20100804

Ribadeo en feminino

Ribadeo muller naceu como papel, agora propágase ós bits. A publicación tentou dende o seu nacemento de dar unha pulo ó sentemento feminino en Ribadeo, para evitar unha desigualdade efectiva entre sexos. Dende o comezo, apoiei no que puiden a súa saída, sendo consciente de que unha cousa é desigualdade e outra diferenza, unha un apoio en positivo e outra unha discriminación en negativo, de que un baixo rendemento efectivo dunha publicación non ten por que (non debería) significar a súa desaparición se a causa é boa e pode render máis no futuro... agora da este paso.
Por partes. A desigualdade muller/home segue a existir, e coido que hai tempo que non se basea na diferenza efectiva entre sexos, nas características físicas e fisiolóxicas asociadas a cada un, senón na asignación de papeis sociais e encadre en estereotipos. Papeis e estereotipos non son dados de variar, pero a traverso da historia vese branco sobre negro que non son inmutables, e a iso vai a publicación.
O apoio en positivo dun cambio, neste caso o papel da muller, pode asociarse insconscientemente cunha discriminación, que resultaría a outra cara da moeda, a do home. Coido que cando hai un desequilibrio, é cousa de corrixilo, e é mellor con accións positivas, de desenvolvemento e comunicación de pulo, que con accións negativas, de recorte e machaque pola beira dos beneficiados no desequilibrio. Aínda que pareza que cada acción positiva leva asociada unha discriminación, coido que non é así, polas posibilidades que ten cada sexo. Outra cousa é que fora desexable un maior desenvovemento conxunto ou individual nunha sociedade que se aboca a xeitos de relación ós que non estabamos afeitos hai non moito tempo, e que en moitos aspectos, empobrécese conscientemente (noutros, naturalmente, enriquécese).
Un baixo frendemento efectivo: coido que por desgraza foi a tónica de Ribadeo Muller ata o momento: moito papel 'tirado'. Nembargantes, o dito machadiano de que se fai camiño ó andar, golpe a golpe, é certo, tamén aquí: o mesmo que costou ter un mínimo de audiencia no teatro (máis de 10 anos de diferentes protagonistas en cultura) pero pouco a pouco váise conseguindo (quizáis haberá quen opine que con moitos cartos de máis tirados ...) o espallamento de ideas igualitarias entre sexos na sociedade é necesario e aínda que non se vexa polo momento o final, debemos ser conscientes de que o camiño recorrido é xa inmenso. En Ribadeo, a publicación aportou sinxelamente o seu grao de area.
Agora, o salto a internet. Internet é a plataforma necesaria para continuar, pero está a amosar que polo momento non é en moitos aspectos a substituta, aínda que tenda a selo, dalgunhas publicacións en papel dirixidas a un determinado público.
E aí está o quid da cuestión, tal como eu o vexo: que público obxectivo ten Ribadeo Muller? Está adaptada a el? Pode que indagando un pouco máis no tema nos levaramos unha sorpresa de onde está hoxe a necesidade de igualdade entre sexos en Ribadeo, despois dun continuado martilleo de esterotipos sexistas nos medios de comunicación e un retroceso do significado social da muller en máis dun aspecto, ó tempo que leva asociado un florecemento noutros.

Ningún comentario: