois de 17 anos

   A semana pasada apareceu na prensa a nova dun escrito relacionado co ruido en Ribadeo, que pode dicirse que xa foi contestado por once veciños de xeito anónimo e polo alcalde.
   Despois de 17 anos de aguantar ruído nocturno e ter acumulado unha morea de información e denuncias realizadas, ter sufrido artimañas diversas, imprecacións, ameazas, etc, decidín tomarme a cousa con calma para contestar tamén á miña vez. 
   Entendo ós veciños que asinaron e non queren darse a coñecer. Aínda que non teño constancia de que a situación sexa xeralizada, coido que se pode chamar mafia se un grupo ameaza para conseguir impor o que quere, e parece ser que nesa situación estamos. Algo alarmante. 
   Pasando ó escrito da chamada asociación de veciños Atalaia, que xa mentiu sobre min algunha vez como deixei claro, coido que defende os intereses dalgún dos seus membros, ó que non se pode sumar o valor dos argumentos, que non teñen. Por que penso iso? Baste dicir que a idea viuse afianzada despois de escoitar esta mesma semana no pleno unha pregunta sobre tres sancións 'leves' a dous locais da mesma propiedade. Din querer evitar unha caza de bruxas, e falan de igualdade e liberdade. Quizáis sexa a liberdade dalgún local para incumprir as regras durante abondo máis dunha década, ampliando paulatinamente o negocio para seguir aumentando o incumprimento. Quizáis sexa a igualdade do dereito a facer ruído invitando a facelo a quen non quere escoitalo e sufrilo. Din que está en xogo o modelo de Ribadeo que queren. Quizáis o modelo sexa o de ganar cartos cun facendo o que lle pete, e facendo sufrir a outros. Asemade, din que ¿quizáis o escrito presentado últimamente? é por afán de notoriedade dalgúns. Ó mellor mo aplican a min, que despois de tantos anos impórtame un bledo saír co meu nome na prensa (coidado, dicindo a verdade, non sendo pasto das mentiras doutros!), pero coido que neste caso están a dicilo polos once asinantes anónimos que presentaron un escrito que descoñezo. E non lle vexo moito sentido. 
   Din que se se producen molestias son por falta de civismo e non debido á actividade hostaleira, e é evidente que o servir copas non ten por que producir molestia, pero a falta de civismo maniféstase tanto en sobrepasar unha, outra, e outra vez o horario de peche como en manter as portas abertas (tendo dúas, unha aberta 'por defecto') con música sobrepasando os decibelios, con illamento escaso ou nulo, ... e tamén é evidente que a xente borracha toma copas nalgures, motivo polo cal, na normativa -que non se cumpre e aínda así tanto se opuxo a asociación a cambiar- aparece o compromiso dos locais a manter orde nos seus clientes, tamén no relacionado coas entradas e saídas. 
   Por certo, e facendo un inciso, sempre me quedou a dúbida de se o principal motivo declarado contra o cambio de normativa, a instalación dun aparello, era polo custe (unha soa vez e menos do que costa unha fiestra) ou porque entón o ruído xa non tiña evasiva para que algúns locais tenten dicir que o que molesta é o ruído que producen os outros (locais ou clientes) e non eles. 
   Falan de potenciar os locais nouturnos establecendo zonas de ocio. As zonas de ocio, para aguantar o ruído, quizáis terían que ser ás afóras, mesmo nos espazos aínda libres do polígono industrial, o que se contradí cos seus propios intereses. Piden exención de cumprimento de horarios cando a eles lles interese, pois 'o horario debe ser libre e non ten nada que ver co ruido'. Debe ser a mesma independecia horario-ruído que se produce cando a música segue a todo volume fóra do horario permitido. Falan de cumprir as medidas de insonorización ás 7 da tarde de igual xeito que ás 7 da mañá: entre outras cousas, a parte de que a normativa apoiada por eles non trata igual os ruídos a tódalas horas, tampouco é igual a transmisión de ruído con todo cerrado (incluíndo cortinas!) que 'en situación de funcionamento normal'. Falan de poñer unha taxa por medición co sonómetro municipal. Claro que, se se sobrepasa o permitido, os locais serían os que terían que pagala de xeito subsidiario, a parte da multa correspondente, pero ó final, non sería o veciño quen tivera que facelo sempre que a medición sobrepasase o permitido. Ou non é así? E que as dependencias das casas deben cumprir a normativa. Vamos, que os culpables do ruído van rematar sendo os veciños, por iso hai que poñer impedimento e dificultar a comprobación ... sinxelamente, con medir na rúa (algo que ten os seus baremos na normativa actual) poden estar as dependencias como sexan, ou medir coa ventá aberta. Unha cousa é o posible non cumprimento dalgún código técnico por unha parte e outra moi diferente e sen relación algunha, o non incumplir a lei polo outro extremo. E seguimos: piden non perseguir a locais determinados... cando se trata de sancionar ós que incumpren, non en xeral. Que só funcionen con ambientación musical os autorizados a tal efecto (aquí si, locais determinados) ... pero non din cales a teñen e non están autorizados, non vaia ser que se indispoñan cos donos. Postos a arremeter e confundir, pasan a meterse con festas, concertos e demais ó tempo que piden decretar unha 'maior permisividade acústica'. Ribadeo treme. Non de medo, senón polas vibracións producidas... E citan un texto dun decreto dirixido precisamente a esas festas de días concretos (días, di a norma, 'excepcionais', non incontrolables) que queren meter no mesmo saco que os contínuos ruídos de locais. 
   Hai máis puntos, pero non quero alongarme: finalizan pedindo o mesmo trato para todos os ribadenses. Os mesmos dereitos, as mesmas obrigas. Sí, por favor!

Ningún comentario: